Cesária Évora

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cesária Évora en Mindelo, a súa terra natal.

Cesária Évora, nada en Mindelo o 27 de agosto e 1941 e falecida na mesma vila o 17 de decembro de 2011, foi unha cantante caboverdiana, coñecida como a raíña da morna[1]. e tamén como a diva dos pés descalzos, e a intérprete máis coñecida do seu país en todo o mundo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cesária Évora naceu na illa de San Vicente, cando esta aínda pertencía a Portugal. Filla dun intérprete de cavaquiño, violín e guitarra, e mais dunha cociñeira, tivo catro irmáns e foi educada primeiro coa súa avoa e logo nun orfanato católico. Dende moi nova comezou a cantar de forma afeccionada, tanto na igrexa coma co seu irmán Lela ao saxofón na praza de Mindelo, e a partir de finais da década dos cincuenta, de forma semiprofesional en bares, hoteis e pequenos cabarés, coma o Café Royal. A partir de 1961 foi contratada como cantante pola empresa pesqueira Congelo, de capital mixto colonial-metropolitano.

A mediados dos anos setenta, coincidindo coa independencia de cabo Verde, Cesária Évora abandona a música e dedícase á súa familia. Tamén son os anos onde comeza a sufrir problemas de alcolismo. Eses anos escuros duran por espazo dunha década, ata que a finais dos oitenta Bana, un cantante e empresario caboverdiano radicado en Portugal) a anima a regresar aos escenarios. En 1988 trasládase a París para gravar o seu primeiro disco de carácter internacional, La diva aux pied nus, a diva dos pés descalzos, titulado así pois Cesária Évora cantaba cos pés descalzos. O promotor deste disco é un emigrante portugués en Francia, chamado José da Silva, que sería o seu produtor polo resto da súa carreira profesional. O éxito deste primeiro disco da súa segunda etapa é tan grande que o leva a conceder diversas actuacións por toda Europa e a gravar o seu segundo álbum, catro anos máis tarde: Miss Perfumado, 1992.

A partir dese ano convértese nun referente internacional da música de Cabo Verde, fundamentalmente en dous xéneros: a morna, un xénero vogal propio das illas e semellante ao fado, e a coladera. Cesára Évora cantaba maioritariamente en crioulo caboverdiano, pero tamén en francés, portugués ou italiano. En 1992 instálase en París. En 2004 conquistou un premio Grammy ao mellor álbum de world music contemporánea.

A partir do ano 2000 ten diversos problemas de saúde, fundamentalmente de corazón, que a levan a diversas operacións, mais non a deixar o tabaquismo. En setembro de 2011, logo de cancelar un conxunto de concertos por estar moi débil, a súa editora Lusafrica anunciou que a cantante puña o punto e final á súa carreira musical.[2]. Faleceu no Hospital Baptista de Sousa como consecuencia dunha insuficiencia cardiorrespiratoria aguda e hipertensión.

Discografía[editar | editar a fonte]

A casa de Cesária Évora
  1. 1965 - Mornas de Cabo-Verde & Oriondino (disco sinxelo, 45 RPM]], C. Évora & Conjunto)
  2. 1987 - Cesária
  3. 1988 - Cesária Évora, La Diva aux pieds nus
  4. 1990 - Distino di Belita
  5. 1991 - Mar Azul
  6. 1992 - Miss Perfumado
  7. 1994 - Sodade - Les plus belles mornas de Cesaria (Best of)
  8. 1995 - Cesária
  9. 1995 - Cesária Évora à L'Olympia
  10. 1997 - Cabo Verde
  11. 1998 - Best of Cesária Évora
  12. 1998 - Nova Sintra
  13. 1999 - Le monde de Cesária Évora
  14. 1999 - Café Atlântico
  15. 2001 - Cesária Évora : L'essentiel
  16. 2001 - São Vicente di Longe
  17. 2002 - Anthology
  18. 2002 - Anthologie: Mornas & Coladeras (LP dobre)
  19. 2002 - The Very Best of Cesária Évora
  20. 2003 - Voz d'Amor
  21. 2004 - Les essentiels
  22. 2006 - Rogamar
  23. 2008 - Rádio Mindelo
  24. 2009 - Nha sentimento
DVD
  1. 2002 - Live in Paris
Duos
  1. 1999 - É doce morrer no mar (por Dorival Caymmi) cantado con Marisa Monte.
  2. 2009 - Capo Verde terra d'amore, vol. 1 (LP, cantado con Teofilo Chantre en italiano)
Outras colaboracións
  1. 1995 - Sangue de Beirona Remix (por François K)
  2. 1999 - Césaria Evora Remix (por François K e Joe Claussell)
  3. 2003 - Carnaval de São Vivente Remix (EP)
  4. 2003 - Club Sodade Remixes, Cesaria Evora by… (Carl Craig, Francois Kervorkian, Kerri Chandler, Four Hero, Señor Coconut, etc.)

Actuacións en Galicia[editar | editar a fonte]

Cesária Évora actuou en diversas ocasións en Galicia ao longo da década dos noventa e dos 2000, entre elas en Santiago de Compostela o 10 de novembro de 2005[3]. A súa última actuación foi o 15 de novembro de 2007 na Coruña.

Galardóns[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cesária Évora Modificar a ligazón no Wikidata