Ducado de Treviso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Ducado de Treviso foi un dos ducados instituídos polos longobardos en Italia. Son escasas as informacións sobre as súas vicisitudes internas; durante o reino longobardo tivo un peso político relevante só en certas ocasións e grazas á personalidade dalgún duque particular, encerrado como estaba entre os veciños e ben máis potentes ducados de Vicenza e do Friúl.

É incerta a data da institución do ducado, aínda que é probábel que se remonte á época mesma da conquista longobarda da área, que tivo lugar nas primeiras fases da invasión liderada por Alboíno no 568. O ducado en efecto figura xa entre os que pouco despois do decenio de interregno, ao redor do 590, se rebelaron contra o rei Autario, apoiando a campaña conxunta de francos e bizantinos para eliminar o novo dominio longobardo en Italia. O duque de Treviso, probabelmente xa o Ulfario mencionado por Paulo Diácono na súa Historia Langobardorum (IV, 3), uniuse á revolta nunha segunda fase (590), logo que a primeira ofensiva franco-bizantina, apoiada por unha vintena de duques longobardos, obtivera algúns éxitos contra Autario, ata o punto de obrigalo a atrincheirarse na capital, Pavía. O soberano, con todo, deu feito rapidamente para rematar a campaña militar, no mesmo 590, obrigando aos invasores a se retiraren. Ulfario rebelouse novamente poucos anos despois, a mediados dos anos noventa, contra o sucesor de Autario, Axilulfo. Líder desta vez da revolta, xunto cos duques de Bérgamo e de Verona, resultou novamente derrotado ao redor do 602-603, cando Axilulfo cercou a capital do ducado, a conquistou e prendeu a Ulfario. O duque, desta volta, foi axustizado.

Pouco menos dun século máis tarde, o ducado veuse novamente envolto nunha rebelión contra o lexitimo soberano. Tratábase desta volta da sublevación liderada por Alachis, duque de Trento, entre o 688 e o 690. O rebelde deu reunido en torno a si a toda a área oriental da Longobardia Maior (a Austria), onde eran máis fortes as tendencias autonomistas, filo-arianas e militaristas entre os duques longobardos. Paulo Diácono precisa que Alachis someteu as varias sedes ducais "en parte coas promesas, en parte coa forza" e, no caso de Treviso, especifica que se tratou dunha ocupación (Historia Langobardorum V, 39). A revolta foi, con todo, sufocada en pouco tempo, no 690, polo rei Cuniperto, que venceu e matou o usurpador en batalla.

Durante a época ducal, Treviso estaba dotada dunha importante ceca para a cuñaxe de moeda. O aumento da súa importancia e a súa estratéxica posición xeográfica lle valeron, no reinado de Desiderio, o privilexio de poder emitir tremís de ouro. A ceca continuou a traballar mesmo despois da caída do reino longobardo (774), baixo os carolinxios. Ao día seguinte da conquista da Longobardia Maior por parte de Carlos Magno, o duque de Treviso Estabilinio estivo entre os promotores da revolta contra o emperador liderada polo duque de Friúl, Rotgaudo (776); o rei franco, con todo, sufocou doadamente a rebelión. Preto de Treviso Carlos Magno festexou a Pascua o 14 de abril de 776, a sanción pola derrota total dos revoltosos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]