Prosa galega medieval

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O ciclo troiano deu orixe a dous libros galegos do século XIV. Na imaxe, os muros de Troia.

A prosa galega medieval, ou aínda prosa galego-portuguesa medieval, é o nome da literatura producida na Idade Media no romance hispano occidental.

A brillantez do lirismo trobadoresco determinou que durante tempo, e aínda na visión dalgúns analistas actuais, se viñese considerando a prosa como unha verdadeira "irmá menor" no conxunto do legado medieval galego. Porén, a realidade é que, a pesar de que a narrativa galego-portuguesa medieval non alcanza os momentos de esplendor da lírica, non deixa de ser certo que presenta un volume de textos que demostra tanto unha perfecta relación coas correntes dominantes na Europa da época como a presenza dun normal desenvolvemento da lingua (que se verá truncado polas circunstancias socio-históricas que concorren na fin da Idade Media). Deste xeito, cómpre indicar que contamos cun importante legado de prosa galega -ou galego-portuguesa- medieval que está a ser revalorizado pola crítica actual.

Algúns estudosos medievalistas fan unha clasificación cronolóxica en dous períodos: galego-portuguesa (séculos XIII e XIV) e prosa galega e prosa portuguesa (século XV).

Clasificación temática[editar | editar a fonte]

O Códice Calixtino ten unha versión en galego.

Convencionalmente, clasifícase a prosa medieval galega en tres ámbitos xenéricos: haxiografía, historiografía, e prosa de ficción. En ningún dos tres casos se trata de creación orixinal en galego, senón de traducións ou versións máis ou menos fieis.

Haxiografía[editar | editar a fonte]

O obxectivo da literatura haxiográfica é rexistrar a vida exemplar e os milagres realizados polos santos, co obxecto de glorificalos e de servir de modelo de comportamento para os lectores.

Hai un libro de milagres dedicado á vida do fundador de Celanova, Rosendo Gutérrez, escrito en dúas etapas, a primeira anterior a mediados do século XII e a segunda debida a Ordoño de Celanova, entre 1172 e 1180.[1]

O principal protagonista da prosa haxiográfica en galego é o Apóstolo Santiago. O texto fundamental é Miragres de Santiago, versión reducida do Liber Sancti Iacobi ou Codex Calixtinus, que está conservado nun códice fragmentario do primeiro terzo do século XV.

Prosa de ficción ou novelesca[editar | editar a fonte]

Prosa derivada do roman francés nacido na segunda metade do século XII, a prosa de ficción medieval en galego ten dúas temáticas principais:

  • O Ciclo Bretón ou Materia de Bretaña: textos sobre o rei Artur e os cabaleiros da mesa redonda. Destaca un fragmento dun Livro de Tristán, do terceiro cuarto do século XIV, importante porque se trata da tradución dun ciclo textual do que non se conserva testemuño ningún no resto da literaturas peninsulares. Ademais, consérvanse textos relacionados coa chamada Vulgata arredor do mundo do Graal; isto é, contamos con versións da primeira e terceira parte da mesma -O Libro de Xosé de Arimatea e a Demanda do Santo Graal- así como uns pequenos fragmentos da segunda parte, o Merlín.
  • O Ciclo troiano ou clásico: textos sobre o mundo clásico greco-latino, sobre todo da historia de Troia. O maior representante é a Crónica troiana, versión en galego do Roman de Troie. A versión foi encargada polo conde Fernán Pérez de Andrade, O Boo para traducir na Coruña[2][3] a partir dunha tradución ao castelán e foi concluída en 1373 (estímase, no entanto, que é probable que existise unha versión en galego anterior da que sairía a versión en castelán). A Crónica troiana é a primeira grande obra de ficción en galego (aínda que sexa unha tradución do castelán) na que se narra a destrución de Troia partindo de textos clásicos.
A Grande e General Historia (na imaxe) traduciuse ao galego.

Historiografía[editar | editar a fonte]

Este tema estivo vinculado durante os séculos alto e pleno medievais coa cidade compostelá, inventio do sepulcro apostólico e a confirmación da igrexa e da que xurdiron ao seu carón, e na Baixa Idade Media coa consolidación dos reinos de León e Castela. As obras máis salientábeis desta primeira etapa son o Cronicón Iriense, escrito no último terzo do século XI, e dúas obras realizadas na escola catedralicia compostelá, creada polo primeiro arcebispo de Santiago, Diego Xelmírez: a Historia Compostelá, crónica do seu pontificado (1112-1139) e o Códice Calixtino, guía de peregrinación a Santiago (1140-1150) e xermolo da tradición haxiográfica que deu lugar ás traducións baixomedievais dos Miragres de Santiago e do Flos Sanctorum ou Legenda Aurea.[4]

Os inicios da historiografía en lingua galega están, como é natural, relacionados con Afonso X, quen aínda tendo apostado polo castelán como lingua de cultura, promoveu a tradución a outras linguas peninsulares de varios textos.

De finais do século XIII é unha tradución ao galego dunha Crónica de Castela, que vai ademais precedida por unha xenealoxía real navarra, coñecida como Liber Regum e acompañada dun resumo do reinado de Fernando III e sucesores, e outros textos menores. O texto resultante é coñecido como Crónica galega de León e Castela. Trátase dun dos textos en prosa máis arcaicos que se coñecen e é a base para importantes textos portugueses como a Cronica geral de 1344 e, sobre todo, a Crónica de 1404 (data da súa finalización), un dos poucos textos en prosa escritos orixinalmente en galego (aínda que conserva nos seus inicios o arranque orixinal en castelán). Tamén son salientábeis a Crónica de San Fernando (1309), e a Crónica Galega de 1404, que relata as orixes do mundo, a historia dos pobos da Antigüidade e os acontecementos hispánicos dende a chegada dos visigodos.[5]

De carácter biográfica e eclesiástica é a Gesta Berengarii de Landoria, anterior a 1322, que narra o levantamento dos composteláns contra o arcebispo Berenguel de Landoira e da que se conserva fragmentos dos séculos XIV e XV.[6]

Consérvase, tamén, unha tradución incompleta da General Estoria afonsina e unha Crónica de Santa María de Iria (1468), tradución de dúas fontes latinas.

Miscelánea[editar | editar a fonte]

O Livro da Montaria trata sobre a caza maior.

Finalmente, poderíase incluír un cuarto apartado misceláneo: moita documentación de prosa tabeliónica (testamentos, herdanzas...), prosa xurídica (Flores de Dereito, traducións das Partidas de Afonso X, Ordenamento de Alcalá de Henares de 1348, Foro real, Recuento de las casas antiguas del Reino de Galicia de Vasco da Ponte...) e outros escritos como o Tratado de Albeitaria, Livro da Montaria, Livro dos cabaleiros cambeadores de Santiago etc.

Así pois, todo este conxunto vén demostrar a presenza, e o progreso, dunha literatura galego-portuguesa en prosa ao longo do espazo medieval da que é preciso aínda levar adiante unha análise pormenorizada. Tanto o valor literario dalgúns textos como esoutro histórico-lingüístico resultan fundamentais nunha perspectiva diacrónica das letras galegas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Díaz y Díaz, Manuel Cecilio (1990). Ordoño de Celanova: Vida y milagros de San Rosendo. Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 9788485728985. 
  2. Pena, Xosé Ramón (2002). Historia da literatura medieval galego-portuguesa. Sotelo Blanco. 
  3. Lorenzo, Ramón (1985). Crónica Troiana: introducción e texto. Fundación Pedro Barrié dela Maza. 
  4. "Historia da escritura na Galicia medieval" (PDF). Gallaeciae Monumenta Historica: Consello da Cultura. Consultado o 21 de xuño do 2016. 
  5. Monteagudo Romero, Henrique (1993). A Crónica galega dos Reinos de León e Castela na historia e na historiografía galegas. Deputación Provincial de Ourense. 
  6. Díaz y Díaz, Manuel Cecilio (1983). Hechos de don Berenguel de Landoria, arzobispo de Santiago. Introducción, edición crítica y traducción. Universidade de Santiago de Compostela. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]