Saltar ao contido

Casa da Moeda de Venezuela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casa da Moeda de Venezuela

Moeda colonial de 4 reais cuñada en 1820 na
Real Casa da Moeda de Caracas


TipoCasa de moeda.
Fundación1802: Real Casa de Moneda de Caracas.
1886: Casa de la Moneda de Caracas.
1989: Casa de la Moneda de Venezuela.
Matriz Banco Central de Venezuela.
Localización Maracay.
Estado de Aragua.
Venezuela.
Persoas claveMiguel Andri Gordillo (xerente).
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas, selos, papel timbrado etc.
Na rede
https://www.bcv.org.ve/bcv/casa-de-la-moneda-de-venezuela
editar datos en Wikidata ]

A Casa da Moeda de Venezuela é unha institución dependente do Banco Central de Venezuela, con sede en Maracay, encargada da cuñaxe de moedas e da impresión de billetes de curso legal en Venezuela, así como de selos postais e fiscais, e de papel timbrado. As súas instalacións albergan tamén as reservas internacionais do país.[1][2]

Dentro do Banco Central de Venezuela ten carácter de xerencia xeral, co rango de vicepresidencia.[1][2]

A súa orixe remóntase á época colonial, cando a daquela chamada Real Casa de Moeda de Caracas comezou a cuñar moeda en 1802.[3]

Período colonial

[editar | editar a fonte]
Moeda colonial dun oitavo de real (1814).[4]

A fabricación de diñeiro en Venezuela comezou nos inicios do século XIX, durante a época da Capitanía Xeneral de Venezuela. O capitán xeneral Manuel de Guevara y Vasconcelos decretou a eliminación da circulación das moedas e das fichas comerciais que fabricaban os comerciantes a título particular para levaren a cabo as súas operacións comerciais, co fin de centralizar eses procesos. O 12 de xuño de 1802 instalouse a Real Casa de Moeda de Caracas, que comezou a cuñaxe de moedas de cobre, metal pouco habitual nas emisións coloniais.[1][2][5][6]

A partir de 1810, a casa de moeda comezou a alternar a cuñaxe de moedas de prata (1 e 2 reais) coa de moedas de cobre (½ e ¼ de real).[6]

Período independentista

[editar | editar a fonte]
Moeda republicana dun real de 1812.[7]

Durante a guerra de independencia o establecemento cambiou de mans en moitas ocasións, entre realistas e independentistas. A casa da moeda estivo en poder dos independentistas republicanos ata a ofensiva realista de 1814. O daquela intendente da institución encargoulle a Felipe de Llaguno a continuación da emisión de moeda, mais en 1815 o realista Pablo Morillo ordenou a clausura das actividades na ceca. No entanto, o ano seguinte unha real orde estableceu a súa reapertura, que foi efectiva o 1 de outubro de 1816. Mentres, diversas localidades do país que estaban en mans dos sublevados emitían moedas non oficiais para uso local.[2]

O triunfo final dos independentistas e a posterior creación da Gran Colombia supuxeron un pulo ás emisións de moeda en Bogotá, Popayán e Caracas. As cuñaxes en Caracas, entre 1821 e 1823 limitáronse a moedas de dous reais e dun cuarto de real. No entanto, existían dificultades na subministración de recursos de metais para a súa cuñaxe e tamén na distribución, polo que Carlos Soublette (1789-1870), entón intendente de Venezuela, ordenou a súa clausura o 31 de xaneiro de 1823.[2][8]

Período republicano

[editar | editar a fonte]

Durante os seguintes seis anos usáronse moedas da época colonial reseladas para suplir a demanda de circulante. As dificultades continuaban cara a 1828, polo que a Xunta de Arbitrios determinou a cuñaxe de moedas de baixa lei na cantidade necesaria para as finanzas. Foi este o motivo da reapertura da Casa da Moeda de Caracas o 14 de agosto de 1829, logo de se decretar a produción de corenta mil pesos en moedas dun cuarto de real cuñadas a martelo.[9] Porén, o 5 de xullo de 1830, o Congreso de Venezuela acordou pechar definitivamente o establecemento. Logo da desintegración da Gran Colombia, a circulación de moedas ata 1843 creceu debido a que as moedas de circulación en Venezuela comezaron a producirse por encarga en cecas doutros países.[1]

Décadas máis tarde, en 1885, o xeneral Antonio Guzmán Blanco asinou un convenio en Londres con Miguel Tejera para a instalación dunha nova casa de moeda, con sede en Caracas ou en La Guaira, e cuxa materia prima sería o ouro extraído das minas de Guayana. Tejera outorgoulle a concesión á empresa francesa C. A. La Monnaie por un período de 20 anos, coa condición de que a nova ceca debería cuñar catro millóns de bolívares en ouro e en prata.[1][2][8]

O novo establecemento foi inaugurado por Guzmán Blanco o 16 de outubro de 1886. O Goberno atribuíuse a condición de supervisor da cuñaxe de moeda a través dun inspector nacional, dependente do Ministerio do Interior. O primeiro inspector designado foi Jacinto Pachano.[1]

En outubro de 1886, a moeda estranxeira foi declarada mercadoría e quedou prohibida a súa importación, e ademais ordenouse que os billetes emitidos polo Banco Comercial e polo Banco de Carabobo fosen aceptados en todas as oficinas nacionais e continuasen circulando co valor que fixase o mercado, medidas que lle permitiron a Venezuela dotarse dun sistema monetario propio.[9] En 1887, o Congreso de Venezuela aprobou unha lexislación pola que se reservaba a facultade de determinar o número de moedas en circulación. Non obstante, a casa de moeda rexistrou un superávit na cuñaxe, ao superar a cantidade establecida, o que xerou desaxustes nas finanzas. A protesta dos comerciantes ante o presidente encargado, Hermógenes López, deu lugar a que o Congreso ordenase deter as actividades de cuñaxe da ceca. O establecemento foi, en consecuencia, liquidado por desacordos coa empresa C. A. La Monnaie, mais en 1890 o Goberno adquiriu as instalacións da casa de moeda e pasou a ser o responsable das cuñaxes nacionais. A partir dese ano, as moedas venezolanas volveron ser fabricadas novamente no exterior.[1][2]

Período contemporáneo

[editar | editar a fonte]
Moeda dun bolívar de 2007.[10]
Deseño da moeda de 100 bolívares de 2016.[11]

A idea dunha casa de moeda propia para Venezuela retomouse en 1983, para mellorar o grao de autonomía do país no aprovisionamento de medios de pagamento.[1][12]

As autoridades do Banco Central de Venezuela adquiriron uns terreos de 10.367 m² contiguos á súa sede en Caracas, nos que se proxectaba construír a fábrica, no lugar que hoxe é a praza Juan Pedro López. Contratouse a Casa da Moeda do Brasil para a realización dos estudos de viabilidade e de factibilidade e, ante os resultados positivos, o Banco Central aprobou o proxecto, aínda que modificou a localización da súa sede, que se decidiu que fose no predio La Placera, nas aforas de Maracay, por cuestións estratéxicas de accesibilidade, dada a proximidade dos portos de La Guaira e Puerto Cabello.[1]

O complexo empezou a construírse en 1989 e iniciou as súas operacións en setembro de 1999.[1][9]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 "Casa de la Moneda de Venezuela". Banco Central de Venezuela.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "¿Qué es la Casa de la Moneda de Venezuela? Arquivado 01 de agosto de 2014 en Wayback Machine.". Banco Central de Venezuela.
  3. "La Triste Historia de la Casa de Moneda de Caracas": "Parte I Arquivado 08 de novembro de 2020 en Wayback Machine." - Parte II Arquivado 01 de novembro de 2021 en Wayback Machine.". Monedasdevenezuela.com
  4. "¼ Real - Royalist coinage". Numista.com
  5. "En 1802 se acuñaron por primera vez monedas en Venezuela". En Notialternativo. 12 de xuño de 2013.
  6. 6,0 6,1 "Caracas. Real (1802-1830)". Numista.com
  7. "1 Real Republican coinage". Numista.com
  8. 8,0 8,1 Balza Guanipa, R. (2009). "Del cuartillo a la locha: Una historia menuda". En El Desafío de la Historia. 2 (15). 61-62
  9. 9,0 9,1 9,2 "La Casa de la Moneda de Venezuela comenzará a funcionar a fines del 98". Banco Central de Venezuela.
  10. "1 Bolívar (2007-2012)". Numista.com
  11. "100 Bolívares 2016". Numista.com
  12. "Casa de la Moneda de Venezuela es clave para fortalecer ampliación del cono monetario". En Correo del Orinoco. 19 de novembro de 2017.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]