Cipriano Torre Enciso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaCipriano Torre Enciso
Biografía
Nacemento1 de xaneiro de 1902 Editar o valor em Wikidata
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Morte26 de xaneiro de 1995 Editar o valor em Wikidata (93 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónxornalista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosCristina Torre Cervigón Editar o valor em Wikidata
IrmánsUxío Torre Enciso Editar o valor em Wikidata

Cipriano Torre Enciso, nado na Coruña o 1 de xaneiro de 1902 e finado en Madrid o 26 de xaneiro de 1995, foi un xornalista e etnógrafo galego[1].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dun comerciante, foi irmán do químico, farmacéutico e xeólogo Uxío Torre Enciso, e do militar Santiago Torre Enciso. En 1934 licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela.

En 1926 comezara a exercer o xornalismo no xornal coruñés El Orzán, dirixido por Leandro Pita Romero. Alí traballou con Jenaro G. Catoira, Alfredo Tella, Adolfo Torrado Estrada, Eduardo Pérez Hervada, José Luis Bugallal Marchesi, José Pan de Soraluce e Victoriano Fernández Asís.

Afecto ao Franquismo, en xaneiro de 1937 comezou a traballar en Radio Nacional de España, de cuxa creación fora en parte responsable o seu irmán militar, comandante de enxeñeiros. Antes fora locutor e redactor-xefe de Radio A.Z. Na radio, desde Salamanca e desde o Palacio da Audiencia de Burgos, coincidiu con Gonzalo Torrente Ballester Luis Moure Mariño e Carlos Alonso del Real. Na radio creou o serial “Cinco minutos de humor”. Nesa época escribiu artigos na prensa de Palencia, e en 1938 publicou, co pseudónimo de Totó y Gaga, o conto infantil Viajes de Pololo, Marisol y Bigotes en el país de los rascacielos. Canda a Joaquín Soler Serrano publicou o libro infantil Juguetes: poemas para niños y para mayores, con limiar de Antonio Tovar.

En 1939 publicou La marcha sobre Barcelona, escrito canda a D. Muro Zegrí. En xaneiro dese ano participara no establecemento de RNE na capital catalá, como mando da III compañía de Radio y propaganda de los Frentes. Tras a guerra civil española pasou a traballar na revista gráfica de Radio Nacional de España. Escribiu artigos humorísticos no xornal deportivo Marca, recollidos en 1943 no volume La vuelta al deporte en 80 relatos de humor. Desenvolveu a súa obra xornalística no xornal Pueblo, como redactor de tribunais. En 1952 recibiu o Premio Pérez Lugín de xornalismo.

En 1940 publicou a novela Tiempo nuevo, escrita xunto a Victoriano Fernández Asís. O protagonista é un xornalista estadounidense, correspondente do The Morning Star de Philadelphia na segunda guerra mundial, en viaxe por Londres, Berlín e París. O crítico Melchor Fernández Almagro mencionou sobre esta novela a influencia da narrativa propia do cinema. En 1942 publicou Doce meses y un día, tamén escrita con Fernández Asís e tamén co transfondo da guerra. En 1949 publicou na revista Clarín o conto infantil Memorias de Nacho, perro detective. Como publicista e antólogo editou na Editoria Nacional os tomos Diez obras maestras de la literatura española (1949) e Diez obras maestras de la literatura francesa (1954).

En Radio Nacional de España participou na creación do programa Airiños, Aires. Durante a Semana Santa de 1952 radiou desde esta emisora unha versión preparada por Enciso e Fernández Asís da Arte de la Pasión de Lucas Fernández, e nese mesmo ano deu conferencias radiofónicas sobre “Galicia en sus danzas”. Radiou tamén conferencias sobre os xitanos e o vilancico español, sobre os Reis Magos, os figurantes nos beléns galegos e o culto ao neno Xesús en Galicia. En 1956 autoeditou o libro Panxoliñas: retabro galego de Nadal, como agasallo de Nadal para as súas amizades. O volume está ilustrado por José A. Cuní. O 4 de xaneiro de 1957 varias panxoliñas súas, entre elas "O meu Manoliño" e o "Vilancico das Meigas" (na tradición do expresado por Vicente Risco: “En Galicia até as meigas lle cantan ao neno Xesús”), foron emitidos en Televisión Española. As panxoliñas foron cantadas por María Romero, coruñesa con experiencia como locutora de radio, e a luguesa Carmiña Piñeiro, licenciada en Filosofía e Letras. Elas dúas cantaron tamén xunto con Sara Salgado Boo tras unha conferencia pronunciada o 12 de xaneiro de 1957 no Centro Galego de Madrid. Deu outras conferencias sobre a cultura popular con Xosé Ramón Fernández-Oxea, e en 1957 editou a escolma Nadal en Galicia con José Caamaño Bournaceli. A “Panxoliña das Meigas” foi incluída nun disco publicado en 1968 pola coral Terra a Nosa. A coral estaba dirixida polo franciscano Manuel Feijóo Sousa. Con el publicou en 1977 a quinta edición do seu volume Panxoliñas, que incluía versións musicadas compostas polo relixioso.

Colaborou na revista católica pontevedresa Spes. En 1958 publicou Camelias brancas. Nosa señora en Galicia. En Madrid dirixiu a revista Ademar, dos antigos alumnos dos irmáns maristas. Ao tempo, seguiu colaborando en Radio Peninsular. Foi letrista de música lixeira do Festival de la Canción del Duero. En 1974 acadou o segundo premio nun certame de panxoliñas celebrado no Barco de Valdeorras, que gañou Pura Vázquez cunha composto en castelán.

En 1982 publicou o libro Cocina gallega enxebre: así se come y se bebe en Galicia.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Viajes de Pololo, Marisol y Bigotes en el país de los rascacielos (1938).
  • Juguetes: poemas para niños y para mayores (con Joaquín Soler Serrano).
  • La marcha sobre Barcelona (1939, con D. Muro Zegrí)
  • Tiempo nuevo (1940,, con Victoriano Fernández Asís).
  • El velero de la muerte (1942)
  • Doce meses y un día (1942, con Victoriano Fernández Asís).
  • La vuelta al deporte en 80 relatos de humor (1943).
  • Memorias de Nacho, perro detective (1949).
  • Panxoliñas: retabro galego de Nadal (1956).
  • Camelias brancas. Nosa señora en Galicia (1958).
  • Cocina gallega enxebre: así se come y se bebe en Galicia (1982).

Editor[editar | editar a fonte]

  • Diez obras maestras de la literatura española (1949).
  • Diez obras maestras de la literatura francesa (1954).

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con María Teresa Cervigón, da saga dos Cervigón coruñeses, e tiveron seis fillos, unha delas é Cristina Torre Cervigón.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Acuña, X. E. (21 de xaneiro de 2015). "O día que se escoitou o galego na televisión de Franco". Biosbardia. Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2019. Consultado o 26 de agosto de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]