Condimento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sal, azucre e grans de pementa negra moídos, frecuentes nas mesas dos restaurantes occidentais

Un condimento é unha substancia que se lle bota en pequenas cantidades a unha preparación para realzar o seu sabor[1]. Pódese tratar dun ingrediente ou unha mestura, a miúdo de fortes sabores e polo tanto incluídos en pequenas cantidades, son condimentos populares (en occidente) o sal, a pementa negra, o ketchup, a mostaza, a maionesa, o aceite de oliva, o vinagre e o azucre.

Segundo unha directiva da Unión Europea, considéranse condimentos: o sal destinado ao consumo humano, a mostaza, as especias e mailos seus extractos aromáticos, as herbas aromáticas e os seus extractos.[2]

Moitas veces aplicados polo comensal, os condimentos teñen a miúdo a consistencia dun líquido mesto (mollo ou pasta e sérvense dunha botella, tarro ou cunco. Tamén poden ser secos, como é o caso das mesturas de especias ou o queixo parmesano relado. Algúns condimentos, como a mostaza, o ketchup ou a maionesa, están dispoñíbeis envasados en sobres individuais, especialmente cando se serven en establecimientos de comida para levar ou comida rápida.

Os condimentos engádense ás veces antes de servir o prato, como por exemplo os sándwichs que levan ketchup ou mostaza. Algúns condimentos poden usarse durante a preparación para engadir sabor ou textura ao prato, como é o caso da salsa barbacoa, a teriyaki e a de soia, empregadas para mellorar o sabor de diversas carnes e verduras.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definición en galego en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. "Directiva 94/65/CE do Consello, do 14 de decembro de 1994, pola que se establecen os requisitos aplicábeis á produción e á comercialización de carne picada e preparados de carne" (PDF). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]