Daphne du Maurier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Daphne du Maurier
Young Daphne du Maurier.jpg
Nacemento13 de maio de 1907
 Londres
Falecemento19 de abril de 1989
 Cornualles
NacionalidadeReino Unido
Ocupaciónnovelista, escritora, guionista, dramaturga, biógrafa e escritora de ciencia ficción
PaiGerald du Maurier
NaiMuriel Beaumont
CónxuxeFrederick Browning
FillosTessa Browning e Flavia Browning
IrmánsAngela du Maurier
Coñecido/a porRebecca e The Scapegoat
PremiosDama comendadora da Orde do Imperio británico, National Book Award, Edgar Award e Orde do Imperio Británico
editar datos en Wikidata ]

Daphne du Maurier, DBE, nada en Londres o 13 de maio de 1907 e finada en Fowey (Cornualles) o 19 de abril de 1989, foi unha escritora británica famosa por novelas como Rebecca, publicada en 1938, e My Cousin Rachel, ambas levadas ao cine. Os filmes Jamaica Inn e Os paxaros de Alfred Hitchcock tamén se basearon en relatos dela.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia[editar | editar a fonte]

Daphne du Maurier naceu en Londres, a mediana das tres fillas do prominente actor e representante Sir Gerald du Maurier e a actriz Muriel Beaumont. A súa nai era sobriña materna do xornalista, autor e conferenciante William Comyns Beaumont[1] e o seu avó foi o autor e debuxante de Punch, George du Maurier, quen creou a personaxe de Svengali na novela Trilby. A súa irmá máis vella, Angela du Maurier, tamén se converteu en escritora, e a súa irmá máis nova, Jeanne du Maurier, era pintora.

Du Maurier tamén era prima dos nenos de Llewelyn Davies, que serviron como inspiración de J. M. Barrie para as personaxes da obra Peter Pan or The Boy Who Would not Grow Up. De pequena, coñeceu moitos actores de teatro destacados, grazas á celebridade do seu pai. Ao coñecer a Tallulah Bankhead, foi citada dicindo que a actriz era a criatura máis fermosa que xamais vira.[2]

Carreira[editar | editar a fonte]

Daphne du Maurier creceu nun ambiente culto e recibiu dos seus pais unha moi boa educación. A súa familia era adiñeirada, pero ela sempre quixo vivir da escritura. As súas conexións familiares axudárona a establecer a súa carreira literaria, e du Maurier publicou algúns dos seus primeiros traballos na revista Bystander do seu tío Beaumont. Con pouco máis de vinte anos, publicou a súa primeira novela, The Loving Spirit (1931).

Casou en 1932 co lugartenente Frederick Arthur Motague Browning, que chegou a ser heroe de guerra e recibiu tratamento de sir e ela mesma obtivo a distinción de dama. Con todo, nunca estivo compracida co seu matrimonio.

O seu libro máis famoso foi Rebecca (1938). Ademais das súas obras máis coñecidas por ser levadas ao cine, escribiu moitos relatos nos que reflicte mulleres traumatizadas ou perversas, cuxa insatisfacción non calma coa mesma morte. É o caso dos relatos The Apple Tree, The Little Photographer ou Kiss Me Again, Stranger. Historias de crueldade, discreta misoxinia, ambientes cargados de enerxías negativas, que se adiantaron aos que logo trazou Patricia Highsmith.

A maior parte da súa vida viviuna no suroeste de Inglaterra e moitas das súas obras tratan sobre ese lugar. Residiu no castelo de Menabille, unha mansión situada na costa de Cornualles, que lle serviu como escenario dalgunhas das súas obras e onde tivo tres fillos. Nos seus últimos anos viviu na súa casa en Fowey, xunto ao océano. Gustáballe observar as aves.

Morte[editar | editar a fonte]

Du Maurier morreu o 19 de abril de 1989, á idade de 81 anos, na súa casa en Cornualles, que fora escenario de moitos dos seus libros. Foi incinerada e as súas cinzas espalláronse polos cantís de Fowey, Kilmarth, en Cornualles.[3][4]

Obras[editar | editar a fonte]

Menabilly house en Fowey, que du Maurier arrendou en 1943. Restaurouno dun estado descoidado e converteuno no seu fogar ata 1969.

A novela Rebecca (1938) foi unha das obras de máis éxito de du Maurier. Foi un éxito inmediato, vendeu case tres millóns de copias entre 1938 e 1965, nunca se esgotou, e foi adaptada ao escenario e á pantalla varias veces. Nos Estados Unidos gañou o Premio Nacional do Libro de 1938, votada polos membros da American Booksellers Association.[5] No Reino Unido, incluíuse no número 14 da lista "A novela máis querida da nación" na enquisa da BBC de 2003 de The Big Read.[6] Outras obras significativas inclúen The Scapegoat, The House on the Strand e The King's General. A última desenvólvese no medio da primeira e segunda Guerra Civil Inglesa, escrita dende a perspectiva realista do seu adoptado Cornualles.

Varias das súas outras novelas tamén foron adaptadas á pantalla, incluíndo Jamaica Inn, Frenchman's Creek, Hungry Hill e My Cousin Rachel. O filme de Alfred Hitchcock Os paxaros (1963) baséase no tratamento dun dos seus contos, igual que Don't Look Now (1973), de Nicolas Roeg. O tratamento de Hitchcock de Jamaica Inn foi rexeitado polo director e a autora, debido a unha completa reescritura do final para acomodar o ego da súa estrela, Charles Laughton. Du Maurier tamén considerou que Olivia de Havilland fora escollida erroneamente como a antiheroína de My Cousin Rachel.[7] Frenchman's Creek resultou mellor nunha luxosa versión en Technicolor, lanzada en 1944. Du Maurier logo lamentou a súa escolla de Alec Guinness como protagonista de The Scapegoat, que financiou en parte.[8]

Du Maurier a miúdo foi catalogada como unha "novelista romántica", un termo que deploraba, dado que as súas novelas de cando en vez tiñan un final feliz, e a miúdo mostraban connotacións sinistras e sombras do paranormal.[9] Neste sentido, ela ten máis en común coas "novelas de sensacións" de Wilkie Collins e outros, que ela admiraba. Un obituario escribiu: "Du Maurier era a amante da irresolución calculada. Non quería deixar as mentes dos seus lectores en repouso. Quería que os seus enigmas persistisen. Quería que as novelas seguisen axexándonos máis aló dos seus finais".[10]

A novela de Du Maurier, Mary Anne (1954) é un relato ficticio da súa tataravoa, Mary Anne Clarke (de solteira Thompson, 1776-1852), que, dende 1803 a 1808, foi amante de Federico Augusto, duque de York e Albany (1763-1827). Era o "Gran Vello Duque de York" da canción infantil, fillo do rei Xurxo III, e irmán dos reis Xurxo IV e o Guillerme IV. A personaxe central da súa última novela, Rule Britannia, é unha actriz que envellece, que se cre que está baseada en Gladys Cooper (á que está dedicada).

Os contos de Du Maurier son máis escuros: The Birds, Do Not Look Now, The Apple Tree e The Blue Lenses son contos de terror finamente deseñados que asombraron e sorprenderon a súa audiencia en igual medida. Como escribiu a súa biógrafa Margaret Forster, "satisfixo todos os cuestionables criterios da ficción popular e, con todo, tamén satisfixo os esixentes requisitos da literatura real".

Un recente descubrimento dunha colección de contos esquecidos de du Maurier, escritos cando a autora tiña 21 anos, proporciona unha idea do seu estilo maduro. Un deles, The Doll, refírese á obsesión dunha muller nova cun boneco sexual masculino mecánico; foi considerado polo fillo de du Maurier, Kit Browning como "bastante adiantado ao seu tempo".[11]

Nos seus últimos anos escribiu non ficción, incluíndo varias biografías como Gerald, a biografía do seu pai. The Glass-Blowers traza a súa ascendencia hugonota francesa e representa vividamente a Revolución Francesa. The du Mauriers traza o traslado da familia de Francia a Inglaterra no século XIX.

The House on the Strand (1969) combina elementos da "viaxe mental no tempo", unha tráxica historia de amor no Cornualles do século XIV, e os perigos de usar drogas que alteran a mente. A súa última novela, Rule Britannia (1972), xoga co resentimento dos ingleses en xeral e da xente de Cornualles, en particular, ante o crecente dominio dos Estados Unidos nos asuntos británicos.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Du Maurier casou co comandante (máis tarde tenente xeneral) Frederick "Boy" Browning en 1932. Tiveron tres fillos:

  •  Tessa (nada en 1933), quen casou co maior Peter de Zulueta. Despois de divorciarse, casou con David Montgomery, segundo vizconde Montgomery de Alamein en 1970.
  • Flavia (nada en 1937), quen casou co Capitán Alastair Tower. Despois de divorciarse, casou co xeneral Sir Peter Leng.
  • Christian (nacido en 1940), fotógrafo e cineasta. casou con Olive White (Miss Irlanda 1961).

A súa biógrafa Margaret Forster afirmou que o matrimonio de du Maurier era ás veces algo frío e que ela podía estar bastante distante dos seus fillos, especialmente das mozas, cando estaba inmersa na súa escritura.[12] O seu esposo morreu en 1965 e pouco despois du Maurier mudouse a Kilmarth, preto de Par, Cornualles, que se converteu no escenario de The House on the Strand.

Du Maurier a miúdo foi pintada como unha persoa solitaria que de cando en vez aparecía na sociedade ou daba entrevistas. Unha excepción a isto chegou despois do lanzamento do filme Unha ponte lonxana, en que retrataron o seu defunto esposo baixo unha luz pouco afagadora. Indignada, escribiu aos xornais nacionais, denunciando o que consideraba un tratamento imperdoable.[13] Con todo, unha vez fóra do centro de atención pública, moitos lembrárona como unha persoa cálida e divertida e unha anfitrioa acolledora para os invitados a Menabilly, a casa que arrendara durante moitos anos (da familia Rashleigh) en Cornualles.

Relacións sexuais secretas[editar | editar a fonte]

Despois da súa morte en 1989, fixéronse referencias á súa bisexualidade. Citáronse unha aventura con Gertrude Lawrence, así como a súa atracción por Ellen Doubleday, a esposa do seu editor estadounidense Nelson Doubleday.[14]

Na correspondencia que a súa familia lle entregou á biógrafa Margaret Forster, du Maurier explicou a uns poucos amigos a súa particular sexualidade. Nesas cartas dicía que a súa personalidade se compuña de dúas persoas distintas: a amante esposa e nai (o lado que mostraba ao mundo) e a amante (unha enerxía decididamente masculina) escondida practicamente de todos e que explicaba, segundo a escritora, a súa creatividade artística. Segundo a biografía de Forster, du Maurier cría que a enerxía masculina impulsaba a súa escritura.[15] Forster escribiu que a negación da súa bisexualidade de du Maurier revelou un medo "homofóbico" á súa verdadeira natureza. Os fillos de du Maurier e de Gertrude Lawrence opuxéronse fortemente ás suxestións sobre as súas nais. Michael Thornton sostivo que Forster non coñecía a du Maurier.[16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Daphne du Maurier Critical Essays - eNotes.com". 
  2. Tallulah Bankhead: a scandalous life (en inglés). Robson Books ; [Parkwest Publications. ISBN 1861051905. 
  3. "Daphne Du Maurier". Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2017. Consultado o 17 de novembro de 2018. 
  4. Wilson, Scott. Resting Places: The Burial Sites of More Than 14,000 Famous Persons, 3d ed.: 2 (Kindle Location 13209). McFarland & Company, Inc., Publishers. Kindle Edition. 
  5. "Book About Plants Receives Award: Dr. Fairchild's 'Garden' Work Cited by Booksellers", The New York Times, 15 February 1939, p. 20. ProQuest Historical Newspapers The New York Times (1851-2007). 
  6. "BBC - The Big Read - Top 100 Books". 
  7. Martyn Shallcross, Daphne du Maurier Country, Bossiney Books. 
  8. Oriel Malet (ed.), Letters from Menabilly, Weidenfeld & Nicolson, 1993. 
  9. BBC Interview, 1979. 
  10. "Daphne's unruly passions". ISSN 0029-7712. 
  11. "Fan tracks down lost stories of Daphne Du Maurier". 
  12. Margaret Forster, Daphne du Maurier: The Secret Life of the Renowned Storyteller, Chatto & Windus. 
  13. Judith Cook, Daphne, Bantam Press. 
  14. Conradi, Peter J (1 de marzo de 2013). Women in love: The fantastical world of the du Mauriers (en inglés). 
  15. Gollancz, Victor. Daphne du Maurier, Myself When Young. 
  16. "Daphne's terrible secret". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Kelly, Richard (1987). Daphne du Maurier. Boston: Twayne. ISBN 0-8057-6931-5. 
  • Obituario en The Independent 21 de abril de 1989
  • Dictionary of National Biography, Oxford University Press, Londres, 1887– : Du Maurier, Dame Daphne (1907–1989); Browning, Sir Frederick Arthur Montague (1896–1965); Frederick, Prince, Duke of York and Albany (1763–1827); Clarke, Mary Anne (1776?–1852).
  • Du Maurier, Daphne, Mary Anne, Victor Gollancz Ltd, Londres, 1954.
  • Rance, Nicholas. "Not like Men in Books, Murdering Women: Daphne du Maurier and the Infernal World of Popular Fiction". En Clive Bloom (ed), Creepers: British Horror and Fantasy in the Twentieth Century. Londres e Boulder CO: Pluto Press, 199, páx. 86–98.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]