Saltar ao contido

Casa da Moeda do Brasil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casa da Moeda do Brasil

Editar o valor en Wikidata
TipoEmpresa pública.
Fundación8 de marzo de 1694
MatrizMinisterio de Finanzas.
Localización Río de Xaneiro
Brasil.
FundadorPedro II de Portugal.
Persoas clavePresidente: Alexandre Borjes Cabral.[1]
IndustriaCuñaxe e impresión.
ProdutosMoedas, medallas, billetes etc.
Na rede
http://www.casadamoeda.gov.br/
editar datos en Wikidata ]

A Casa da Moeda do Brasil (CMB) é unha empresa brasileira de titularidade estatal, dependente do Ministerio de Finanazas, responsable da cuñaxe de moeda e da impresión de billetes de curso legal nese país.[2][3]

A lei do 19 de decembro de 1695 prohibía que as moedas de ouro da metrópole circulasen en calquera lugar das capitanías do Brasil, e os infractores desta lei estaban suxeitos a aprehensión das moedas e a penas de tres a cinco anos en Angola. Neste contexto, xa o 8 de marzo de 1694, os administradores coloniais portugueses en Salvador, Baía, estableceron a Casa da Moeda do Brasil, para a fabricación de moedas co ouro proveniente das extraccións mineiras.[4] Ese mesmo ano emitíronse as primeiras moedas Brasileiras, con valores de 1.000, 2.000 e 4.000 reis en ouro, e tamén 20, 40, 80, 160, 320 e 640 reis en prata.[5]

O primeiro mestre de ceca foi José Berlinque, nomeado o 6 de maio do mesmo ano e logo substituído por Domingos Ferreira de Azambuja, ourive natural de Baía.[6]

O 1698, a Casa da Moeda foi trasladada a Río de Xaneiro, á Junta de Comércio, no actual arsenal militar, e cuñáronse as primeiras moedas nesa cidade.[4] En 1700 trasladáronse novamente as instalacións da ceca brasileira, esta vez a Recife, cidade que volveu así a fabricar moedas metálicas cincuenta e cinco anos despois da emisión alí das súas primeiras moedas, durante o período de dominación neerlandesa do Brasil. En 1702 pechouse a instalación de Recife, na rúa que posteriormente se chamou Rúa da Moeda, e a Casa da Moeda retornou novamente a Río de Xaneiro.[4]

Alén da cuñaxe e a impresión das moedas e os billetes circulantes no país, a Casa da Moeda do Brasil tamén produce moedas conmemorativas, medallas, fichas comerciais, selos postais e documentos que precisen mecanismos de protección contra a falsificación, como é o caso dos pasaportes do país.[7][8] En 1843, utilizando técnicas de intaglio, a CMB imprimiu o primeiro selo de correos de América e o terceiro do mundo, coñecido como Olho de Boi.[5]

Edificio da Casa da Moeda do Brasil entre 1868 e 1984

O edificio que foi sede da Casa da Moeda do Brasil en Río de Xaneiro entre 1868 e 1984 é a actual sede do Arquivo Nacional. O crecemento da economía brasileira durante os anos seguintes xerou a necesidade de expansión da empresa, o que deu lugar á construción dun novo complexo industrial no distrito de Santa Cruz, na zona oeste de Río de Xaneiro, que ocupa 120.000 metros cadrados, inaugurado en 1984.[5]

A factoría está dotada das máis modernas tecnoloxías de produción, o que fai que produza moedas e billetes non só para o Brasil, senón tamén para outros estados americanos e tamén africanos, como a Arxentina, Paraguai, o Uruguai, Venezuela, Costa Rica e Angola.[9]

Billete de 100 reais de 1994 correspondente ao programa Plano Real.

En 1994, a CMB tivo un papel activo no proxecto económico-monetario coñecido como Plano Real, e produciu nun curto espazo de tempo todo o novo padrón monetario brasileiro. A partir de 2008, a compañía sufriu un forte proceso de modernización marcado pola actualización das súas liñas de produción de billetes, o que permitiu o lanzamento da segunda familia de billetes con valor facial en reais, máis sofisticada e segura.[5]

En outubro de 2019, a Casa da Moeda do Brasil foi incluída no programa de privatizacións promovidio polo presidente brasileiro Jair Bolsonaro, que abrangue 57 entidades ata o momento de carácter público.[10][11]

Museo da Casa da Moeda do Brasil

[editar | editar a fonte]

Desde o 9 de marzo de 2018 está aberto o Museo da Casa da Moeda do Brasil, logo de 30 anos de clausura e dunha importante remodelación.[12]

No seu primeiro andar instalouse unha tenda destinada ao colecionismo numismático, así como exposicións temporais e tres mostras permanentes: a dos fondos históricos da CMB, a exposición “Do Réis ao Real” (sobre a historia do diñeiro brasileiro) e a mostra “Nota Real” (sobre os elementos de seguridade dos billetes da segunda familia do real).[12]

O edificio do Museo da Casa da Moeda do Brasil, sito no número 26 da Praza da República, é un palacio con trazos neoclásicos de inicios do século XX, cunha fachada marcada pola estética do período de transición entre a arquitectura colonial e a neoclásica. Anteriormente acolleu a primeira institución de investigación do país, a Casa de História Natural, e nel o rei Xoán VI instituíu o primeiro museo do Brasil, o Museu Real, o 6 de xuño de 1818.

Galería de produtos da CMB

[editar | editar a fonte]
  1. "Organograma. Casa da Moeda do Brasil.
  2. "Sobre a CMB". Casa da Moeda do Brasil.
  3. "Estatuto Social da Casa da Moeda do Brasil (CMB)". Presidência da República.
  4. 4,0 4,1 4,2 "Trajetória da CMB". Casa da Moeda do Brasil.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "História da CMB". Casa da Moeda do Brasil.
  6. "Criação da Casa da Moeda (1694)". Jornal Toque. 15 de marzo de 2016.
  7. "Catálogo comercial". Casa da Moeda do Brasil.
  8. "O que faz a Casa da Moeda?". En Superinteresante. 24 de xaneiro de 2018.
  9. "Produtos e Serviços: Meios de Pagamento". Casa da Moeda do Brasil.
  10. "Bolsonaro firma decreto para privatizar la Casa de Moneda de Brasil". En Telesurtv. net. 15 de outubro de 2019.
  11. "Casa da Moeda é incluída em programa de privatizações do governo". O Globo. 15 de outubro de 2019.
  12. 12,0 12,1 "Museu Casa da Moeda do Brasil Arquivado 20 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Casa da Moeda do Brasil.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Baptista Gonçalves, C. (1984). Casa da Moeda do Brasil: 290 anos de História, 1694/1984. Casa da Moeda do Brasil.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]