Carlos Manuel Rama

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Carlos Manuel Rama
Nome completoCarlos Manuel Rama Facal
Nacemento1921
Lugar de nacementoMontevideo
Falecemento23 de febreiro de 1982
Lugar de falecementoMilán
NacionalidadeUruguai
Alma máterUniversidade da República
Ocupaciónhistoriador, sociólogo, avogado, xornalista, profesor universitario e escritor
IrmánsÁngel Rama
editar datos en Wikidata ]

Carlos Manuel Rama Facal, nado en Montevideo en 1921 e finado en Milán o 23 de febreiro de 1982, foi un historiador, sociólogo, avogado, xornalista e profesor uruguaio, de orixe galega.[1][2][3] Especializouse en socioloxía, historiografía e historia española e latinoamericana.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Os seus pais, Manuel Rama e Carolina Facal, eran inmigrantes galegos, de Cores (Ponteceso) e Traba (Coristanco), respectivamente.[4] O seu irmán menor foi o escritor e crítico literario Ángel Rama.

Foi discípulo de importantes exiliados republicanos españois. A este respecto dixo: «Moitos reis de España non tiveron tan bos profesores coma min. Aprendín historia con Claudio Sánchez Albornoz, literatura con José Bergamín, Dereito español con Jiménez de Asúa e Dereito internacional con Roque Barcia».[5]

En 1952 licenciouse en Dereito pola Universidade da República (UDELAR). Desde novembro dese mesmo ano ata abril de 1954 viviu en París, despois de recibir unha bolsa de estudos do Ministerio de Asuntos Exteriores de Francia e unha bolsa Gallinal de Investigación, outorgada pola Facultade de Humanidades e Ciencias da UDELAR. Realizou cursos de posgrao no seminario de Historia e Socioloxía da Escola de Estudos Superiores en Ciencias Sociais e doutorouse en Letras na Sorbona, cunha tese sobre historia social contemporánea española, tema ao que se dedicou nunha época na que non era habitual facelo en Francia.[6]

Entre marzo e maio de 1953 visitou as principais cidades de España e tamén Tetuán e Tánxer. A crónica desta viaxe foi publicada en 1961 en Buenos Aires, pola editorial Nova, baixo o título Itinerario español.[6]

Colaborou coa revista L'Actualité de l'Histoire, editada polo Instituto Francés de Historia Social (IFHS), que daquela reunía aos pioneiros da historia social.[6]

Ensinou no Instituto de Profesores Artigas, foi profesor de Historia Contemporánea e Socioloxía na Facultade de Humanidades e Ciencias e profesor de Teoría e Metodoloxía da Historia na mesma facultade.[5] Como profesor visitante, impartiu esta materia nas universidades de Santiago de Chile (1950), Porto Rico (1969) e na UNAM de México (1979). Tamén foi profesor nas universidades de París e Bordeos.[6]

Encontrábase en Santiago de Chile cando se produciu o golpe de Estado de 1973. A intervención das embaixadas colombiana e italiana permitiulle fuxir a España onde se consolidou como profesor e investigador ata a súa morte.[5] Foi profesor de socioloxía e historia de América na Universidade Autónoma de Barcelona, onde tamén fundou o Instituto de Estudos Iberoamericanos e impartiu clases nas súas facultades de Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias da Información e Letras (Historia).[2]

Participou na fundación do Pen Club Latinoamericano en España, en colaboración con outros escritores latinoamericanos. Presidiu esta organización cuxo propósito era nuclear a todos os intelectuais de América Latina residentes en España. Estimaba que en outubro de 1978 había 500 escritores, xornalistas e outras persoas vinculadas ao mundo das letras residentes na Península Ibérica. Nas súas palabras: «... esas minúsculas vangardas dun pobo de máis de trescentos millóns de ibero-falantes son as que garanten a unidade cultural atlántica e dan a certeza dun sólido porvir sólido para a expresión escrita das linguas Península Ibérica no concerto universal».

Colaborou en varias publicacións especializadas e medios de prensa como El País de Madrid.[2] En 1980 recibiu o premio de Cultura Hispánica do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes.[5]

No seu labor docente e nos seus máis de 35 libros, publicados en varios países, tratou temas como o intercambio cultural entre España e América Latina, o exilio (especialmente dos escritores), a ideoloxía e as loitas sociais, entre outras cuestións históricas e sociolóxicas de Iberoamérica.

Obras[editar | editar a fonte]

  • La historia y la novela (Montevideo - 1947, San Xoán de Porto Rico - 1963)
  • Las ideas socialistas en el siglo XIX (Montevideo - 1947, México - 1963, Buenos Aires - 1967)
  • José Pedro Varela, sociólogo (1956)
  • Teoría de la Historia (1959)
  • La crisis española del siglo XX (1960)
  • Las clases sociales en el Uruguay (1960)
  • Revolución social y fascismo en el siglo XX (1962)
  • Historia del movimiento obrero y social latinoamericano contemporáneo (1966/7)
  • Uruguay en crisis (1969)
  • Sociología de América Latina (1970)
  • Los afrouruguayos
  • Historia de las relaciones culturales entre España y América Latina en el siglo XIX (1982)
  • Ideología, regiones y clases sociales en la España contemporánea
  • Las ideas socialistas en el siglo XIX
  • Fascismo y anarquismo en la España contemporánea
  • España, crónica entrañable (1973-1977)
  • Nacionalismo e Historiografía en América Latina
  • El anarquismo en América Latina (Caracas, 1990). Póstumo, en coautoría con Ángel Cappelletti

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Varios autores (1998). Quién fue quién en la cultura uruguaya. De la Plaza. p. 133. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Murió el historiador y sociólogo uruguayo Carlos Rama". El País (en castelán). 24 de febreiro de 1982. Consultado o 9 de maio de 2021. 
  3. Bollo, Sarah (1965). Literatura uruguaya, 1807-1965 2. Ediciones Orfeo. p. 243. 
  4. Rial, S. G. (20 de agosto de 2013). "Ángel Rama y Marta Traba, víctimas del vuelo 011 de Avianca". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9 de maio de 2021. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "Los grandes olvidados: Carlos M. Rama, historiador, sociólogo. Republicano en el exilio". La República (en castelán). 5 de xullo de 2015. Consultado o 9 de maio de 2021. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Ceamanos Llorens, Roberto (2007). Universidade de Montevideo, ed. "Los estudios en el extranjero como período formativola experiencia del historiador y sociólogo Carlos M. Rama en Francia y España". Humanidades (en castelán) (1): 125–140. ISSN 1510-5024. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]