Real Sociedade de Ciencias e Humanidades de Holanda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 52°22′47″N 4°38′23″L / 52.37972, -4.63972

Real Sociedade de Ciencias e Humanidades de Holanda
Tipoacademia de ciencias
Data de fundación1752
Fundador(es)Arent de Raet
PremiosKoninklijk
SedeHaarlem
EnHaarlem
PaísPaíses Baixos
Na rede
http://www.khmw.nl/
editar datos en Wikidata ]

A Real Sociedade de Ciencias e Humanidades de Holanda (en neerlandés: Koninklijke Hollandsche Maatschappij der Wetenschappen KHMW) é unha sociedade científica dos Países Baixos fundada en 1752 na cidade de Haarlem, que ten como obxectivo a promoción da ciencia e o fomento das relacións entre esta e a sociedade.[1][2]

O rei Gillerme Alexandre é o seu presidente honorífico (protector).[3]

Desde 1841, a súa sede é un edificio coñecido como Hodshon Huis, que ten a consideración de Rijksmonument.[4][5][6][7]

Historia[editar | editar a fonte]

Homenaxe da KHMW a un dos seus membros en 1925, con asistentes como Marie Curie e Albert Einstein
Homenaxe da KHMW a un dos seus membros en 1925, con asistentes como Marie Curie e Albert Einstein

A entidade instituíuse o 21 de maio de 1752, inicialmente co nome de Hollandsche Maatschappij der Wetenschappen ("Sociedade Holandesa de Ciencias"), o que lle confire a honra de ser a sociedade científica máis antiga dos Países baixos. Tratábase dun club de sete cabaleiros que se reunía na Casa do Concello de Haarlem para discutiren acerca de temas científicos e promoveren o estudo das artes e das ciencias.[8] Entre os seus fundadores pódese salientar o daquela alcalde de Haarlem, Arent de Raet, que foi o seu primeiro presidente, e o pastor luterano Van der Aa, primeiro secretario.

A sociedade recibiu o seu recoñecemento en 1761, logo de que a Universidade de Leiden estipulase que a non puidese organizar conferencias en Haarlem e que as súas publicacións só puidesen aparecer en neerlandés, co fin de evitar que competisen coas da propia universidade de Leiden.

En 1777 creouse dentro da sociedade a coñecida como Sección Económica (Oeconomische Tak), co obxectivo de promover a economía. Debido ao seu éxito, esta filial independizouse en 1797, e adquiriu a denominación de Sociedade Neerlandesa Para a Industria e o Comercio (Nederlandse Maatschappij voor Nijverheid en Handel).

En 2002, con motivo do 250 aniversario da entidade, concedéuselle o título de "Real" (Koninklijke ), que se incorporou á súa denominación oficial.[8]

A partir de 2007, a sociedade comezou unha estreita colaboración coa fundación Nationale Denktank, que se dedica á investigación sobre problemas sociais.[3]

Gabinete, biblioteca, museo e arquivo[editar | editar a fonte]

Como era costume nas orixes das sociedades científicas, a KHMW tamén tivo o seu propio "Gabinete de Ciencias Naturais" e dotouse da súa propia biblioteca especializada. O gabinete albergaba algunhas coleccións de particulares e púxose ao dispor do público en 1759, cunha función eminentemente divulgadora. En 1886 determinouse o seu pechamento, ao se ver a súa función mellor representada polos numerosos museos que xurdiron ao longo do século XIX.

A biblioteca empregouse principalmente para compilar literatura científica, dado que aos estudosos lles resultaba moi difícil o seu acceso a ela e tendo en conta que na universidade apenas había docencia en determinados campos científicos; por exemplo, as ciencias naturais non se ensinaban de xeito independente, senón que se encadraban baixo a filosofía e a medicina. Conforme esta situación foi mellorando, a función da biblioteca da sociedade foise diluíndo ata se fusionar, en 1946, coa do Museo Teyler, sito no mesmo edificio que a KHMW .

Baixo a dirección de Martinus van Marum (1750-1838) estableceuse tamén un museo con espécimes zoolóxicos​. Van Marum tamén tiña un pequeno xardín para que o público o visitase no verán, localizado en Bakkerstraat. O museo entrou en crise logo do falecemento de Van Marum, e en 1866 decidiuse a súa disolución.[9]

O arquivo da sociedade consérvase no Noord-Hollands Archief, en Haarlem.

Difusión científica[editar | editar a fonte]

Durante os primeiros anos da súa existencia, a sociedade publicou unha serie de revistas científicas, como Verhandelingen van de Hollandsche Maatschappij der Wetenschappen ("Traballos da Hollandsche...") e Natuurkundige Veractions ("Traballos Físicos"), mais cando se xeneralizou unha gran variedade de revistas especializadas en holandés pasou á subvención dalgunhas publicacións, en lugar de ser a súa editora.

Ocasionalmente, a KHMW publica algunhas monografías, como Oeuvres complètes de Christiaan Huygens.[10] Desde 1946 publica tamén anualmente Haarlemse Voordrachten ("Lecturas de Haarlem")[11].

Por outra banda, a sociedade organiza tres grandes conferencias anuais de orde científica, á parte doutras con carácter extraordinario, moitas das cales acaban sendo publicadas en opúsculos. Desde 2005, organiza ademais anualmente a conferencia Jan Brower, sobre temas interdisciplinares de orientación social.[12]

Premios[editar | editar a fonte]

O recoñecemento da sociedade ampliouse especialmente grazas a algúns dos premios que outorga. Entre 1753 e 1917, organizou 1.206 concursos e certames acerca de moi diversas cuestións científicas, que finalmente foron abandonados en favor da subvención económica a proxectos científicos.

En tempos máis recentes, recuperou a concesión dunha boa cantidade de premios, financiados por empresas colaboradoras, entre os que cabe destacar o Premio Langerhuizen, o Premio Brower Vertrouwens, o Premio Honorario Dr. Saal van Zwanenberg, o Premio Holandés de investigación en TIC e os Premios da Sociedade Holandesa á Xuventude con Talento (Hollandsche Maatschappij Prijzen voor Jong Talent), entre outros máis de vinte vixentes.[13]

Galegos premiados pola KHMW[editar | editar a fonte]

Na edición de 2019 dos Premios da Sociedade Holandesa á Xuventude con Talento resultou galardoada cun dos premios na modalidade de Física a matemática e enxeñeira física galega Marta Pita Vidal, quen, tras formarse na Universidade Politécnica de Cataluña e pasar polo Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT), en Boston, forma parte do equipo de investigación en física cuántica de Leo Kouwenhoven na Universidade de Tecnoloxía de Delft, nos Países Baixos.[14][15][16] Pita Vidal fora recoñecida previamente nos Países Baixos co premio Hendrik Casimir na edición de 2018.[17]

A Hodshon Huis[editar | editar a fonte]

A casa Hodshon, en Haarlem, sede da KHMW.

A casa Hodshon, sede da sociedade, foi construída en 1794 polo arquitecto Abraham van der Hart para a súa primeira propietaria, Catharina Cornelia Hodshon (1768-1829), unha herdeira rica que rexentaba un establecemento de beneficencia na cidade de Haarlem.[18] Logo da morte de Catharina, a casa pasou ás mans do banqueiro de Ámsterdam Adriaan van der Hoop e foi adquirida para a sociedade en 1841.[5][6][7]

O edificio é propiedade da asociación Hendrick de Keyser, dedicada á preservación de casas con valor histórico ou arquitectónico nos Países Baixos.[4]

Membros senlleiros e directores[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Doelstelling Arquivado 23 de marzo de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da KHMW.
  2. Forbes, R. (1963). Páxinas 380-384.
  3. 3,0 3,1 "Structuur van de maatschappij. Protector". No sitio web da KHMW.
  4. 4,0 4,1 "Een prachtig monument Arquivado 23 de marzo de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da KHMW.
  5. 5,0 5,1 "Huis Hodshon. Haarlem, Spaarne 17 Arquivado 19 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". Vereniging Hendrick de Keyser.
  6. 6,0 6,1 Ficha do edificio no Rijksmonumentenregister.
  7. 7,0 7,1 Van de Ende, K. C.; Baron van der Feltz, G. W. (2001)
  8. 8,0 8,1 "Geschiedenis Arquivado 23 de marzo de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da KHMW.
  9. Bierens de Haan, J. A. (1941).
  10. ISBN 9780274112159
  11. "Haarlemse Voordrachten Arquivado 19 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da KHMW.
  12. "Lezingen, symposia en publicaties Arquivado 23 de marzo de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da KHMW.
  13. "Prijzen Arquivado 23 de marzo de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da KHMW.
  14. "Juryrapport. ShellAfstudeerprijzen voor Natuurkunde 2019 Arquivado 28 de novembro de 2019 en Wayback Machine.". Koninklijke Hollandsche Maatschappij der Wetenschappen.
  15. "Jarillo-Herrero Group. Quantum Nanoelectronics @ MIT". Massachusetts Institute of Tecnology.
  16. Perfil de Marta Pita Arquivado 19 de decembro de 2018 en Wayback Machine. no laboratorio de leo Kouwenhoven (QuTech) na Universidade de Tecnoloxía de Delft.
  17. "Hendrik Casimir Prize 2018 awarded to Marta Pita-Vidal, Damian Bouwmeester, and Stefano Polla". Casimir Research School.
  18. "Hodshon, Cornelia Catharina (1768-1829)". En Digitaal Vrouwenlexicon van Nederland.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bierens de Haan, J. A. (1941). De geschiedenis van een verdwenen Haarlemsch museum van natuurlijke historie. Het Kabinet van Naturalien van de Hollandsche Maatschappij der Wetenschappen 1759–1866. Haarlem. F. Bohn.
  • Forbes, R. (1963). "De geleerde genootschappen in ons land". En Natuur en Techniek. Ano 31. Nº 11.
  • Van de Ende, K. C.; Baron van der Feltz, G. W. (2001). Hodshon Huis. Bewoningsgeschiedenis en restauratie. Thoth. Haarlem. ISBN 978-9068682977

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]