Ditea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ditea (Difusión de Teatro Afeccionado) é unha asociación de teatro de cámara fundada en Santiago de Compostela en 1960.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Folleto dunha representación de Mesmo semellaban bruxas, 1980.

Fundárona Agustín Magán, Luis Rodríguez Míguez e Mariluz Villar Otón, entre outros, previo ao movemento Abrente (Mostras de Ribadavia). Constitúe o nacemento do teatro contemporáneo en Galicia, entendido como feito espectacular. O seu labor divídese en dúas etapas, a primeira que comprende dende o ano 1960 ata 1975, con dedicación ao teatro en castelán, e a segunda dende 1970 á actualidade, con dedicación ao teatro en galego. Con respecto a esta última, destácase a introdución de textos irlandeses na dramaturxia galega.

Con respecto á primeira etapa, Ditea fai un teatro ecléctico, cun interese de difusión teatral baseado nun criterio universalista. Representa oito autos sacramentais na Praza da Quintana, en Santiago. Dedícase ao novo teatro español e ao teatro realista, con representación de autores como Alfonso Sastre ou Fernando Arrabal, dá un repaso exhaustivo ao teatro mundial e de tódalas épocas, incluído o de vangarda. Participa tamén na vida cultural teatral coa organización de xornadas e conferencias. O colectivo promove a actuación de Los Goliardos, entre outros, en Santiago e invita conferenciantes como José Monleón, Ricardo Doménech ou Ricardo Carballo Calero). Ditea participa na instauración en 1963 do Día Mundial do Teatro en Galicia, ou a posta en escena de textos coetáneos. Xera ademais nesta primeira etapa un gran número de críticas e páxinas dedicadas en prensa.

Entre os textos representados por Ditea cóntanse autos sacramentais de Pedro Calderón de la Barca como El gran teatro del mundo ou El pleito matrimonial del cuerpo y el alma; autos de Lope de Vega como La Siega, e outros autos de Moreto, José Valdivielso ou Mira de Amescua. Tamén cóntanse na súa historia En la red de Alfonso Sastre, Oración de Fernando Arrabal, e obras de Fernando de Rojas e José Zorrilla, Luigi Pirandello, Cabral de Melo Neto, Lenormand, Osborne, Eugene O’Neill, Molière, Carlo Goldoni, Candoni, Sergio Vodanovic, Osvaldo Dragún, Mihura, Juan Antonio Castro, Jiménez Romero, Miguel Ángel Rellán, Emilio Carballido, Hènri Ghèon (cuxo texto O morto a cabalo foi traducido por primeira vez ao español para Ditea), Aquilino Iglesia Alvariño (cuxo versión ao galego A comedia da oliña, de Plauto, constitúe unha estrea mundial da man de Ditea), Synge, O'Casey e Yeats, entre outros.

Ditea tamén gaña premios como o Hércules de Prata á mellor actriz da Coruña (1966) para Mariluz Villar Otón por Entre bobos anda el juego e os premios Máscara de Ouro de Lugo á mellor montaxe, dirección (Agustín Magán) e mellor actriz (Mariluz Villar Otón) por Morte e vida severina de Cabral de Melo Neto. Ditea recibiu en 1986 a Medalla de Prata ó Mérito Cultural outorgada polo Concello de Santiago de Compostela. De Ditea xorden nomes do teatro galego como Mariluz Villar Otón, Euloxio R. Ruibal, Xosé Manuel Olveira "Pico" e Mela Casal, e outras personalidades da cultura española como Alfonso Armada, José Antonio Silva, Pepe Domingo Castaño ou Juan Jesús Valverde.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]