José Moreno Torres (sindicalista)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJosé Moreno Torres
Biografía
Nacemento4 de marzo de 1904 Editar o valor em Wikidata
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Morte1937 Editar o valor em Wikidata (32/33 anos)
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
PaiJosé Moreno Bello Editar o valor em Wikidata

José Moreno Torres, Comandante Moreno, nado na Coruña o 4 de marzo de 1904 e finado en 1937, foi un sindicalista e militar galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no barrio coruñés de Vioño, fillo do militante anarquista José Moreno Bello, fundador da Unión Campesina. Comezou a súa militancia anarquista na emigración en Nova York, en contacto coa colonia anarquista galega. Traballou na fábrica Singer. Coa proclamación da II República, volveu da emigración e comezou a militar na CNT galega, participando en mitins e ocupando cargos como o de secretario da Federación Local Obrera da Coruña, membro do Comité Regional da organización, e director de Solidaridad Obrera. Panadeiro de oficio, foi un dos creadores da Federación Regional de Industria del Ramo de la Alimentación de la CNT. A partir de 1932 integrouse na facción máis radical da CNT, responsable de varios intentos insurreccionais en 1933. Representou a sindicatos coruñeses no Congreso de Zaragoza da CNT en maio de 1936.

Monumento en Oza ós ocupantes da embarcación "La Libertaria", obra de Jorge Pastor.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 participou nos intentos de resistencia na Coruña, falou no mitin da praza de touros para organizar a resistencia e encabezou unha comisión que se dirixiu ao Goberno Civil para pedir que os cuarteis foran asaltados antes de que os militares saíran ás rúas. Cando A Coruña caeu nas mans dos sublevados escondeuse nos arredores, intentando coordinar os grupos de militantes dispersos que non foran capturados. Grazas a este traballo, en colaboración cos militantes do Sindicato El Despertar Marítimo, logrou fuxir da Coruña a principios de xaneiro de 1937, na embarcación La Libertaria, coa que chegaron ao porto de Xixón o 7 de xaneiro de 1937.

En Asturias asumiu postos de responsabilidade á fronte dos anarquistas galegos, participando na fundación da Agrupación Confederal Galaica. En febreiro de 1937 ingresou no Batallón Galicia co rango de Tenente, e ascendeu posteriormente a Comandante, en substitución de José Penido, en xullo de 1937. Foi ferido nun pé na ofensiva de febreiro de 1937.

Despois escapou cara Galicia cun grupo de dezaseis anarquistas do Batallón Galicia. A noite do 29 ao 30 de outubro de 1937 chegaron ao porto do Acevo, nos límites de Asturias e Galicia. Alí fixeron noite en dous grupos en dúas tabernas. O grupo de nove que durmía na taberna máis internada en Galicia foi sorprendido por falanxistas e gardas civís da zona, que os capturaron e executaron sumariamente. O outro grupo, alertado polos disparos, non foi sorprendido; enfrontáronse aos atacantes e mataron a un falanxista á unha da madrugada do día 30 de outubro. Despois dun breve tiroteo, Moreno e o resto de compoñentes deste grupo escaparon pola parte posterior da casa e internáronse no monte.

José Moreno e outro dos membros do grupo retrocederon cara Asturias, refuxiándose días despois nunha casa en Monteserín Pequeno, no concejo de Grandas de Salime. Alí foron capturados por falanxistas e gardas civís. Moreno foi conducido á taberna de Carolo da que escaparan, onde estivo detido ata a súa execución. Descoñecese a data exacta do seu asasinato, pero sábese que outros catro milicianos do Batallón Galicia, foron detidos e executados o domingo 31 de outubro de 1937. Eran canteiros orixinarios de Forcarei, e un deles, Manuel Bugallo Lois, sobreviviu ata o 4 de novembro, cando foi enterrado no cemiterio da Fonsagrada.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]