Ducado de Asti
O Ducado de Asti foi un dos ducados instituídos polos longobardos en Italia. Son poucas as informacións sobre as súas vicisitudes internas, e é incerta mesmo a data da institución do ducado, que se remonta probabelmente xa ao momento da ocupación longobarda da cidade (569).
Asti pertencía aos dominios longobardos "lígures", en particular á rexión de Neustria (ou sexa á parte occidental da Langobardia Maior). Aínda no século XII, Pietro de Montecassino, falando de san Brunone Solaro que en 1107 foi abade da abadía de Montecassino, chámao "lígur de Asti".
Historia
[editar | editar a fonte]O primeiro duque de Asti que aparece consignado por Paulo Diácono é Gundoaldo, irmán da raíña Teodelinda, aínda que é probábel que a constitución do ducado sexa anterior, probabelmente contemporánea da ocupación longobarda da cidade (569). A cita de Gundoaldo aparece contextualizada co matrimonio da súa irmá Teodelinda con Autari, o 15 de maio de 589; os dous irmáns, fillos do duque de Baviera Garibaldo, eran católicos (a diferenza dos longobardos, que naquela época eran maioritariamente arianos ou pagáns) e algunhas fontes[1] refiren que o novo duque se esforzou para difundir a fe católica polo Piemonte.
A Gundoaldo débeselle a construción do mosteiro de Sant'Anna ad Asti, no Borgo san Rocco, e a do mosteiro de San Colombano por vontade do rei Axilulfo, o duque de Turín que collera o posto do defunto Autari como rei dos longobardos e marido de Teodelinda. Entre 612 e 615, Gundoaldo morreu, por unha ferida de frecha. Xa que Paulo Diácono e a Origo gentis Langobardorum falan nese período dunha revolta dalgúns duques longobardos (Mimulfo de San Giulio, Gaidulfo de Bérgamo, Ulfari de Treviso) sufocada polo rei Axilulfo, é probábel que a esta facción pertencese tamén o duque de Asti, e que o asasinasen por este motivo[2].
- Véxase tamén: Gundoaldo.
Expansión do ducado
[editar | editar a fonte]Despois das súas conquistas militares, o rei Rotario (636-652) deulle unha nova situación ao ducado astense, estendéndoo ata as praias da Liguria. Na súa Crónica Fredegario afirma que o rei pasou a ferro e lume as cidades lígures de Xénova, Albenga, Varigotti, Savona e Luni, reducindo as súas poboacións á escravitude. Por isto Jacopo Durandi supuxo que ningunha cidade lígur foi elevada a capital dun ducado, e que probabelmente estas terras permaneceron so a influencia astense (en particular Savona e Albenga)[3]. A tese tamén se apoia nos escritos de Paulo Diácono, que no Piemonte só fala dos ducados de Asti, Turín, San Giulio e, a continuación, de Ivrea (nos tempos de Desiderio).
O rei astense Ariperto I e a súa descendencia
[editar | editar a fonte]Á morte de Gundoaldo o ducado pasou a seu fillo Ariperto, que o gobernou ata o 653 cando, tras a morte do rei Rodoaldo, ascendeu ao trono do reino longobardo. A súa elección foi moi desexada pola facción católica dos duques longobardos, que prevaleceu sobre a ariana representada polos últimos soberanos, ata Rodoaldo.
No 661, tras nove anos de reinado, Ariperto morreu e os sucederon os seus dous fillos Perctarito e Godeperto, que se repartiron o reino; a Tuscia e a parte da Neustria que incluía Asti tocáronlle a Godeperto. Como consecuencia das discordias entre os dous irmáns, Grimoaldo, duque de Benevento, no intento de se impor sobre os dous e subir ao trono, aproveitou a petición de axuda de Godeperto, que lle ofreceu a súa irmá Teodota en matrimonio. Marchou cara ao norte coas tropas, ademais das do seu ducado, tamén as de Spoleto e de Tuscia; xunto a Pavia matou a Godeperto, mentres en Milán Perctarito, consciente da súa inferioridade evidente, abandonou á súa vez o reino e refuxiouse onda os ávaros.
Os partidarios da dinastía bávara reuníronse en Asti e en Turín, onde se puxeron de acordo cos francos de Neustria para se aliaren contra Grimoaldo. o novo rei ameazou daquela aos ávaros coa guerra se non lle entregaban a Perctarito, que se viu, xa que logo, obrigado a retornar a Italia para se someter ao rei. Grimoaldo sabía que Perctarito, sendo de estirpe real, constituía un perigo para o seu trono e planeou asasinalo, pero, advertido a tempo, Perctarito deu escapado onda o rei franco Clotario III.
A batalla de Refrancore
[editar | editar a fonte]No 663, un nutrido exército franco pasou os Alpes e uniuse á facción de Perctarito preto de Asti, para afrontar o encontro contra o exército do rei longobardo. A poucos quilómetros de Asti, preto de val Gaminella, Grimoaldo obtivo unha esmagadora vitoria.
Conta a lenda que, cando veu chegar os francos, o exército do usurpador simulou unha fuga, abandonando o campamento e deixando unha gran cantidade de viño. As tropas de Perctarito, pensando que obtiveran unha gran vitoria, entregáronse durante toda a noite a festexos, pero o exército longobardo caeu sobre o campamento agora xa completamente desarmado, facendo unha carnizaría dos soldados de Perctarito. o sangue verquido foi tanto que se encheu o torrente Gaminella do sangue dos francos.
Desde aquel día o lugar chamouse Refrancore e deulle o nome á comuna, ao nordeste de Asti, aínda hoxe existente.
Rivus ex sanguine FrancorumRío do sangue dos francos.Jacopo Durandi, Il Piemonte Cispadano antico, páx. 298
Tamén Ariosto, no Orlando furioso, cita o feito:
Ecco morti ed onte
Al vin Lombardo la gente francesca
Corre, e riman come la lasca all'escaCanto XXXIII, stanza 13°
Perctarito despois desta desfeita ficou no exilio en Neustria, para despois volver ascender ao trono no 671.
Á morte de Cuniperto, o duque de Asti Ansprando asumiu a rexencia do fillo máis novo de idade do rei, Liutperto. Inmediatamente tivo que afrontar a rebelión do duque de Turín, Raghinperto, que se enfrontou a el preto de Novara sobre o 701 e venceuno, malia a axuda do duque de Bérgamo, Rotarit. Á morte de Raghinperto, sempre no 701, Ansprando e Rotarit tentaron novamente de volver á rexencia,e deron vencido e feito prisioneiro o fillo e sucesor de Raghinperto, Ariperto II. Este, porén, fuxiu e enfrontou en batalla os dous rexentes, vencéndoos definitivamente en Pavia no 702. Ansprando refuxiouse onda o duque de Baviera, mentres que Ariperto encarcerou e torturou aos seus familiares (a muller e os fillos), restituíndo ao pai só ao fillo máis novo Liutprando.
No 712, Ansprando volveu a Italia coa axuda do exército de Teodón II de Baviera e, despois dun encontro incerto no que morreu Ariperto, converteuse en rei novamente, asociando ao trono ao fillo Liutprando (o cal entre tanto rexera o ducado de Asti). Tres meses despois, á morte do pai, Liutprando converteuse en único rei longobardo e recompensou a Teodón II pola axuda que lle dera ao pai confiando o ducado de Asti ao fillo homónimo. O duque Teodón rexeu Asti ata a súa morte morte, cando pasou ao seu fillo Ansulfo; porén este morreu sendo novo, deixando a rexencia á súa nai Imberga.
No 744, tras a investidura do rei Rachis, o ducado pasou a Aliprando, parente do novo rei.
O territorio
[editar | editar a fonte]A corte ducal
[editar | editar a fonte]Dos datos e os achados arqueolóxicos producidos ao longo dos anos, dedúcese que o asentamento longobardo se produce, como en Brescia, nos dous extremos da cidade, preto das dúas portas romanas.
- Véxase tamén: Muralla de Asti.
O asentamento ao oeste estaba comprendido nunha área que ía da porta Torre de Santa Caterina ao complexo episcopal, á igrexa de San Anastasio, ata o castello dei Valloni; aquí atopáronse restos cerámicos datábeis entre os séculos VI e X, incluíndo un fragmento de cerámica longobarda "de estampilla", moi raro entre os achados nos centros urbanos piemonteses.
Na zona leste da cidade, preto da Porta Arcus, debía atoparse a corte ducal.
O único documento que trata da curtis ducati da cidade de Asti é do 1 de agosto de 880 e, referíndose a ese lugar, sinálaa tamén como sede do mallo público, isto é, dos tribunais. Este documento coloca a corte nas proximidades da colexiata de San Secondo.
Nos anos noventa do século XX, durante unhas escavacións na área do cemiterio próxima á ábsida da colexiata, veu á luz unha gran cantidade de restos humanos, pertencentes a cidadáns de Asti que viviron entre os séculos VIII e o XV aproximadamente. Catro destas sepulturas pertencían á mesma tipoloxía cás da Francia suroriental dos séculos VII-IX, das de Aosta do cemiterio de San Lorenzo (século VII) e as da Abadía de Novalesa do século X. Segundo a determinación do Carbono-14, as tumbas datáronse entre os séculos VIII e principios do IX.
A presenza da colexiata e da área do cemiterio confirman a tese de que nesta zona estaba o centro do poder longobardo en Asti.
Construcións longobardas no ducado de Asti
[editar | editar a fonte]Un edito do rei Rotario permitiu a moitos artesáns "forasteiros" emigrar aos territorios longobardos para traballar nas construcións do reino. Con eles traballaron seguramente artesáns locais.
Do período longobardo ficaron achados datábeis entre os séculos VI e IX:
- Preto da catedral de Asti, ao oriente, aparecen algúns capiteis, datábeis sobre o século VI, que forman a chamada cripta de San Xoán. Probabelmente estes son os restos dunha igrexiña xurdida sobre a tumba do bispo astense san Aniano, sobre a cal xurdiu a primeira basílica longobarda. a maior parte das estruturas antigas foron destruídas no 1309 coa reforma da ábsida; fica aínda a escaleira de lasdrillos que descendía nun tempo da basílica á tumba do primeiro bispo de Asti.[4].
- Outros achados están presentes na columnata da cripta de sant'Anastasio. Daquino ten a hipótese de que se trate do descubrimento da tumba do bispo Anastasio, datábel sobre o século V; sobre a tumba, a continuación, sería construído unha edícula e, aínda máis tarde (século IX), unha primeira igrexa carolinxia. De distinta opinión é Silicani, que exclúe a relación entre a cripta e o santo astense e data a construción no período "liutprandeo" (século VIII), período de máximo culto do mártir asirio Anastasio.[5]
- Véxase tamén: Arte longobarda e Renacemento liutprandeo.
Os duques e a Igrexa de Asti
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Diocese de Asti.
A maior parte dos duques astenses pertenceron á facción católica dos longobardos, representada pola dinastía bávara. Ademais a colexiata, que estaba na zona da corte, tiñas nas súas proximidades un edificio bautismal chamado "San Xoán ad fontes" (do cal fica o topónimo ata o século XVIII), subliñando a importancia da colexiata so o aspecto de "igrexa matriz".[6]
O bispo Segundo "defensor da fe"
[editar | editar a fonte]O abade Segundo, citado por Paulo Diácono como conselleiro espiritual da raíña Teodelinda e que oficiou o bautismo do príncipe herdeiro Adaloaldo, segundo Daquino [7] sería o bispo astense Segundo, mesmo se á máis frecuente a identificación do prelado co monxe Segundo de Non[8][9].
O bispo Segundo tería desenvolvido un gran labor diplomático de pacificación entre os longobardos e os bizantinos da cidade de Asti, convencendo tamén aos invasores á conversión. Por estes méritos, o bispo gañou para si o título de mártir, no significado máis amplo do termo, isto é, de defensor da fe. Á súa morte (século VI) sería sepultado fóra das murallas preto da corte longobarda, construíndo enriba primeiro unha edícula e a continuación a colexiata.
Elenco dos bispos astenses no período longobardo
[editar | editar a fonte]- San Aniano, finado no século V.[10]
- Anastasio, finado no século V.[10]
- Pastor, finado no (século V).
- Maioriano, finado no (século V).
- Segundo, finado no século VI.[10]
- Benedato, finado no século VII.
- Evasio, finado entre 685-713[10]
- Evasino, bispo de Asti, finado no século VIII[10]
Elenco dos duques de Asti
[editar | editar a fonte]- Gundoaldo (589-612/615)[11]
- Ariperto I (615-653).
- Perctarito (661-662).
- Cuniperto (671 – 688).
- Ansprando (688 – 701).
- Liutperto (701).
- Teodón (século VIII).
- Ansulfo (século VIII).
- Imberga (ata 744).
- Aliprando (744-século VIII).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nicola Gabiani, Asti nei principali suoi ricordi storici, páx. 232-233
- ↑ Ibídem.
- ↑ Jacopo Durandi, Il Piemonte Cispadano antico, páx. 298.
- ↑ Pietro Daquino, L'antica basilica di Santa Maria, pagg. 110-114.
- ↑ S. Taricco, Piccola storia dell'arte astigiana.
- ↑ A.Crosetto, Il periodo altomedievale: dati archeologici e frammenti erratici, en L'insigne collegiata di San Secondo di Asti.
- ↑ AA.VV.il Platano, rivista per lo studio della cultura ed attività astigiana. Asti 1976
- ↑ Origo gentis Langobardorum de autor anónimo e Historia Langobardorum de Paulo Diácono
- ↑ Vergano, citando a Paulo Diácono e a súa crónica, fala tamén do bautismo de Axilulfo, que chegou por obra do bispo de Trento Segundo; para Vergano e Cipolla, porén, isto non tería sido posíbel pois colocan naquel período á fronte da diocese de Trento ao bispo Agnelo
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Polo que atinxe aos bispos da diocese astense dos primeiros séculos, e en particular para as noticias que atinxen a Aniano, Anastasio, Segundo, Evasio e Evasino, as noticias fan mención aos estudos tirados dos textos de Guglielmo Visconti, Diocesi di Asti e Istituti di vita religiosi, Asti 2006, e dos estudos publicados na revista il Platano da don S. Dacquino no 1979.
- ↑ Trátase do único duque de Asti testemuñado con certeza: viviu a finais do século VI e morreu no 612 aproximadamente (S. Gasparri, I duchi Longobardi).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Paulo Diácono, Historia Langobardorum (Storia dei Longobardi, Lorenzo Valla/Mondadori, Milán 1992).
- AA.VV, L'insigne Collegiata di S.Secondo di Asti. U.Allemandi 1998.
- Bianco Alfredo, Asti Medievale, Ed CRA 1960.
- Bera Gianluigi, Asti edifici e palazzi nel medioevo. Gribaudo Editore Se De Co de Lorenzo Fornaca 2004 ISBN 88-8058-886-9.
- Cipolla Carlo, Appunti per la storia di Asti, Venecia 1891.
- Pietro Daquino, L'antica basilica di Santa Maria, en il Platano, ano XVI, 1989.
- Jacopo Durandi, IL Piemonte Cispadano antico, Turín 1774.
- Gabiani Niccola, Asti nei principali suoi ricordi storici vol 1, 2,3. . Tip. Vinassa 1927-1934.
- Gasparri S., I duchi Longobardi, Roma 1978.
- Grassi S., Storia della città di Asti vol I,II. Atesa ed.1987.
- Incisa Stefano Giuseppe, Asti nelle sue chiese ed iscrizioni, 1934.
- Jörg Jarnut, Storia dei Longobardi. Turín. Einaudi, 2002. ISBN 8846440854
- Gianfranco Monaca, Asti, San Secondo dei mercanti. Gribaudo e SE.DE.CO.de Lorenzo Fornaca Asti 1997.
- Can. Lorenzo Gentile, La vita di S.Secondo. (Seconda edizione riveduta e accresciuta). 1932.
- Malfatto Venanzio, Asti antiche e nobili casate. il Portichetto 1982.
- Taricco Silvia, Piccola storia dell'arte astigiana . Quaderno del Platano, Ed. il Platano 1994.
- Vergano L., Storia di Asti Vol. 1,2,3. Tip. S.Giuseppe Asti, 1953, 1957.
- Vergano L., Vicende storiche di Refrancore, ed. L'autore 1996.