Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cando partín unha mañá de verán
Data de publicación
1969
Precedido por
Sucedido por
Wikidata
Cando partín unha mañá de verán (As I Walked Out One Midsummer Morning ), publicado en 1969 , é o segundo volume da autobiografía do escritor inglés Laurie Lee , que se desenvolve parcialmente en Galicia . Foi traducido ao galego por María Fe González e publicada por Editorial Trifolium en 2011 [ 1] .
O libro, publicado en 1969 pola editorial británica Andre Deutsch , é o segundo volume da autobiografía de Lee, precedido por Cider with Rosie , de 1959 , e continuado por A Moment of War , publicado en 1991 . A primeira parte narra a infancia e adolescencia de Lee nunha pequena aldea do condado de Gloucester , e a terceira a súa implicación na Guerra Civil española como membro das Brigadas Internacionais (1937 -39 ).
A obra componse de once capítulos e mais un epílogo :
London Road , onde narra a súa marcha da aldea de Slad en 1933 e a súa chegada a Londres . Neste capítulo visita Wiltshire , Salisbury , Southampton , Gosport , Chichester , Bognor Regis , Littlehampton , Godalming , Guildford , Bagshot e Ascot .
London , onde describe a súa estadía en varias pensións da cidade e os seus primeiros traballos nesta cidade.
Into Spain , onde describe dende a súa partida de Inglaterra ata a chegada a Zamora a través de Galicia (1935 ).
Zamora - Toro , onde vai dende a capital zamorana ata a vila de Toro , e a súa estadía alí.
Valladolid , onde conta a súa experiencia nesta cidade vivindo nunha fonda.
Segovia - Madrid , onde chega a Segovia , La Granja , e cruza a serra de Guadarrama para acadar Madrid . Menciona o paso polas vilas de Cuéllar , Shulomonon (probablemente Sanchonuño ) e Naval de Oro (Navas de Oro ).
Toledo . Na súa estadía nesta cidade coñece o escritor surafricano Roy Campbell , que estaba instalado alí.
To the Sea . Cruza a metade sur de España visitando Valdepeñas , Andújar , Pedro Abad , Sevilla e Cádiz .
East to Malaga . Prosegue o camiño cara ao leste, e pasa por Tarifa , Alxeciras , Xibraltar (onde é apresado polas autoridades británicas), San Roque , Estepona , Marbella e finalmente Málaga .
Castillo , capítulo centrado na súa vida en Castillo (Almuñécar ), onde traba relación con grupos comunistas .
War , onde describe o comezo da guerra en Almuñécar e o seu rescate por un buque de guerra británico con base en Xibraltar.
Epilogue , onde xa en Inglaterra describe a súa situación e a rabia que sente por deixar España no comezo da Guerra . Deixa Londres por Perpiñán e cruza os Pireneos por Céret para incorporarse ás Brigadas Internacionais .
Aínda que non se precisa exactamente a data, Lee chegou a Galicia na primavera de 1935 , nun barco procedente de Inglaterra que chegou ao porto de Vigo pouco antes do mencer[ 2] . Dedica ese día a coñecer a cidade, e sobe a durmir a un dos montes que arrodean Vigo , onde é atacado por lobos . A partir de aí colle un camiño en dirección sueste, apartado da estrada, e con dirección a Zamora . Dorme varios días no monte, mais nunha ocasión chega a unha vila, que non identifica, onde se atopaba unha Posada de Nuestra Señora . Alí toma unha prolongada cea[ 3] e fai noite. A partir de aí menciona saír dos outeiros de Galicia e chegar aos montes de León , por onde proseguirá en dirección sur ata Zamora .
En comparación con outras zonas do seu percorrido, o periplo de Lee por Galicia carece de referencias espaciais e temporais.
↑ Ficha da obra en LG3 .
↑ Lee, Laurie. As I Walked Out One Midsummer Morning , London:Andre Deutsch, 1969, p. 59-60
↑ Lee, Laurie. As I Walked Out One Midsummer Morning , London:Andre Deutsch, 1969, p. 66-67