Aquis Originis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 41°51′23″N 08°06′26″O / 41.85639, -8.10722

Ruínas do Hipocaustum de Aquis Originis.
Aspecto da Vía Nova uns 2,5 km antes de chegar a Aquis Originis dende o sur.

Aquis Originis era unha das once mansio coas que contaba a Vía Nova, que era a vía que comunicaba Bracara Augusta con Astúrica Augusta nos tempos do imperio romano,[1] e que cruzaba en diagonal a actual provincia de Ourense. As mansio eran hostais xestionados polo estado para o descanso dos viaxeiros que empregaban as calzadas romanas. A mansio estaba na parroquia de Río Caldo, no concello de Lobios, en pleno parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.[2]

Existe controversia sobre a situación da mansión. Se ben Antonio Rodríguez Colmenero identifica a mansión cos restos dunha vila situada nunha beira do río Caldo, o arqueólogo Manuel Xusto Rodríguez, que escavou o recinto da vila romana, entende que a Vía Nova non discorría por alí, senón uns metros máis arriba na aba do monte.

Historia[editar | editar a fonte]

Saíndo dende Bracara Augusta, a primeira mansio da Vía Nova (ou Via XVIII) era Saleniana, na milla 21. Aquis Originis era a seguinte, 18 millas despois, xa no actual territorio galego. A continuación estaba Aquis Querquennis, a 14 millas de Aquis Originis.

Estes complexos eran construídos para lle ofrecer refuxio e descanso ós usuarios (viaxeiros, comerciantes, militares etc.) da Vía Nova,[3] nuns tempos nos que non existían hoteis nin estacións de servizo. Naquela época, esta tiña un gran tránsito, pois era das poucas vías que facilitaban a comunicación entre rexións afastadas, e facía posible o comercio de materias primas así como o transporte do ouro sacado nas Médulas.

A construción de Aquis Originis corresponde ó Alto Imperio Romano. As zonas do recinto termal conservado corresponden a edificación posteriores, de finais do século II e comezos do século III, apreciándose reformas correspondentes ós séculos IV e V.

O xacemento da vila termal foi atopado de forma casual por xentes do lugar. En 1988 realizáronse prospeccións superficiais, entre 1989 e 1995 leváronse a cabo cinco campañas de escavacións arqueolóxicas por parte do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, nas que se atoparon moedas e obxectos de ouro e mármore. O concello de Lobios mercou os terreos entre 1990 e 1996, e levouse a cabo unha posta en valor coa construción de plataformas e a colocacións de paneis explicativos.

Características[editar | editar a fonte]

O recinto termal tiña unha superficie duns 500 metros cadrados, divididos entre a pars urbana (zona nobre) e a pars rústica. A pars urbana estaba dotada cunha zona de cociñas provista de fornos, outra zona calefactada baixo o chan con augas termais (hipocaustum) que contaba cunha piscina,[4] e un perístilo (patio interior) rodeado de columnas, co chan posiblemente decorado con mosaicos e pinturas nas paredes. A zona termal do hipocaustum é a mellor conservada nos nosos tempos.

É posible que o nome "Originis" xurdise do feito de que a mansio foi construída no mesmo lugar no que nacen as augas termais, xa que estas non viñan de ningunha outra fonte próxima nin foi preciso construír un sistema de canalización. As augas son bicarbonato-sódicas, e a súa temperatura vai dende os 55 ós 67 graos celsius.

A existencia de augar termais deixou pegada no propio río Caldo e no lugar dos Baños.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Redacción (16 de xullo de 2016). "A Vía Nova recupera o seu esplendor". HistoriadeGalicia.gal. Consultado o 12 de marzo de 2018. 
  2. Rodríguez, M. (17 de febreiro de 2016). "Una asociación propone declarar la Vía Nova Patrimonio de la Humanidad". La Voz de Galicia. Consultado o 12 de marzo de 2018. 
  3. Redacción (17 de agosto de 2016). "O deterioro dunha vila romana ameaza co seu derrube en Lobios". HistoriadeGalicia.gal. Consultado o 12 de marzo de 2018. 
  4. "Divulgando el legado romano de Lobios". La Voz de Galicia. 8 de decembro de 2017. Consultado o 12 de marzo de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Xusto Rodríguez, M. (2000): "La villa romana de Riocaldo (Lobios, Ourense) y su ámbito termal", en Fernández Ochoa, C. e García Entero, V.: II Coloquio Internacional de Arqueología en Gijón. Termas romanas en el Occidente del Imperio. Concello de Xixón. ISBN 9788489880375

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]