Ducado longobardo de Parma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O ducado de Parma foi un dos ducados instituídos polos longobardos en Italia. Son escasas as informacións sobre as súas vicisitudes internas, e é incerta a data de institución do ducado; é posíbel que proveña tanto das fases da primeira penetración longobarda da área, nos anos setenta/oitenta do século VI, como á época da conquista definitiva da cidade por parte dos longobardos, dirixida polo rei Axilulfo no 593.

Historia[editar | editar a fonte]

Coa conquista longobarda, a Regio VIII Aemilia instituída polos romanos atopouse dividida en dúas: por unha parte Piacenza, Parma, Reggio Emilia e Módena (todos ducados longobardos), e pola outra, de Rávena a Boloña, cidades bizantinas (esta última perdérona no 728 xunto con Imola).

En Parma, a finais do século VI, residía unha filla do rei Axilulfo, esposa do nobre local Gudescalco (se cadra xa duque[1]). no 590 unha incursión bizantina, forte con novos exércitos inviados polo Imperio e guiada polo patricio Galicino, volveu poñer as cidades de Módena e Mantua so o control do Exarcado de Italia, obtendo contemporaneamente a submisión dos duques de Parma, Reggio e Piacenza[1]. A esta época se remonta unha tentativa de defección contra o Imperio bizantino dos duques de Parma, Piacenza e Reggio, que pasaron ao servizo do exarca Romano a cambio dunha recompensa[2].

Probabelmente no 599 os longobardos deron reconquistado Parma pero no 601 outra incursión bizantina guiada por Galicino dá capturado a princesa e Gudescalco, que foron conducidos como prisioneiros a Rávena[3]. No 603, Axilulfo deu pasado ao contraataque e reconquistou definitivamente Parma, a onde a filla puido retornar para morrer, pouco despois, de parto[4]. A partir desta data non se transmitiron testemuños seguros sobre a supervivencia da institución ducal en Parma, e algúns historiadores teñen a hipótese de que a cidade xa non volveu a ter duques senón que foi gobernada por un gastaldo nomeado polo rei, ou sexa, un simple administrador, volvéndose dependente territorialmente do rei[1]; porén, a falta doutras confirmacións, por moito que sexa plausíbel, non deixa de ser unha conxectura[5].

No 773 Carlomagno, rei dos francos, ocupou Parma, descendendo cara Roma. A cidade convértese nun condado carolinxio. Coa derrota dos longobardos a mans dos francos, os ducados longobardos foron substituídos por condados francos, sobre os cales exerceron o poder primeiro os condes e despois, entre os séculos IX e X, os bispos; de feito concedéuselles inmunidade e privilexios aos bispos de Parma, Piacenza e Reggio[1].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Marzio Dall'Acqua; Marzio Lucchesi, Parma città d'oro, pp. 35-41.
  2. Claudio Azzara, Parma nell'Emilia longobarda, p. 2.
  3. Paulo Diácono, Historia Langobardorum, IV, 20.
  4. Paulo Diácono, IV, 28.
  5. Azzara, cit., p. 7.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Paulo Diácono, Historia Langobardorum (historia dos longobardos, Lorenzo Valla/Mondadori, Milán 1992), IV, 20-28.
  • Affò, Ireneo (1792-1795). Storia della città di Parma (en italiano). Parma: Carmignani. 
  • Azzara, Claudio. "'Parma nell'Emilia longobarda" (PDF). Reti Medievali Rivista, V - 2004/1 (gennaio-giugno)|17-07-2008. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03-05-2005. Consultado o 31 de xullo de 2013. 
  • Bernini, Ferdinando (1954). Storia di Parma. Parma: Battei. 
  • {{cita libro|apelidos=Dall'Acqua|nome=Marzio|título=Parma città d'oro|ano=1979|editorial=Albertelli|localización=Parma|coautores=Marzio Lucchesi|}
  • Jarnut, Jörg (2002). Storia dei longobardi. Turín: Einaudi. ISBN 8846440854. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]