La Stampa
La Stampa | |
---|---|
Fundación | 9 de febreiro de 1867 |
Empresa editora | GEDI Gruppo Editoriale |
Director | Massimo Giannini |
Fundador | Vittorio Bersezio |
Editorial | Italiana Editrice e Stampa |
Lingua | Italiano |
Localidade | Turín |
Ámbito | Nacional |
Periodicidade | Diario |
ISSN | 1122-1763 |
Na rede | |
https://www.lastampa.it | |
Arquivo | http://www.archiviolastampa.it/ |
[ editar datos en Wikidata ] |
La Stampa é un xornal italiano, con sede en Turín. Fundado en 1867 co nome de Gazzetta Piemontese, é o cuarto xornal de maior difusión do país. Recibiu o seu nome actual en 1895.
Historia
[editar | editar a fonte]Desde a fundación en Frassati
[editar | editar a fonte]La Stampa foi fundada en Turín o 9 de febreiro de 1867 co nome de Gazzetta Piemontese polo xornalista e escritor Vittorio Bersezio e polo político Casimiro Favale. O lema do xornal era a locución latina "Frangar non flectar" e o prezo era de 5 céntimos de liras. Nos primeiros anos da súa vida, o xornal saíu da imprenta Favale, na vía Dora Grossa ,[1] e tivo unha tirada de 8 000 exemplares e dúas edicións diarias, en horario de mañá e tarde. En 1880 a Gazzetta Piemontese foi comprada polo deputado liberal Luigi Roux, que tamén se fixo cargo da dirección. Entre os colaboradores do xornal destacan os nomes dos deputados Silvio Spaventa e Ruggiero Bonghi.
En 1894, o empresario e xornalista Alfredo Frassati converteuse en copropietario e apoiou a Roux na dirección. Como coeditor decidiu darlle un xiro o xornal. O título cambiouse a La Stampa Gazzetta piemontese, mentres que o lema e o prezo permaneceron inalterados. O xornal apareceu co novo título o 1 de xaneiro de 1895; a pesar de que o nome antigo, aínda que degradado a un subtítulo, era máis evidente que o novo. As proporcións foron invertidas a partir do 30 de marzo de 1895. Frassati trasladou entón a sede a un edificio na Piazza Solferino. Tamén introduciu novas tecnoloxías, como o linotipo, un dos primeiros en Italia (o linotipo estreouse no número 37).
En poucos anos a tirada de La Stampa ascendeu a 50 000 exemplares. En 1900 Roux traspasou a propiedade da cabeceira, sendo dous terzos para Frassati e un terzo para o financeiro E. Pollone. Frassati asumiu así o cargo de director e puido elixir a liña editorial de forma independente. Seguiu unha liña política de apoio a Giovanni Giolitti, converténdose nun dos seus principais partidarios. Contou con intelectuais brillantes como Luigi Einaudi, Francesco Saverio Nitti ou Gaetano Mosca e creou un suplemento deportivo ilustrado (La Stampa Sportiva, o 19 de xaneiro de 1902) e unha revista dedicada ao mundo feminino (La Donna, o 27 de decembro de 1904).[2] O 12 de agosto de 1908 desapareceu o subtítulo Gazzetta Piemontese e quedou só La Stampa como único título do xornal. A tirada aumentou constantemente ata preto de 100 000 exemplares en 1910, facendo de La Stampa o primeiro xornal de Turín, por diante da Gazzetta del Popolo, e o segundo en todo o norte de Italia.[3] Con motivo da entrada de Italia na primeira guerra mundial, apoiou a posición neutralista, en harmonía co goberno da época.
- A Gaceta Literaria
En 1877 Vittorio Bersezio fundou unha revista que pode considerarse o primeiro semanario cultural italiano vinculado a un diario: a Gazzetta Letteraria. Suplemento festivo da Gazzetta Piemontese (de feito o primeiro ano tomou o nome de «Gazzetta Piemontese Letteraria»), foi dirixida polo propio Bersezio ata 1880, despois por Giuseppe Depanis, Domenico Lanza e finalmente por Luigi Filippo Bolaffio (1894-1902). Publicou críticas e propúxose manter informados aos lectores das novidades literarias máis importantes, informándoas con prontitude. Foi pechado por Alfredo Frassati en 1902.
A entrada dos Agnelli
[editar | editar a fonte]O 1 de decembro de 1920 o grupo financeiro-industrial Agnelli - Gualino comprou a participación de Pollone xunto cos dereito de preferencia sobre as accións de Frassati. Despois do asasinato de Giacomo Matteotti o 11 de xuño de 1924, o xornal púxose do lado das posicións anti-Mussolini. Por ter asumido esta posición, Frassati tivo que ceder a propiedade do xornal a un grupo favorable ao xefe do goberno. O 29 de setembro de 1925 o xornal foi suspendido (era unha advertencia do réxime). Cando volveu aos quioscos o 3 de novembro, os días de Frassati estaban contados: dimitiu o 9 de novembro de 1925. No seu último ano á fronte do xornal, La Stampa contaba cunha tirada de 176 000 exemplares.[3] En 1926 FIAT (é dicir, a familia Agnelli) fíxose coa propiedade co aval das autoridades fascistas. A nova directora, Andrea Torre, aliñou o xornal coas directivas do réxime, o que lle supuxo perder exemplares, en favor da competidora directa Gazzetta del Popolo, que o superou para converterse no principal diario de Turín.
O 31 de decembro de 1930 publicouse o primeiro número de La Stampa della Sera (chamada dende xaneiro de 1937 Stampa Sera),[4] edición vespertina e dos luns do xornal (día no que tradicionalmente non se publicaba La Stampa). O redactor xefe era o escritor sienés Mino Maccari. En 1934 a sede do xornal foi trasladada a un gran edificio con vistas á Via Roma e con entrada desde a Galleria San Federico. Baixo a dirección de Alfredo Signoretti, as vendas de La Stampa comezaron a aumentar, tras as importantes reducións de circulación que se produciron a comezos da década de 1930. En febreiro de 1943 La Stampa era o segundo xornal italiano cunha tirada media de 550 000 exemplares (posición que mantería ata 1986).[5] Despois do 8 de setembro e da posterior invasión nazi da península, La Stampa, como os demais xornais do norte de Italia, tivo que aliñarse coas directivas do goberno pro-alemán. Despois da Liberación (3 de maio de 1945) o Comité de Liberación Nacional (CLN) decretou a suspensión do xornal por connivencia coa República Social Italiana.
Grazas ao apoio dos Aliados, o xornal volveu aos quioscos o 18 de xullo de 1945 baixo a dirección de Filippo Burzio (que xa o dirixira do 10 de agosto ao 8 de setembro de 1943). O 15 de xullo o Comando Militar Aliado pechara o Corriere del Piemonte, un xornal da cidade creado despois da Liberación co apoio da Psychological Warfare Division. O CLN do Piemonte protestou por non ter sido consultado e unha manifestación na praza, diante da sede do Corriere, provocou algúns incidentes. O gobernador aliado de Turín, o coronel Marshall, reaccionou ordenando a suspensión de todos os xornais de Turín.O 21 de xullo Frassati publicou o xornal cun novo nome (La Nuova Stampa) para evitar que fose tomado polas autoridades militares aliadas.[6]
A partir do 1 de xaneiro de 1946 o xornal volveu ser propiedade dos Agnelli.
De 1948 a 1990
[editar | editar a fonte]O período 1948-1968 estivo dominado pola figura do carismático director Giulio De Benedetti. Vittorio Valletta, presidente e conselleiro delegado de Fiat, propúxolle dous obxectivos: conquistar aos traballadores das fábricas da empresa, a gran maioría dos cales eran lectores de l'Unità, e recuperar aos lectores que pasaran á competidora Gazzetta del Popolo. Ao non ter un grande orzamento á súa disposición, De Benedetti ideou un xornal mosaico: ademais das noticias que lle proporcionaba a redacción, encargaba traballos aos correspondentes estranxeiros dos xornais romanos, escollía pezas xa publicadas para incluír na súa Terza pagina, e inventou unha columna de diálogo cos lectores chamada «Specchio dei tempi» (que apareceu por primeira vez o 17 de decembro de 1955), que aínda existe.
La Stampa volveu ser así o principal xornal de Turín e colocouse de novo entre os principais de Italia. Foi o único xornal importante alternativo ao duopolio DC-esquerda, que dominaba a escena italiana.[7] Neste período, ata os anos oitenta, La Stampa publicábase tamén nunha edición da tarde como Stampa Sera. A mediados dos anos sesenta, La Stampa vendía unha media de 375 000 exemplares diarios, aos que hai que engadir os 175 000 de Stampa Sera.
En 1968 a sede de La Stampa foi trasladada a un edificio da rúa Marenco 32, que ocupou ata 2012. Na antiga sede da rúa Roma o xornal conservou a propiedade das estancias da planta baixa do edificio, que utilizou como salas de recepción do público. A De Benedetti sucedeuno na dirección do xornal Alberto Ronchey (1968-73), xornalista e sociólogo. Gianni Agnelli, sucesor de Valletta en Fiat, quería que o xornal traspasase as fronteiras do noroeste e se convertese finalmente nun xornal nacional. Para "desprovincializar" La Stampa, Ronchey centrouse nos asuntos exteriores e as noticias económicas. Con colaboradores como Carlo Casalegno, Alessandro Galante Garrone, Luigi Firpo ou Norberto Bobbio conseguiu consolidar a súa presenza a nivel nacional. Con todo, non descoidou a crónica local e alcanzou de feito o pico de vendas ao publicar en primeira páxina a historia dunha nena raptada e asasinada en Alba.[7] No campo da cultura, Ronchey contou co escritor Guido Piovene como colaborador, e pouco despois chegaron tamén Giovanni Arpino e Guido Ceronetti.
Despois de cinco anos como director, en 1973 Ronchey volveu ao seu traballo como correspondente internacional e destacado sociólogo. Foi o ano no que o Corriere della Sera, o principal xornal italiano, cambiou a súa liña política adoptando unha posición de esquerdas, polo que La Stampa viu a oportunidade de converterse no diario de referencia dos moderados. En 1974 chegou Arrigo Levi, que colocou o xornal na posición do Non no referendo para derrogar o divorcio (polo tanto, a favor do mantemento da lei do divorcio). O o 1 de novembro de 1975 naceu o suplemento literario Tuttolibri. A mediados da década a tirada superaba o muro de 500 000 exemplares diarios, con edicións de 28 páxinas, mantendo o segundo lugar entre os diarios italianos máis vendidos, só por detrás do Corriere.
O 16 de novembro de 1977, o subdirector Carlo Casalegno foi vítima dun ataque terrorista, recibindo catro disparos e morrendo o 29 de novembro, despois de trece días de agonía. Era a primeira vez que as Brigadas Vermellas mataban deliberadamente a un xornalista. En 1978 La Stampa atopouse cun incidente diplomático. O dúo Fruttero & Lucentini escribiran un texto satírico sobre Muamar al-Qadafi, presidente de Libia. O líder árabe ameazou a Fiat con represalias económicas se non destituía do director Arrigo Levi, e finalmente este foi cesado o 6 de novembro de 1978.
O novo director foi Giorgio Fattori, procedente da dirección do semanario L'Europeo. Cando Fattori se fixo cargo de La Stampa, o xornal atravesaba dificultades económicas. Durante os seus 8 anos ao mando introduciu novas tecnoloxías (telecast e ordenador), mellorou as seccións (en 1981 creou Tuttoscienze, hoxe TsT, dirixida por Piero Bianucci) e aumentou a difusión do xornal. Cando deixou o cargo as contas estaban de novo en orde. Durante a posterior dirección de Gaetano Scardocchia (1986-1990), La Stampa sufriu un completo redeseño, reducíndose o formato, pasando de nove a sete columnas e suprimindo a Terza pagina, ao mover a cultura ás páxinas internas.[8]
Durante a década de 1980, a tirada aumentou, seguindo unha tendencia que afectou á prensa diaria, que pasou por unha fase de recuperación. En 1985 ascendeu a 549 749 e en 1989 acadou os 571 462 exemplares, manténdose constante nestes niveis ata 1994. A tirada dos noventa foi acorde coa tendencia xeral da prensa nacional: ata 1994 mantívose nos niveis de anos anteriores (573 175) e despois comezou a diminuír: en 1999 os exemplares baixaran a 529 675 e en 2009-10 aos 407 181.En 1986, La Stampa foi superada nas vendas polo crecente La Repubblica, caendo do segundo ao terceiro lugar entre os xornais de noticias.
De 1990 a 2014
[editar | editar a fonte]Con Paolo Mieli (1990-1992) comezou un cambio xeracional. O novo director prestou máis atención á televisión e nomeou novos colaboradores destinados a ocupar o lugar dos dous grandes decanos: Norberto Bobbio e Alessandro Galante Garrone. Como subdirector escolleu ao piemontés Ezio Mauro. Durante a Guerra do Golfo (1990-1991), mentres os dous principais xornais italianos competían por ver quen publicaría máis páxinas (cheas de noticias, reportaxes, entrevistas, etc) La Stampa inventa a fórmula do "diario": o militar de Mario Ciriello, o pacifista italiano de Lietta Tornabuoni, o árabe de Igor Man, o televisivo de Oreste Del Buono e o americano de Furio Colombo. A fórmula tivo éxito entre o público e aumentou a credibilidade do xornal. Unha vez rematado o conflito, o correspondente Paolo Guzzanti comezou a escribir un "diario", que recollía as confidencias do presidente Francesco Cossiga e as explicaba aos lectores.[9] Mieli tamén innovou nas páxinas de política interna: a "historia de fondo", é dicir, a explicación do que fan e pensan os políticos detrás da fachada das súas palabras, converteuse nun encabezado de páxina. Decidiu aumentar a sete o número de números semanais do xornal. Ata entón, La Stampa publicábase de martes a domingo, mentres que o luns deixaba sitio a Stampa Sera. O último número de Stampa Sera, despois de 62 anos de existencia, saíu o 18 de abril de 1992. Lombardo de orixe e romano de adopción, Paolo Mieli conseguiu a difícil tarefa de "desjuventiizar" o xornal (feito que recoñeceu incluso o presidente do Torino, Gianmauro Borsano).
O sucesor de Mieli, Ezio Mauro (1992-1996), estreou o semanario Specchio della Stampa (27 de xaneiro de 1996). En 1999, baixo a dirección de Marcello Sorgi (co-director de Gianni Riotta), naceu a edición web do xornal. A principios dos anos 2000 inaugurouse unha política de emparellamentos con diversos xornais locais, espallados por toda a península.
O 19 de novembro de 2006, o director Giulio Anselmi completou unha redución histórica no formato do xornal, a raíz dun cambio que estaba a afectar a todos os xornais en formato "folla". La Stampa viu recudidas as dimensións de 38x53 a 31x45 cm, adoptando o formato berlinés, con seis columnas. O cambio de tamaño, desexado pola editorial e decidido durante a anterior redacción de Marcello Sorgi, xunto coa adopción da cor en todas as páxinas e o redeseño da cabeceira, desafiaba os hábitos consolidados dos lectores. A aposta pagou a pena, como mostraron os datos de vendas.
Desde 2009 La Stampa está dispoñible en papel electrónico nos lectores de libros electrónicos.[10]
Dende xuño de 2011 o sitio web ten activo un canal, chamado VaticanInsider, que versa sobre a Santa Sé e a Igrexa católica no mundo. Dende o 10 de setembro de 2012 a nova sede do xornal é Via Lugaro 15, na mesma Turín.
O arquivo histórico dixitalizado
[editar | editar a fonte]Desde o 29 de outubro de 2010, despois de anos de traballo de dixitalización e indexación, financiado por un Comité para a Biblioteca Dixital de Información Xornalística que inclúe a Fundación CRT, a Compagnia di San Paolo, La Stampa e o goberno de Piemonte, está dispoñible en liña e de xeito gratuíto todo o arquivo histórico do xornal desde o seu nacemento ata 2006.[11] Contén todos os números do xornal publicados desde 1867 ata 2005, incluídas as principais edicións matinais e vespertinas e os suplementos, sumando un total aproximado de 1 750 000 páxinas, 5 000 000 artigos e 4 500 000 fotografías e ilustracións.
A nova sociedade editorial
[editar | editar a fonte]O 2 de agosto de 2014, a empresa editora do xornal, Editrice La Stampa, de John Elkann (Fiat Chrysler Automobiles), anunciou nun comunicado de prensa conxunto coa Società Edizioni e Pubblicizioni (SEP) de Carlo Perrone, o proxecto de fusión coa incorporación da SEP á primeira, creando así unha nova empresa denominada Italiana Editrice Sp A., participada nun 77% por Fiat Chrysler e nun 23% pola familia Perrone, incluíndo tamén a integración de filiais de publicidade e medios de comunicación de masas, como Publikompass (de Edizioni La Stampa), Publirama e Radio19 (ambas da SEP).
Con esta operación, a partir do 1 de xaneiro de 2015, creouse un grupo editorial integrado por 240 xornalistas (sumando as redaccións dos dous xornais) e cunha cota diaria de 260 000 exemplares vendidos, á par que outros grandes grupos editoriais, como como o RCS MediaGroup, editor de Corriere della Sera, e o Gruppo Editoriale L'Espresso, editor de la Repubblica.[12]
O 5 de novembro de 2015 publicouse o novo semanario Origami, publicado todos os xoves como anexo tanto a La Stampa como ao Secolo.
Grupo Editorial GEDI
[editar | editar a fonte]En 2016, Italiana Editrice Sp A. foi adquirida polo Gruppo Editoriale L'Espresso que en 2017, tras a incorporación, cambiou o seu nome a GEDI Gruppo Editoriale Sp R. Estableceuse unha nova empresa, Gedi News Network (GNN), para a publicación dos xornais do grupo, incluíndo La Stampa.
De 2015 a 2019 todos os artigos foron publicados baixo a licenza Creative Commons BY-NC-ND.[13] En outubro de 2019, todos os artigos publicados desde 1867 ata 2005 foron dixitalizados e puxéronse a disposición de forma gratuíta.[11][14]
O 23 de abril de 2020 Molinari deixou a dirección para facerse cargo da de la Repubblica. No seu lugar entrou Massimo Giannini, ex director de Radio Capital e ex presentador de Ballarò en Rai 3.[15]
Directores
[editar | editar a fonte]- Vittorio Bersezio (1867-1880)
- Louis Roux (1880 - 16 de outubro de 1900)
- Alfredo Frassati (codirector, 31 de marzo de 1895 - 16 de outubro de 1900)
- Alfredo Frassati (17 de outubro de 1900 - 29 de setembro de 1925)[16]
- Luigi Michelotti e Gino Pestelli (3 de novembro de 1925 - 31 de outubro de 1926)[17]
Baixo o réxime fascista
- Andrea Torre (30 de novembro de 1926 - 11 de febreiro de 1929)
- Curzio Malaparte (12 de febreiro de 1929 - 30 de xaneiro de 1931)
- Augusto Turati (31 de xaneiro de 1931 - 12 de agosto de 1932)
- Alfredo Signoretti (13 de agosto de 1932 - 25 de xullo de 1943)
Despois da caída do fascismo: nomeamentos aprobados polo Minculpop [18]
- Vittorio Varale (28 de xullo de 1943 - 9 de agosto de 1943)
- Filippo Burzio (10 de agosto de 1943 - 9 de setembro de 1943)[19]
Nomeamentos aprobados polo Minculpop da RSI
- Angelo Appiotti (18 de setembro de 1943 - 9 de decembro de 1943)
- Concetto Pettinato (10 de decembro de 1943 - 3 de marzo de 1945)
- Francesco Scardaoni (4 de marzo - 26 de abril de 1945)
Suspensión por decreto do CLN: 28 de abril - 17 de xullo de 1945. Nomeado polo CLN
- Filippo Burzio (18 de xullo de 1945 - 25 de xaneiro de 1948)[20]
Escollidos polo grupo Fiat
- Giulio De Benedetti [21] (27 de xaneiro de 1948 - 4 de decembro de 1968) [22]
- Alberto Ronchey (5 de decembro de 1968 - 4 de maio de 1973)
- Arrigo Levi (5 de maio de 1973 - 6 de setembro de 1978)
- Giorgio Fattori (7 de setembro de 1978 - 10 de febreiro de 1986)
- Gaetano Scardocchia (11 de febreiro de 1986 - 21 de maio de 1990)
- Paolo Mieli (22 de maio de 1990 - 4 de setembro de 1992)
- Ezio Mauro (5 de setembro de 1992 - 30 de abril de 1996)
- Carlo Rossella (1 de maio de 1996 - 22 de setembro de 1998)
- Marcello Sorgi (23 de setembro de 1998 - 20 de xullo de 2005)
- Giulio Anselmi (21 de xullo de 2005 - 22 de abril de 2009)
- Mario Calabresi (23 de abril de 2009 - 31 de decembro de 2015)
- Maurizio Molinari (1 de xaneiro de 2016 - 23 de abril de 2020)
Escollido por GEDI Gruppo Editoriale
- Massimo Giannini (dende o 24 de abril de 2020)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A actual via Garibaldi, en pleno centro.
- ↑ Elisabetta De Biasio, Alfredo Frassati un conservatore illuminato, FrancoAngeli 2006, pag. 86.
- ↑ 3,0 3,1 Forno, Mauro (2012). Informazione e potere (en italiano). Roma-Bari: Editori Laterza.
- ↑ Paola Gioia e Francesco Gandolfi (a cura di), Novecento periodico. Donne e uomini nella stampa periodica del XX secolo, p. 189.
- ↑ Malfitano, Alberto (Giornalismo fascista. Giorgio Pini alla guida del «Popolo d'Italia»). "Giornami" (PDF) (en italiano). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de maio de 2019. Consultado o 20 de setembro de 2023.
- ↑ Paolo Murialdi, Storia del giornalismo italiano, p. 192, ed. il Mulino, Bologna, 2006.
- ↑ 7,0 7,1 Vittorio Zucconi, Parola di giornalista, la Repubblica
- ↑ "Cari lettori" (en italiano). 27 de xuño de 1989. p. 1. Consultado o 20 de setembro de 2023.
- ↑ Adriano Botta, "La «banda Mieli» le sta suonando un po' a tutti", «L'Europeo», n° 26, 28 de xuño de 1991.
- ↑ "Corriere su Kindle, La Stampa sugli altri lettori: un confronto". antoniotombolini.simplicissimus.it (en italiano). 21 marzo 2009. Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2015. Consultado o 20 de setembro de 2023.
- ↑ 11,0 11,1 "Arquivo". archiviolastampa.it (en italiano). Consultado o 20 de setembro de 2023.
- ↑ "Alleanza La Stampa-Secolo XIX" (en italiano). 3 de agosto de 2014. Consultado o 20 de setembro de 2023.
- ↑ "La Stampa adotta la licenza Creative Commons per la condivisione degli articoli" (en italiano). 19 de decembro de 2015. Consultado o 20 de setembro de 2023.
- ↑ "Virtual Reference Desk - risorse per la ricerca in rete". bnnonline.it (en italiano). Outubro de 2019. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 5 de agosto de 2020. Consultado o 20 de setembro de 2023.
- ↑ "Massimo Giannini nuovo direttore de La Stampa, il comunicato del comitato di redazione" (en italiano). 23 de abril de 2020. Consultado o Roma-Bari.
- ↑ O xornal foi suspendido polo réxime fascista.
- ↑ O xornal foi novamente suspendido polo réxime fascista.
- ↑ Decreto do 9 de agosto de 1943, n. 727.
- ↑ O xornal non saíu nos días 10, 11 e 12 de setembro de 1943. O 13 de setembro Burzio asinou por última vez no xornal. Entre o 14 e o 17 de setembro La Stampa foi publicada sen firma.
- ↑ O 18 de xullo o xornal publicouse coa indicación «Ano 61 - Número 1». Despois de dous días de silencio reapareceu na edición o 21 de xullo co título La Nuova Stampa e a indicación «Ano I - Número 1».
- ↑ Xa codirector a partir de xullo de 1946.
- ↑ Ol 1 de xaneiro de 1959 o diario recupera o histórico título de La Stampa.