Hendrik Casimir

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Casimir Research School»)
Infotaula de personaHendrik Casimir
Biografía
Nacemento15 de xullo de 1909
A Haia, Países Baixos Editar o valor em Wikidata
Morte4 de maio de 2000 (90 anos)
Heeze
Países Baixos Países Baixos
Datos persoais
ResidenciaPaíses Baixos
País de nacionalidadePaíses Baixos
EducaciónUniversidade de Leiden
Director de tesePaul Ehrenfest Editar o valor em Wikidata
Coñecido porEfecto Casimir
Actividade
Campo de traballoFísica
Ocupaciónfísico , matemático , profesor universitario Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade de Leiden, Professor by special appointment (en) Traducir. Faculdade de Matemática e Ciências Naturais (pt) Traducir (1939–1976)
Universidade de Leiden
Laboratório Philips Natuurkundig (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Membro de
ProfesoresPaul Ehrenfest Editar o valor em Wikidata
Influencias en
LinguaLingua neerlandesa Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
DoutorandoCarolyne van Vliet e Henk van Bueren Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeJosina Casimir-Jonker
Premios
Medalla IRI (1976)
Medalla Wilhelm Exner (1982)
Medalla Matteucci (1985)

WikiTree: Casimir-29


Hendrik Brugt Gerhard Casimir, nado o 15 de xullo de 1909 na cidade surholandesa da Haia e finado o 4 de maio de 2000 en Heeze, Brabante do Norte, foi un físico neerlandés vinculado á Universidade de Leiden coñecido polas súas investigacións sobre o modelo de supercondutores de dous fluídos, en 1934, e polo denominado Efecto Casimir, en 1946.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Casimir estudou física teórica na Universidade de Leiden, onde foi alumno de Paul Ehrenfest.[2] Culminou os seus estudos en 1931, coa publicación da súa tese de doutoramento sobre a mecánica cuántica de corpos estáticos e sobre a teoría grupal da rotación das moléculas.[3] Durante eses anos mantivo tamén contactos científicos en Copenhague con Niels Bohr.[4]

Logo da súa graduación traballou como axudante de Wolfgang Pauli na universidade ETH de Zürich e, en 1938, chegou a ser profesor da Universidade de Leiden, onde compaxinou a docencia coas investigacións sobre a condución de calor e sobre a de electricidade, e contribuíu ao desenvolvemento das temperaturas de millikelvin.[5]

En 1942, durante a segunda guerra mundial, Casimir trasladouse aos laboratorios Philips en Eindhoven, onde desenvolveu o seu labor científico e, en 1945, redactou o seu famoso estudo sobre o "principio de reversibilidade microscópica" de Lars Onsager. Chegou a ocupar o posto de director adxunto dos laboratorios de investigación de Philips en 1946 e un dos membros da dirección da compañía en 1956, da que se retirou en 1972.[6]

Aínda que durante a súa carreira profesional investiu moito tempo e dedicación no terreo industrial, Hendrik Casimir foi un dos grandes físicos teóricos dos Países Baixos. A Casimir débenselle numerosas achegas á ciencia como resultado das súas investigacións entre 1931 e 1950, fundamentalmente en relación coa matemática pura, os grupos de Lie (1931), as estruturas hiperfinas, os cálculos de momentos nucleares cuádruplos (1935), a física de temperaturas baixas, o magnetismo, a termodinámica dos supercondutores e a relaxación paramagnética (1935-1942), e as aplicacións da teoría dos fenómenos irreversibles de Onsager (1942-1950).[7]

En 1946 entrou a formar parte da Real Academia das Artes e as Ciencias dos Países Baixos.[8] Durante o seu período laboral en Philips, en 1948, en colaboración con Dirk Polder, predixo a atracción da mecánica cuántica entre placas condutoras, que posteriormente paso a coñecerse como Efecto Casimir, que tivo importantes consecuencias nos sistemas microelectromecánicos.[9]

Casimir colaborou na fundación da Sociedade Europea de Física, da que foi presidente entre 1972 e 1975, e foi tamén membro da prestixiosa Royal Society de Londres.[10] En 1979 foi un dos relatores fundamentais na celebración do 25º aniversario da creación do CERN.

Foi premiado con seis títulos de doutor honoris causa por outras tantas universidades do mundo e foi recoñecido con numerosos galardóns, entre eles a Medalla IRI (1976), do Industrial Research Institute, de Arlington, nos EEUU, a Medalla Matteucci (1985), da Accademia Nazionale delle Scienze, de Italia, e a medalla Wilhelm Exner (1982), da Asociación do Comercio de Austria.[11][12][13]

Publicacións[editar | editar a fonte]

  • 1931: Rotation of a Rigid Body in Quantum Mechanics. A Haia-Groningen. Acceso en liña
  • 1940: Magnetism and Very Low Temperatures. Cambridge University Press. Cambridge.
  • 1948: "The Influence of Retardation on the London-van der Waals Forces". En Physical Review. Vol. 73. Nº 4. Con Dirk Polder. Acceso en liña
  • 1948: "On the attraction between two perfectly conducting plates". En Proceedings of the Royal Netherlands Academy of Arts and Sciences. Vol. 51. Acceso en liña
  • 1967: "The Skin Effect". En Philips Technical Review. Vol. 28. Acceso en liña
  • 1983: Haphazard Reality: half a century of science. Harper & Row. Nova York. 1983. ISBN 0-06-015028-9
  • 1983: Het toeval van de werkelijkheid: Een halve eeuw natuurkunde. Meulenhof. Ámsterdam. ISBN 90-290-9709-4
  • 1987: Waarneming en visie; over wetenschap en maatschappij. Meulenhoff. ISBN 9029096276
  • 1989: Physics in the making: essays on developments in 20th century physics. North-Holland. Ámsterdam. ISBN 0-444-88121-2

Casimir Research School[editar | editar a fonte]

Na honra deste eminente físico neerlandés, en 2004 estableceuse en Leiden a Casimir Research School ("Escola de Investigación Casimir"), unha institución académica conxunta entre a Universidade de Leiden e a Universidade de Tecnoloxía de Delft, centrada na física interdisciplinaria, cun programa de investigación desenvolvido polo Kavli Institute of Nanoscience ("Instituto Kavli de Nanociencia"), en Delft, e o Instituto Leiden de Física.

A institución agrupa case medio milleiro de investigadores, tanto posgraduados, algúns deles en programas de doutoramento, como no seu período de formación universitaria en ambas as universidades.[14]

Premio Hendrik Casimir[editar | editar a fonte]

A Casimir Research School recoñece anualmente co premio Hendrik Casimir os investigadores que desenvolven con máis excelencia un programa de mestrado nalgunha das dúas universidades. O premio, consistente nunha certificación que leva aparellada unha dotación económica, ten as súas orixes na doazón de fondos realizada por Josina Casimir-Jonker, viúva de Hendrik Casimir.

Estes son os últimos gañadores do premio Hendrik Casimir:[15]

  • 2010: Aafke van den Berg, Nico Verhart, Robert Ietswaart e Tim Baart.
  • 2011: Rianne van den Berg e Evert van Nieuwenburg.
  • 2012: Jelmer Wagenaar e Christopher Watson.
  • 2013: Katy Wei e Tom van der Reep.
  • 2014: Anne Meeussen, Jorinde van de Vis e Sander Konijnenberg.
  • 2015: Stijn Debackere e Eduardo Pavinato Olimpio.
  • 2016: Andrea Peña e Jorrit Hortensius.
  • 2017: Nashwan Sabti e Nikolas-Olivier Kavadias.
  • 2018: Marta Pita Vidal, Damian Bouwnmeester e Stefano Polla.

Galegos co premio Hendrik Casimir[editar | editar a fonte]

Na edición de 2018 resultou galardoada con este premio a enxeñeira física e matemática galega Marta Pita Vidal, quen, tras formarse na Universidade Politécnica de Cataluña e pasar polo Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT), en Boston, forma parte do equipo de investigación en física cuántica de Leo Kouwenhoven na Universidade de Tecnoloxía de Delft, nos Países Baixos.[16][17][18] Pita Vidal foi recoñecida tamén nos Países Baixos cun dos premios da Real Sociedade de Ciencias e Humanidades á Xuventude con Talento en 2019.[19]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Kasimier, Hendrik Brugt Gerhard (1909-2000)". En Biografisch Woordenboek van Nederland.
  2. "Hendrik Brugt Gerhard Casimir Arquivado 09 de agosto de 2018 en Wayback Machine.". En Mathematics Genealogy Project.
  3. Casimir, H. B. G. Rotation of a Rigid Body in Quantum Mechanics. A Haia. 1931
  4. Casimir, H. B. G. Het toeval van de werkelijkheid: Een halve eeuw natuurkunde. Meulenhof. Amsterdam. 1983. Páxinas 34, 37, 74, 80, 152, 374.
  5. Lamoreaux, S. K. (2002)
  6. Casimir, H. B. G. (1986). Páxinas 238, 276, 279.
  7. Schuurmans, M. (2000)
  8. "Hendrik Brugt Gerhard Casimir (1909 - 2000)". KNAW Past Members.
  9. "Casimir effect". En Encyclopaedia Britannica.
  10. Hargreaves, C. M. "Hendrik Brugt Gerhard Casimir Knight of the Order of the Nederlandse Leeuw Commander in the Order of Orange Nassau. 15 July 1909 - 4 May 2000: Elected F.R.S. 1970". En Biographical Memoirs of Fellows of the Royal Society. 50: 39. 2004.
  11. "IRI Medal". Industrial Research Institute.
  12. "Die Wilhelm Exner Medaille Arquivado 21 de decembro de 2018 en Wayback Machine.". Na web da Asociación do Comercio de Austria.
  13. "Medaglia Matteucci". Accademia Nazionale delle Scienze.
  14. Casimir Research School.
  15. Hendrik Casimir Prize.
  16. "Jarillo-Herrero Group. Quantum Nanoelectronics @ MIT". Massachusetts Institute of Tecnology.
  17. "Hendrik Casimir Prize 2018 awarded to Marta Pita-Vidal, Damian Bouwmeester, and Stefano Polla". Casimir Research School.
  18. Perfil de Marta Pita Arquivado 19 de decembro de 2018 en Wayback Machine. no laboratorio de leo Kouwenhoven (QuTech) na Universidade de Tecnoloxía de Delft.
  19. "Juryrapport. ShellAfstudeerprijzen voor Natuurkunde 2019 Arquivado 28 de novembro de 2019 en Wayback Machine.". Koninklijke Hollandsche Maatschappij der Wetenschappen.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lamoreaux, S. K. "Hendrik Burgt Gerhard Casimir". Proceedings of the American Philosophical Society. Vol. 146. Nº 3. Setembro de 2002. Acceso en liña
  • Polder, D. "Hendrik Burgt Gerhard Casimir, 15 juli 1909 - 4 mei 2000". En Levensberichten en herdenkingen 2001. Koninklijke Nederlandse Akademie van Wetenschappen. 2001. Páxinas 13-21. Acceso en liña
  • Rechenberg, Helmut. "Hendrik Brugt Gerhard Casimir (1909-2000). The Physicist in Research, Industry and Society". En European Journal of Physics. 22 (4): 441-446. Xullo de 2001.
  • Schuurmans, M. "Hendrik Brugt Gerhard Casimir". En Physics Today 53, 80. 2000. Acceso en liña

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]