Claudio Olinto de Carvalho

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nené
Información persoal
Nome Claudio Olinto de Carvalho
Nacemento 1 de febreiro de 1942
Lugar de nacemento Santos
Falecemento 3 de setembro de 2016
Lugar de falecemento Capoterra
Altura 182 centímetros
Posición centrocampista
Carreira xuvenil
1956–1961 Santos
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1960–1963 Santos 54 (24)
1963–1964 Juventus 28 (11)
1964–1976 Cagliari 311 (23)
1967 Chicago Mustangs 10 (1)
Total 403 (59)
Selección nacional
1963 Brasil olímpico 4 (1)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Claudio Olinto de Carvalho, máis coñecido como Nené, nado en Santos o 1 de febreiro de 1942 e finado en Capoterra, Cagliari, o 3 de setembro de 2016, foi un futbolista e adestrador brasileiro, que xogaba como centrocampista e dianteiro. Vestiu as camisetas do Santos, a Juventus e o Cagliari durante as décadas de 1960 e 1970. A súa carreira estivo especialmente vencellada ao club sardo, co que conquistou o histórico scudetto da tempada 1969/70 e onde se converteu no estranxeiro con máis partidos da historia do club (390). Ademais mantivo durante 38 anos o récord de futbolista con máis partidos de Serie A na historia do Cagliari (311), ata que foi superado por Daniele Conti en 2014.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

Nado en Santos, era fillo de Herminio Olinto de Carvalho, futbolista e capitán do Santos nos anos 50, tamén alcumado Nené, e de Ruth de Jesus Ribeiro da Silva.[1][2][3]

Como futbolista[editar | editar a fonte]

Santos[editar | editar a fonte]

Comezou a súa carreira no Santos, equipo no que militara durante 11 tempadas seu pai. Debutou co primeiro equipo nun partido válido para o Campionato Paulista o 15 de setembro de 1960, aos 18 anos, na vitoria por 5-2 ante o Clube Atlético Juventus, substituíndo a Ney e marcando un gol.[4] Xogou xunto a figuras como Pelé, Pepe, Zito, Mengálvio, Lima, Dorval, Coutinho e Sormani, sendo empregado como dianteiro centro atrasado.

A pesar de xogar só tres anos co equipo da súa cidade, gañou con el numerosos títulos: dúas Copas Libertadores consecutivas (nos anos 1962 e 1963), a Copa Intercontinental en 1962, dous Campionatos Brasileiros (1961 e 1962), tres Campionatos Paulistas consecutivos e o Torneo Río–São Paulo en 1963. As súas actuacións levárono a formar parte da selección brasileira que conseguiu a medalla de ouro nos IV Xogos Panamericanos celebrados en São Paulo en 1963.[5][6]

Juventus[editar | editar a fonte]

O 26 de xuño de 1963, durante unha xira europea co Santos, xogou un partido contra a Juventus de Omar Sívori no Comunale de Turín. Alí foi observado por Giampiero Boniperti, dirixente da Juventus que se interesou por el, sendo finalmente contratado por 100 millóns de liras.[7][8][9]

Debutou na Serie A o 15 de setembro de 1963, na vitoria por 3-1 ante o SPAL. Xogou unha soa tempada na Juve, marcando 11 goles en 28 partidos de liga, e a continuación foi traspasado ao Cagliari, por 600 millóns de liras.

Cagliari[editar | editar a fonte]

Debutou co equipo sardo o 13 de setembro de 1964, na derrota en liga ante a Roma por 2-1. En Sardeña o adestrador Arturo Silvestri colocouno na banda dereita,[10] converténdose nos anos seguintes nun volante ou tornante, que aproveitaba a súa velocidade para percorrer a banda.[11]

A Juventus tentou compralo de novo na tempada 1967/68, pero o Cagliari negouse. En 1969, coa fichaxe de Angelo Domenghini, o novo adestrador rossoblù, Manlio Scopigno, trasladouno ao centro do campo, facendo do brasileiro un dos piares do equipo sardo, que na tempada 1969/70 gañou o único título de liga da súa historia.[12][13]

Trala tempada 1975/76 puxo fin á súa carreira, aos 34 anos, despois de doce tempadas consecutivas coa camisola do Cagliari, todas na Serie A.[14] Disputou co Cagliari un total de 390 partidos oficiais e marcou 31 goles. Os seus 311 partidos na Serie A foron a cifra máis alta na historia do club durante 38 anos, ata que foron superados en 2014 por Daniele Conti.[15][16]

Entre a Juventus e o Cagliari disputou en Italia un total de 426 partidos, marcando 43 goles.

Co club sardo tivo tamén unha breve experiencia no campionato dos Estados Unidos organizado en 1967 pola United Soccer Association e recoñecido pola FIFA, no que o Cagliari saíu ao campo representando os Chicago Mustangs e obtendo o terceiro posto na División Oeste.[17][18]

Como adestrador[editar | editar a fonte]

Trala súa retirada como futbolista comezou a súa carreira como adestrador na canteira do Cagliari. Entre 1979 e 1980 adestrou o equipo xuvenil da Fiorentina gañando a liga e a copa de Italia xuvenís, así como o reputado torneo de Viareggio.[19][20][21] Despois dirixiu o Sant'Elena na Serie C2 e o Paganese na Serie C1. Preferindo adestrar no fútbol base, regresou á canteira do Cagliari, onde traballou varios anos, pasando logo á Juventus, primeiro como adestrador do equipo xuvenil e finalmente como observador.[22][23]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou o 30 de maio de 1970 en Turín con Fiorella,[1][24] coa que tivo dous fillos,[25] nacidos en 1971 e 1976. Como algúns dos seus compañeiros campións co Cagliari en 1970, ao final da súa carreira optou por instalarse en Sardeña, onde permaneceu ata o final da súa vida.[26][27]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Santos
Cagliari
Selección olímpica do Brasil

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Arrivano i genitori per le nozze di Nené". La Stampa (en italiano). 26 de maio de 1970. p. 19. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  2. "Nenê – 1943-1954" (en portugués). 19 de novembro de 2016. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  3. "As famílias do Santos Futebol Clube!" (en portugués). 31 de decembro de 2015. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  4. "15/09/1960 - Santos 5 x 2 Juventus - Campeonato Paulista" (en portugués). Consultado o 26 de abril de 2022. 
  5. Cavaco, Raphael. "Nenê, o Picuru" (en portugués). Consultado o 26 de abril de 2022. 
  6. "Seleção Brasileira Restritiva (Brazilian National Restrictive Team) 1952-1963". rsssfbrasil.com (en portugués). Consultado o 26 de abril de 2022. 
  7. "Nené alla Juventus". La Stampa (en italiano). 21 de xullo de 1963. p. 8. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  8. "Nené ignora le polemiche". La Stampa (en italiano). 27 de agosto de 1963. p. 8. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  9. "Nené ha convinto". La Stampa. 30 de agosto de 1963. p. 8. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  10. "Nené guida il Cagliari alla vittoria". La Stampa (en italiano). 25 de xaneiro de 1965. p. 13. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  11. "Goal decisivo di Nené". La Stampa. 10 de abril de 1967. p. 9. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  12. "Nené acciuffa il pari". La Stampa (en italiano). 20 de outubro de 1969. p. 7. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  13. "Nené mattatore". La Stampa (en italiano). 17 de febreiro de 1975. p. 11. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  14. "Serie A 1975/1976 » 24. Giornata » Cesena - Cagliari 0:0". Archived from the original on 11 de outubro de 2017. Consultado o 12 de xuño de 2023. 
  15. "Presenze in Serie A, Conti raggiunge Nenè". La Nuova Sardegna (en italiano). 13 de abril de 2014. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  16. "Conti, 312 presenze oggi supera Nenè". La Nuova Sardegna (en italiano). 20 de abril de 2014. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  17. "The Year in American Soccer - 1967" (en inglés). 15 de agosto de 2008. Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2019. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  18. "Con Scopigno negli States 47 anni fa". La Nuova Sardegna (en italiano). 30 de maio de 2014. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  19. "Tutti i successi storici della Fiorentina Primavera". violanews.com (en italiano). 5 de xuño de 2008. Arquivado dende o orixinal o 5 de xullo de 2015. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  20. "Bis della Fiorentina nel «Viareggio»". La Stampa (en italiano). 27 de febreiro de 1979. p. 19. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  21. Ciullini, Loris (27 de febreiro de 1979). "Il «Viareggio» alla Fiorentina" (PDF). l'Unità (en italiano). p. 12. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de agosto de 2016. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  22. Civalleri, Gian Piero; Sajeva, Beppe (26 de agosto de 2001). "Rampulla e Nené «star» a Chiusa Pesio". La Stampa (en italiano). p. 209. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  23. "Alla riscoperta del vivaio". La Stampa (en italiano). 16 de febreiro de 1990. p. 43. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  24. "Sabato sposi a Torino Fiorella e il detto Nené". La Stampa (en italiano). 26 de maio de 1970. p. 26. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  25. "ESCLUSIVA – Ruben, figlio di Nenè: “Geloso del mio papà… di tutti!”". calciocasteddu.it (en italiano). 13 de abril de 2020. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  26. "Morto Claudio Olinto De Carvalho "Nenè", eroe dello scudetto del Cagliari" (en italiano). 3 de setembro de 2016. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  27. "Ciao Claudio" (en italiano). 3 de setembro de 2016. Arquivado dende o orixinal o 25 de maio de 2022. Consultado o 26 de abril de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Montesi, Roberto (2005). La Nazionale Cagliaritana (en italiano). Carlo Delfino Editore. ISBN 88-7138-363-X. 
  • Tavella, Renato (2001). Dizionario della grande Juventus. Dalle origini ai nostri giorni (en italiano). Newton & Compton. ISBN 88-8289-639-0. 
  • Moretti, Claudio (2013). 1001 storie e curiosità sulla grande Juventus che dovresti conoscere (en italiano). Newton & Compton. ISBN 978-88-541-6186-3. 
  • Zara, Furio (2014). L'abatino, il pupone e altri fenomeni: Tutto il calcio soprannome per soprannome (en italiano). Media Group S.p.A. ISBN 978-88-586-7037-8. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]