Castro do Monte da Cidá
Castro do Monte da Cidá | |
---|---|
Parroquia | Artes, Carreira |
Concello | Ribeira |
Provincia | A Coruña |
Comunidade autónoma | Galicia |
Id. catálogo | GA15073005 |
Cronoloxía | |
Datas de ocupación | Idade de ferro |
Períodos de escavación | 1915; 2014-2015 |
Extensión estimada | 1,4 ha. |
Véxase tamén | |
Castros de Galicia |
O castro do Monte da Cidá é un poboado castrexo situado no monte da Cidá, entre as parroquias de Carreira e Artes, no concello coruñés de Ribeira.
Morfoloxía
[editar | editar a fonte]Os restos do castro do monte da Cidá atópanse no cumio do monte, a carón do vértice xeodésico. Estrutúrase arredor dun pequeno adro de forma oval duns 98 x 65 m. Está moi ben protexido de ataques externos, xa que nas súas caras norte e oeste hai uns terrapléns que fan moi difícil a ascensión á acrópole. Polas ladeiras este e sur está protexido por rochas naturais a xeito de muralla defensiva.
No ano 1927, segundo escribiron Florentino López Cuevillas e Fermín Bouza Brey na súa obra Prehistoria e folklore da Barbanza, un veciño de Carreira chamado Lampón contaba a seguinte historia: «Aiquí houbo casas, unha aboa do meu veciño inda se lembraba de ver algunha en pé. Dende aiquí vixiábase antigamente a mar cando os mouros vivían no monte. Despois os mouros foron botados para África e atrás de iles viñeron os godas e despois nós».
Estado
[editar | editar a fonte]En 1915 acháronse restos cerámicos logo dunha escavación. A comezos da década de 1980, logo doutra prospección, o corte de árbores e a extracción ilegal e incontrolada de pedra fixeron que se derrubaran moitos dos restos do castro, incluíndo a magnífica escaleira de aceso.
A falta dunha escavación arqueolóxica axeitada que os desenterrase por completo, os restos do castro permaneceron case por completo tapados polas toxeiras, agás unha pequena construción circular que se pode ver libre de maleza. Foi escavado en 2014 e en 2015 baixo a dirección de Miguel A. Vidal. Na intervención de 2014 exhumáronse un total de 14 estruturas, trece delas da idade de ferro e unha de comezos da idade contemporánea[1].
Nas ladeiras deste monte tamén pódense achar varios restos de mámoas expoliadas polas escavacións incontroladas de séculos pasados, así como polas cortas de árbores logo dos incendios de agosto de 2006.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Restos dunha vivenda do castro da Cidá
-
Subida ó castro da Cidá
-
Vivendas do castro, 2014
-
Vivendas do castro, 2014
-
Vivendas do castro, 2014
-
Ao fondo, o lugar de Corrubedo e parte do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Un castro suspendido no tempo", artigo en Cultura Galega, 2 de xuño de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Castro do Monte da Cidá |
A Galipedia ten un portal sobre: Cultura castrexa |