Castro Bergidum
Castro Bergidum | |
---|---|
Parroquia | Valtuille de Abaixo, Pieiros |
Concellos | Cacabelos, León, Vilafranca do Bierzo |
Provincia | León |
Comunidade autónoma | Castela e León |
Id. catálogo | RI-51-00006681 |
Cronoloxía | |
Datas de ocupación | século I a.C. a século X d.C. |
Estado actual | Escavado parcialmente. Ruínas BIC |
Extensión estimada | 1 ha. |
Véxase tamén | |
Castros de Castela e León |
Castro Bergidum (Bergdunum) ou Castro Ventosa é un poboado de orixe castrexa situado en Valtuille de Abaixo (Vilafranca do Bierzo) e Pieiros (Cacabelos), na provincia de León.
Historia
[editar | editar a fonte]Bergdunum é o nome orixinal polo que os fundadores celtas coñecían esta cidade-fortaleza, a raíz "berg-" significa "alto" e "-dunum" fai referencia a unha fortificación ou cidade forte. Así pois Bergdunum significaría literalmente "Cidade fortificada no Alto". Dende un punto de vista xeográfico enténdese perfectamente, pois dende o alto das súas murallas é posible dominar todos os arredores, por iso é un lugar doado de defender e a súa proximidade a terreos de labor, montes e auga, fano un lugar idóneo para o asentamento humano nesta época tan temperá.
A ocupación prerromana de Castro Ventosa foi comprobada a través dos achados arqueolóxicos, despois de atoparse estruturas circulares de pedra e multitude de restos.
No Museo Arqueolóxico de Cacabelos (M.A.R.C.A) encóntranse depositadas, entre outras moitas pezas procedentes de Bergdunum, puntas de lanza, muíños abarquillados e circulares,fíbulas e diversos restos de adornos e pezas de cerámica.
Durante este período podemos dicir que Bergdunum é un poboado de grandes dimensións, tendo en conta o tamaño doutros castros próximos e contemporáneos como "O Castrelín" de San Xoán de Paluezas, "O Castro" de Borrés, Vilaboa, Quilous, ou San Miguel, poderíase asegurar que Bergdunum constituía o centro do poder da bisbarra.
Ocupación romana
[editar | editar a fonte]Bergidum sería conquistada cara ao ano 25-23 A.C. polos romanos, dato que se apunta polas fontes clásicas e pola aparición dunha moeda, un ás de Augusto no Castro. Outras referencias a Bergidum atopámolas nas Guerras Astur-Cántabras, así Lucio Anneo Floro[1] e Orosio contan como a cidade de Berxida foi sometida pola fame e os seus habitante fuxiron ao monte Vindicus (probablemente os montes de Ancares e Fornela.[2] Bergidum durante a época romana foi unha importante poboación, non só pola súa importancia comercial ou administrativa, senón pola súa localización como cidade cruzamento de vías ou calzadas romanas. No denominado Itinerario de Antonino (unha recompilación de rutas de época do emperador Caracalla), Bergidum aparece como o punto no que confluían as calzadas que levaban ás cidades de Bracara (Braga), Asturica Augusta (Astorga) e Lucus Augusti (Lugo).
Na chaira e durante a época de Julius Claudia, encontráronse restos de poboados próximos, como o caso da Edrada en Cacabelos que presenta unha cronoloxía da época de Claudio e Vitelio. Barallouse a posibilidade de que a poboación residente no Castro baixase ao chairo pero non se pode afirmar con rotundidade, poisque, os datos cos que se conta son aínda moi escasos.
Durante a época Flavia, concédeselle o edicto de latinidade de Vespasiano pasando a denominarse Bergidum Flavium, así adquire o dereito de cidadanía latina. Hai unha controversia ao respecto, opinando varios autores que Bergidum Flavium se corresponde co depósito da "Edrada" aos arredores de Cacabelos, en dirección norte, e non con Castro Bergidum, probablemente as escavacións que están actualmente a levarse a cabo polo CSIC en Castro Bergidum axuden a aclarar esta discusión.
Bergidum estaba adscrito ao convento xurídico de Asturica, posuíndo probablemente a categoría de municipium, pois aparece citado como res pública nunha inscrición do século II d.C encontrada en Tarragona.[3] Se trata dun pedestal ou base de estatua no que pode lerse:
C(aio) Val(erio) Arabino
Flaviani f(ilio) Bergido F(laviensi)
censuer(unt)
omnib(us) hon(oribus) in re p(ublica)
sua func(to) sacerdoti
Romae et Aug(usti) p(rovincia) H(ispania) c(iterior)
ob curam tabulari(i)
censualis fideliter
administr(atam) statuam
inter flaminales
viros positam ex
ornandm univers(i)
Caio Valerio Arabino, fillo de Flaviano, natural de Bergidum Flavium,
en cuxa república, gozou todos os honores [...]
Encontrouse no Castro Ventosa en 1895, unha lápida de lousa negra conservada no Museo de León datada no segundo consulado de Cómodo e Martio Vero (179 A.C.).
As primeiras novas que temos de Castro Ventosa durante a Idade Media, achégaas o chamado Parroquial suevo. Datado nos anos 572 e 585, durante o goberno do rei Mirón, nel cítase a Bergido como parroquia. Coas primeiras invasións no 406 Suevos, Vándalos e Alanos invaden a Península, quedando ocupada a zona do Bierzo por Vándalos e Suevos. Estes últimos menos numerosos en poboación ca os primeiros. Así permanecerá en mans vándalas ata a súa integración no reino Suevo, que posteriormente será conquistado polos visigodos de Leovixildo no 585. Sabemos que durante os séculos V e VI, Bérgido, é unha cidade con comunidade cristiá e igrexa. Descoñecemos a súa advocación pero máis tarde se nomean as de Santa María, San Ascisclo e San Xullán. A cidade ten continuidade en época visigótica, noméaa o parroquial ou o texto da Hitación de Wamba (672-680), pero coñecemos da súa existencia pola obra de San Valerio. O cal sitúa Bergidum como capital do territorio coñecido actualmente coma O Bierzo. A importancia da cidade vén marcada polas moedas de Sisebuto (un triente suevo),[4] nas que se menciona a Bergio como ceca na que se acuña moeda. O reforzo da crenza da presenza visigoda en Castro Ventosa é o achado do peite de óso que se data no 2º terzo do século IV e 1ª metade do V, elemento característico da cultura de Cherniajov.
Invasión musulmá
[editar | editar a fonte]A cidade de Bergidum, capital do territorium berxidense visigodo, mantén a súa existencia polo menos ata a invasión musulmá. Coa chegada dos árabes á Península Ibérica no 711. Seguindo a vía romana de Caesaraugusta a Asturica chegan no ano 714 ata León, Astorga e Bergidum. É no ano 737, cando o Bierzo se consolida como unha atalaia protectora do reino ástur. Castro Ventosa sería entón un castellum, sobre o cal o Reino de Asturias organiza a súa administración e defensa. Unha das derrotas máis coñecidas é a sufrida aos pés de Castro Ventosa, por Bermudo I que se enfronta a Yusuf ibn Bujt no ano 791. Co rei Afonso III de Asturias as razias musulmás faranse máis frecuentes.
Reconquista, repoboación e despoboación de Castro Ventosa
[editar | editar a fonte]No ano 857 cédese aos monxes do mosteiro de Samos as terras do Bierzo, documentándose no Século IX uns 17 núcleos de poboación. Durante esta época, Berxido como nome de cidade, desaparece da documentación e soamente fálase do Bierzo. A seguinte nova é no século X, o Castro Ventosa entra en decadencia, ata a súa case total despoboación. No ano 994, o Castro non se atopa deshabitado, de feito unha doazón feita por Todindo e a súa irmá Todil ao Mosteiro de Santa María de Carracedo, así o indica. En 1172 Domingo Pérez dá ao Mosteiro de Carracedo un soar en castro Ventosa ao carón da Igrexa de San Xullán. O contrapunto encontrámolo cun documento do ano 1210 que nos di que Castro Ventosa era un deserto dende antigo. A decadencia do Castro Ventosa aprovéitana Vilafranca e Cacabelos, que co paso do tempo se van consolidando como poboacións máis importantes. A razón da decadencia do Castro no século IX explícase polo castigo de Afonso III ou as raizas musulmás, e tamén pola localización no alto sen moita auga. Pero o repoboación que se fai das vilas do Camiño de Santiago, con poboación franca co fin de aumentar as expectativas económicas é o elemento que induce a repoboar o Castro polos reis Fernando II de León e Afonso IX. Pero ao veren o dano sobre a poboación local que esta repoboación forzosa causa, o rei desiste e prohibe que se fagan novas repoboacións, e cede as pedras da muralla para construír o Mosteiro de Carracedo. Afonso IX incumpre esta orde e intenta repoboalo de novo, así documéntano varias doazóns de 1204 e 1209, pero pola intromisión dos mosteiros e vilas próximas, o rei renuncia á repoboación.
Literatura
[editar | editar a fonte]A produción literaria que xera o Castro Ventosa durante a Idade Moderna, non é moi significativa, acentuándose a súa relevancia cando no século XVIII, Jovellanos e o Pai Flórez, se interesan polo depósito. O Pai Flórez, na súa España Sagrada recolle datos sobre Castro Ventosa, menciona a inscrición do Museo arqueolóxico de Tarragona na que se nomea a Caio Valerio Arabino, natural de Bergidum. Ademais fai unha descrición do Castro Ventosa e da súa situación na época.
Jovellamos ao igual que o Padre Flórez, informado da existencia do Castro polos monxes de Carracedo, decide visitalo. Unha vez alí fálanos de vestixios antigos de castelos. Pero os testemuños máis destacados son sen dúbida os de Enrique Gil y Carrasco e o prusiano Hans Friedrich Gadow. O escritor romántico fala do castro e describe as súas paisaxes, apuntando que os monxes o usan como canteira para as súas construcións. Por outra parte Gadow, que percorreu coa súa muller o norte da Península Ibérica, describe a situación do Castro a comezos do século XIX e faise eco das súas lendas e folclore.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Floro, Epitome Rei Militaris II, 33, 49
- ↑ Adolf Schulten, "Cántabros e Astures e a súa guerra con Roma"
- ↑ CIL II 4248 (páx. LXXVIII, 973) = ILS 6937 = RIT 333; HEp 13, 2003/2004, 682
- ↑ Padre Flórez, "Historia Sagrada"
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Cultura castrexa |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- ABAD VARELA, M.: “Monedas Romanas depositadas en el Museo Municipal de Cacabelos”. Tierras de León, Nº 83-84. León, 1991, pp. 119–134
- ALMAGRO BOSCH, M.: "El ídolo de Noceda (León) en Trabajos de Prehistoria@, nº 28, 1971.
- BLÁZQUEZ MARTÍNEZ, J.M.: Diccionario de las religiones prerromanas de Hispania. Madrid, 1975.CARO
- BAROJA, J.: Los Pueblos del Norte de la Península Ibérica. San Sebastián, 1973.
- - Los pueblos de España. Madrid, 1981 (3ª edición).
- CELIS SÁNCHEZ, J.: "El Castro de Chano" en Historia del Bierzo. Diario de León- IEB. Ponferrada 1994; pp. 6–7.
- DÍAZ ÁLVAREZ, I.: “Museo Arqueológico de Cacabelos”, Rev. Instituto de Estudios Bercianos, nº 10. Ponferrada, 1989, pp. 61–65.
- GÓMEZ MORENO, M.: Catálogo Monumental de la Provincia de León. Ed. Nebrija. León 1979.
- GUTIÉRREZ GONZÁLEZ, J.A. e ABELLO ÁLVAREZ, J.L.- Las pinturas rupestres esquemáticas de Sésamo, Vega de Espinareda. León. Centro de Investigaciones y Museo de Altamira, nº 12. Ministerio de Cultura. Madrid, 1987.
- GONZÁLEZ RAMOS, J.I.: "Castro Ventosa: una repoblación frustrada" en Historia de El Bierzo. Diario de León-IEB. Ponferrada 1994; p. 46.SCHULTEN, A.: Cántabros y Astures y su guerra con Roma. Madrid, 1943
- GRUPO BOEZA.: El Arte en el Bierzo. Cep. Ponferrada curso 87/88.
- LÓPEZ RODRÍGUEZ, J.R.: Terra Sigillata Hispánica Tardía decorada a molde de la Península Ibérica. Salamanca 1985.
- LÓPEZ VALLE, M.: Castro Bérgidum, el mayor asentamiento castreño berciano. Ed.. Grama. Ponferrada. 2004.
- MAÑANES PÉREZ, T.: "La cultura material de época romana en la alta del río Sil (Laceana, Bierzo, Cabrera).
- PÉREZ RODRÍGUEZ-ARAGÓN, F: “La cultura de Tchernjahov, la diáspora gótica y el peine de Cacabelos”, Boletín del Seminario de Estudios de Arte y Arqueología de la Universidad de Valladolid, nº 62, 1996, pp. 173–184.
- VV.AA.: Arqueoleón. Historia de León a través de la Arqueología. Actas. León 1996.
- VV.AA.: Historia del Arte en Castilla y León. Ed. Ámbito. Tomo I.
- VV.AA.: Historia del Arte en León. Diario de León. León 1990.