Joan Gamper

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Joan Gamper
Joan Gamper 1910 year.jpg
Nacemento22 de novembro de 1877
Lugar de nacementoWinterthur
Falecemento30 de xullo de 1930
Lugar de falecementoBarcelona
SoterradoCamposanto de Montjuïc
NacionalidadeSuíza
Ocupaciónfutbolista, empresario e dirixente deportivo
FillosJoan Ricard Gamper
Na rede
Find a Grave: 24523044 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Hans-Max Gamper Haessig, coñecido en Cataluña como Joan Gamper, nado en Winterthur (Suíza) o 22 de novembro de 1877 e finado en Barcelona o 30 de xullo de 1930, foi un deportista suízo de orixe xudía, fundador de dous equipos de fútbol: o FC Zürich e o FC Barcelona, club que presidiu en cinco ocasións.

Ao longo da súa vida dedicouse ao deporte coa práctica de varias disciplinas por exemplo natación, rugby, ciclismo, atletismo e fútbol.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Deportista e FC Zürich[editar | editar a fonte]

Ao longo da súa vida dedicouse ao deporte coa práctica de diversas disciplinas, como natación, rugby, ciclismo ou atletismo, pero sobre todo o fútbol. En Zúric e en Francia foi considerado un atleta excepcional pola súa clase e vitalidade.

A pesar de nacer en Winterthur, de pequeno estableceuse na cidade de Zúric, onde aos doce anos xa destacaba como ciclista. Por motivos laborais tivo que abandonar o deporte da bicicleta e foi entón cando decidiu dedicarse ao fútbol. Considerado como un dos mellores xogadores suízos, foi capitán do FC Basilea, antes de ser considerado como o mellor dianteiro do FC Excelsior. Diferenzas con este último obrigárono a abandonalo. Foi entón cando Gamper decidiu fundar o FC Zürich, que pronto destacaría como un dos mellores equipos de Suíza.

FC Barcelona[editar | editar a fonte]

Posteriormente, no ano 1897, Gamper trasládase a Lión e alí ingresa na Unión Athletique, onde practicaría o rugby. Finalmente, o ano 1899 chega a Barcelona onde pronto fai amizade coa colonia estranxeira que había na cidade. Home entusiasta e moi activo, decide contribuír a difundir o deporte do fútbol e empeza a practicalo no barrio de Sant Gervasi de Cassoles, onde reside. Aos poucos vai madurando o proxecto que tiña de fundar un club de fútbol na cidade.

Nota publicada na revista Los Deportes en 1899

O día 22 de outubro de 1899, inclúe na revista Los Deportes un pequeno anuncio invitando a todos os afeccionados estranxeiros á práctica do fútbol a reunirse. Só un mes e unha semana máis tarde, o 29 de novembro de 1899, o Ximnasio Solé, da rúa Montjuïc del Carme número 5, é o escenario da fundación do Futbol Club Barcelona, naquel entón chamado Club Football of Barcelona. As cores elixidas para a camiseta son os do FC Basilea, o azul e o vermello (granate). Nos primeiros anos o club estivo impulsado por autóctonos e estranxeiros; de feito, dos doce socios fundadores a metade eran españois, e o resto estranxeiros fincados en Barcelona. Unha proporción parecida observábase entre os xogadores daquela época.

Hans Gamper xoga no primeiro equipo do Barcelona desde 1899 ata 1903. En 1901 formou parte do equipo que gañou o primeiro título para o Barcelona, a Copa Macaya. En 1902, xogou a final da primeira edición da Copa do Rei, perdida por 1 a 0 ante o Club Bizcaya.

Posteriormente asumiría en varias ocasións a presidencia do club: do 2 de decembro de 1908 ao 14 de outubro de 1909, do 17 de setembro de 1910 ao 30 de xuño de 1913, do 17 de xuño de 1917 ao 19 de xuño de 1919, do 17 de xullo de 1921 ao 29 de xuño de 1923 e do 1 de xuño de 1924 ao 17 de decembro de 1925. En 1912, Gamper fichou a Paulino Alcántara, o máximo goleador da historia do Barcelona con 357 goles. Durante a era Gamper gañáronse 11 Campionatos de Cataluña, 6 Copas do Rei e 4 Copas dos Pireneos. Joan Gamper estaba perfectamente integrado na vida barcelonesa ata tal punto que escribía todos os seus discursos en catalán, lingua que aprendeu antes que o castelán segundo o historiador do Barça, Manuel Tomás.

En 1922, Joan Gamper fixo unha doazón dun millón de pesetas para a construción do campo de Les Corts.

Exilio e suicidio[editar | editar a fonte]

Logo de apoiar ao nacionalismo catalán, foi obrigado a abandonar España pola ditadura de Primo de Rivera en 1925. O campo de Les Corts foi clausurado durante tres meses polo goberno central por apupar o himno español e aplaudir o himno británico. A partir de aí, Joan Gamper perdeu o seu habitual entusiasmo e a súa saúde empeorou. Máis tarde, as autoridades deixárono volver a Barcelona pero baixo certas condicións, como explica o responsable do centro de documentación e estudos do FC Barcelona, Manuel Tomás:

Como condición para a súa volta, prohibíronlle calquera tipo de vinculación co club. Resultoulle moi difícil superar esta realidade e caeu nunha depresión. Foron cinco anos terribles que finalmente levaron á súa morte en 1930, ano no que acabou coa súa vida. A puntilla púxoa a Gran Depresión do 1929 que arruinouno completamente.[1]

Hans Gamper puxo fin aos seus días o 30 de xullo de 1930 dun disparo no seu domicilio barcelonés. O enterro de Joan Gamper foi multitudinario e unha impresionante manifestación de loito para a cidade, como o recolle o diario La Vanguardia do 1 de agosto.[2]

Recordo[editar | editar a fonte]

En 1955, o FC Barcelona quixo darlle o nome de Joan Gamper ao Camp Nou cuxa construción estaba xa iniciada, pero a ditadura de Franco impediuno. Para o historiador do club Manuel Tomás, estes foron os motivos:

"A ditadura de Franco opúxose firmemente a esta decisión polo feito de haberse tratado dun cidadán estranxeiro, morrer por suicidio, profesar o protestantismo, contar cunha ideoloxía liberal e estar ao lado da corrente catalanista. Tanto, que falaba o catalán e que cambiou o seu nome Hans polo catalán Joan. Joan Gamper era un tema tabú".[3]
A Cidade Deportiva que leva o seu nome.

A cidade puxo o seu nome a unha rúa do barrio de Les Corts e o club reservoulle o número 1 de socio. O ano 1966, o entón presidente Enric Llaudet instituíu o Trofeo Joan Gamper, que cos anos conseguiu un relevante prestixio internacional e co cal iníciase tradicionalmente a tempada no Camp Nou antes do comezo do campionato de liga. O 1 de xuño de 2006 o FC Barcelona inaugurou en Sant Joan Despí a Cidade Deportiva Joan Gamper, cuxo nome rende homenaxe ao fundador do club.[4]

Unha das principais características do FC Barcelona é a de ser un club polideportivo, como así quixo o seu fundador.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://www.swissinfo.ch/spa/la-pasi%C3%B3n-azulgrana-del-suizo-gamper/6987278 A pasión azulgrana do suízo Gamper, swissinfo.ch, 21 de outubro de 2008
  2. O enterro de Juan Gamper La Vanguardia, 1 de agosto de 1930
  3. http://www.swissinfo.ch/spa/busca/Result.html?siteSect=882&ty=st&sid=9868420 Arquivado 31 de maio de 2020 en Wayback Machine. A pasión azulgrana do suízo Gamper, Swissinfo.ch, 21 de outubro de 2008
  4. "FCB - Ciutat esportiva Joan Gamper". Arquivado dende o orixinal o 01 de outubro de 2007. Consultado o 30 de abril de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]