Diane di Prima
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de agosto de 1934 Brooklyn, Estados Unidos de América |
Morte | 25 de outubro de 2020 (86 anos) San Francisco, Estados Unidos de América |
Ideoloxía política | Movemento de aceptación da gordura |
Educación | Swarthmore College (pt) Hunter College High School (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Poesía, autobiografía e actividade tradutora |
Ocupación | poetisa, escritora, tradutora, autobiógrafa |
Período de actividade | 1957 - 2020 |
Empregador | Naropa University (en) |
Movemento | Xeración beat |
Obra | |
Arquivos en | |
Familia | |
Fillos | Dominique di Prima |
Descrito pola fonte | Obálky knih, American Women Writers |
Diane di Prima, nada en Brooklyn, Nova York, o 6 de agosto de 1934 e finada en San Francisco, California, o 25 de outubro de 2020, foi unha poeta estadounidense.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en Brooklyn (Nova York), o 6 de agosto de 1934, sendo a segunda xeración estadounidense de ascendencia italiana cuxo avó materno, Domenico Mallozzi, foi un activo anarquista asociado a Carlo Tresca, incansábel defensor dos dereitos dos traballadores, e a Emma Goldman, unha das pioneiras na loita pola emancipación da muller. Di Prima comezou a escribir á idade de sete anos e decidiu ser poeta aos catorce.[2]
Con dezanove anos, mantiña correspondencia con Ezra Pound, que revolucionou a linguaxe poética da época eliminando todos os elementos superfluos da poética e a retórica, e con Kenneth Patchen, pacifista convencido, seguido polos máis novos pola intemporalidade das súas crenzas e ideas, mais pouco encomiado como poeta polos críticos da época, debido á súa preocupación polos problemas sociais da década dos 30. Di Prima asistiu ao Instituto Hunter e á Universidade Swarthmore, en Manhattan, onde viviu e escribiu durante moitos anos. O seu primeiro libro de poesía, This Kind of Bird Flies Backward (Esta especie de paxaro voa cara a atrás), publicárono en 1958 a editorial Hettie e LeRoi Jones.[Cómpre referencia]
Implicación no movemento beat
[editar | editar a fonte]Di Prima pasou o fin dos anos 50 e principios dos 60 en Manhattan, onde participou no incipiente movemento beat e onde chegou a ser coñecida como unha importante escritora dentro deste movemento. Despois, pasou algún tempo en Stinson Beach e Topanga Canyon, en California. Logo, regresou a Nova York e, finalmente, trasladouse definitivamente a San Francisco. Foi unha figura ponte entre o movemento beat e os últimos hippies, así como entre os artistas da costa leste e a costa oeste.[Cómpre referencia]
Durante os anos en que residiu en Manhattan editou o boletín literario The Floating Bear (O oso flotante) (1961-1969) con Amiri Baraka (LeRoi Jones), poeta, ensaísta, dramaturgo, músico e profesor universitario. Tamén foi cofundadora do Teatro de Poetas de Nova York e fundadora da Poets Press, que publicou a obra de moitos escritores novos da época. En varias ocasións, enfrontouse a cargos por obscenidade, acusada polo goberno dos Estados Unidos, debido ao seu traballo no Teatro dos Poetas de Nova York e no xornal The Floating Bear. En 1961, foi detida pola FBI, pola publicación de dous poemas en The Floating Bear. Di Prima sempre afirmou que foi acosada constantemente pola policía debido á natureza da súa poesía.[Cómpre referencia]
En 1966, trasladouse a Nova York, onde pasou algún tempo en Millbrook coa comunidade psicodélica de Timothy Leary e imprimiu as dúas primeiras edicións de Psychodelic Prayers (Oracións psicodélicas) de Leary (primavera de 1966). En 1969, escribiu unha novela de relato erótico, na que detallaba a súa propia experiencia no movemento beat, titulada Memoirs of a Beatnik (Memorias dunha beatnik).[Cómpre referencia]
Desde 1974 até 1997, di Prima ensinou poesía na Jack Kerouac School de Disembodied Poetics ("poetas desencarnados"), do Instituto de Naropa en Boulder, Colorado, compartindo o programa cos seus compañeiros beat Allen Ginsberg (cofundador do programa), William Burroughs, Gregory Corso e outros. No 2001, publicou Recollections of My Life as a Woman: The New York Years (Recordos da miña vida como muller: os anos de Nova York).[Cómpre referencia]
Carreira
[editar | editar a fonte]A finais de 1960, mudouse definitivamente a California, onde viviu até o seu falecemento. Alí, participou nas actividades políticas dos Diggers e estudou budismo, sánscrito, alquimia e gnosticismo. En 1966, asinou un voto de resistencia a pagar impostos para protestar contra a guerra de Vietnam. Tamén publicou a súa obra principal, o poema longo Loba, en 1978, cunha edición ampliada en 1998.[Cómpre referencia]
Desde 1980 até 1987, ensinou as tradicións herméticas e esotéricas da súa poesía nun breve mais significativo programa Mestrado de Poetas no New College de California, xunto aos poetas Robert Duncan e David Meltzer. Tamén deu clases no California College of Arts and Crafts e no San Francisco Arts Institute. Foi tamén unha das cofundadoras do San Francisco Institute of Magical and Healing Arts (SIMHA), onde ensinou as tradicións espirituais occidentais desde 1983 até 1992. Foi autora de 43 libros de poesía e prosa, incluídos os seus poemas seleccionados Pieces of a Song (Anacos dunha canción), que se publicaron en 1990, e un libro de memorias, Recollections of My Life as a Woman (Recordos da miña vida como muller), publicado no 2001. Foi tamén prosista, dramaturga e activista a favor da xustiza social e docente.[Cómpre referencia]
A súa obra traduciuse a máis de 20 idiomas, e recibiu premios ao seu labor poético do National Endowment for the Arts. En 1993, recibiu un premio da asociación nacional de poesía Lifetime Achievement. Entre maio e xuño de 1994, foi Master Artist-in-Residence no Atlantic Center for the Arts. En 1999, recibiu o título honorífico de doutora en literatura pola Universidade de St. Lawrence. Na primavera do 2000, foi Master Poet-in-Residence no Columbia College de Chicago. No 2002, foi unha dos tres finalistas para o premio Poeta Laureado de California, e no 2009 foi nomeada Poeta Laureada de San Francisco. Leu dous dos seus poemas no icónico concerto de despedida The Last Waltz, de The Band. O primeiro foi "Get Yer Cut Throat off My Knife" (Conseguir cortar a garganta co meu coitelo), e o segundo, "Revolutionary Letter #4" (4.ª carta revolucionaria). Actualmente, hai un movemento en marcha para nomear unha rúa de San Francisco na súa honra.[Cómpre referencia]
Di Prima tamén traballou desde os anos 60 como fotógrafa e artista collage, e nos últimos dez anos volveu retomar a acuarela. Realizou catro exposicións individuais e participou en numerosas exposicións colectivas. Colaborou tamén coa cineasta Melanie La Rosa para facer o documental The Poetry Deal: a filme with Diane di Prima (O trato da poesía: unha película con Diane di Prima). A película ten unha grande importancia histórica, pois é a única que se centra exclusivamente no traballo de Di Prima. Posúe, ademais, curiosos e raros arquivos de imaxes e gravacións dela lendo os seus traballos en 1974.[Cómpre referencia]
Estas gravacións tomáronse en lugares nos que Di Prima tivo bos contactos e relacións, como na Universidade de Naropa, no Proxecto de Poesía da cidade de Nova York e no Centro de Poesía da Universidade Estatal de San Francisco. A película tamén ofrece lecturas contemporáneas da súa poesía, lidas polos seus amigos e por ela mesma, incluída unha lectura espontánea no 2007 de The Poetry Deal por ela mesma na súa casa, outra lectura de "Song for Baby-O", no 2009, gravada nun festival de poesía en Gloucester, Massachusetts, e varios poemas-película rodados en varios actos para crear unha estética única en homenaxe á estética literaria da súa obra. As reaccións a The Poetry Deal: a film with Diane di Prima permítenlle ao espectador experimentar directamente a poesía da autora.[Cómpre referencia]
Di Prima viviu e escribiu en San Francisco, onde impartiu talleres nos que lles ensinaba aos asistentes como combinar pinturas ou fotografías coa palabra impresa; tamén deu clases particulares individuais sobre escritura e creatividade. Á súa morte, deixou varias obras poéticas na imprenta: entre elas, a edición ampliada de Revolutionary Letters, publicada por Last Gasp Press de San Francisco, que contén máis de 20 poemas políticos novos escritos nas dúas últimas décadas. Outras obras en curso inclúen The Poetry Deal: Poems from the 1980s and 90s; Death Poems for All Seasons (Poemas de morte para todas as estacións), Estudos alquímicos (poesía), Not Quite Buffalo Stew, unha novela surrealista sobre a vida de California; The Mysteries of Vision (Os misterios da visión), un libro de ensaios sobre H.D., e One Too Like Thee, un estudo do uso da maxia tradicional occidental na súa vida e obra.[Cómpre referencia]
As obras de di Prima estúdanse nas Universidades de Louisville, Indiana, Southern Illinois e Carolina do Norte. A súa poesía presenta a miúdo unha loita contra os disturbios sociais e políticos que ocorreron na década de 1960 e 1970. Aínda que moitos dos seus poemas tiveron un punto de vista social ou político, gran parte dos seus escritos tamén incluíron problemas de relacións persoais e aspectos da súa vida. A maior parte da súa obra máis recente trata sobre temas especificamente femininos e outros sobre prácticas relixiosas, especificamente orientadas á filosofía oriental. O poema de di Prima Brass Furnace Going out é un dos seus poemas máis famosos e baséase nun aborto que tivo, en contra da súa vontade e a pesar da súa convicción de que o aborto era algo erróneo. Durante varias décadas rexeitou a súa publicación tras as malinterpretacións que del facía a dereita conservadora norteamericana.[3] [Cómpre referencia]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Di Prima tivo cinco fillos: Jeanne di Prima, Dominique di Prima, Alex Marlowe, Tara Marlowe e Rudi di Prima. Casou con Alan Marlowe en 1962 (divorciouse en 1969) e con Grant Fisher en 1972 (divorciouse en 1975).[2]
Era unha budista convencida. En California fundou o Instituto de Artes Máxicas e Curativas.[2]
Premios e distincións
[editar | editar a fonte]- Poet Lauret de San Francisco (2009).
- Premiada pola Asociación Nacional da Poesía
- Doutora Honoris Causa pola Universidade de St. Lawrence
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- This Kind of Bird Flies Backward, Totem Press, Nova York, 1958
- Dinners and Nightmares (historias curtas), Corinth Books, 1961 (reeditado Last Gasp, 1998)
- Seven Love Poems from the Middle Latin (traducións), The Poets Press, 1965
- Poems for Freddie, 1966
- War Poems (editora), Poets Press, Nova York, 1968
- Memoirs of a Beatnik, Olympia Press, 1969 (reeditado con novo epílogo, Last Gasp, 1988)
- The Book of Hours, 1970
- Selected Poems: 1956-1975, North Atlantic Books, Plainfield, 1975
- Loba, Parte II, Eidolon Editions, Point Reyes, 1976
- Selected P: 1956-1976, North Atlantic Books, 1977
- Loba, Partes 1-8, 1978
- Revolutionary Letters, City Lights, 1971
- Pieces of a Song: Selected Poems, City Lights, 1990
- Recollections of My Life as a Woman The New York Years, Viking Press, NY, 2001
- The Poetry Deal, City Lights, 2014
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Redacción (25 de outubro de 2020). "San Francisco’s Diane di Prima is dead at 86: she decided to be a poet at 14, and wrote every day for the rest of her life". The Book Haven (en inglés) (Stanford). Consultado o 26 de outubro de 2020.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Jofré, José Pablo (3 de novembro de 2020). "La Beatnik más brillante y prolíficaː Diane di Prima (1934-2020)". Madrid: 54.
- ↑ "La primera antología de Diane di Prima en castellano se publica en Torremozas (http://www.torremozas.com/Diane-di-Prima)". Ligazón externa en
|title=
(Axuda)