Branquiópodos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Branquiópodos
Branchiopoda

Rango fósil: Cámbrico superior - actualidade

Triops, (Notostraca: Triopsidae)
esquerda: vista dorsal; dereita: vista ventral
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Branchiopoda
Latreille, 1817
Subclases e Ordes [1]

A dos branquiópodos[2] (Branchiopoda) é unha clase de crustáceos. Entre eles están as artemias, os tríops, os antes chamados concostráceos, as pulgas de auga[3] e o grupo do Devoniano dos Lepidocaris. Son principalmente animais pequenos, a maioría de auga doce, que se alimentan de plancto e detritos.

Descrición[editar | editar a fonte]

Os branquiópodos teñen a característica común de presentar branquias en moitos dos apéndices do animal, incluíndo algunhas das pezas bucais. Disto procede o nome do grupo[4] (branquiópodos=branquias nas patas).[5] Xeralmente posúen ollos compostos e un cacho, que pode ser unha cuncha de dúas valvas que encerran o tronco (como en moitos cladóceros), ou ser ancho e pouco profundo (como nos notostráceos), ou enteiramente ausente (como nos anostráceos).[6] Nos grupos nos que o cacho impide o uso das patas do tronco para nadar (os cladóceros e concostráceos e os extintos lipostráceos), usan as antenas para a locomoción, como na larva nauplius.[6] Os machos dos anostráceos teñen un par de antenas agrandadas co cal agarran as femias durante o apareamento, mentres que nos notostráceos, que se alimentan no fondo, as antenas están reducidas a un tamaño vestixial.[6] As patas do tronco baten cun ritmo metacrónico, causando un fluxo de auga ao longo da liña media do animal, do cal extraen oxíxeno, obeñen comida e, no caso dos Anostraca e Notostraca, serven para o movemento.[6]

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

Os únicos branquiópodos mariños son os cladóceros; todos os demais grupos son de augas continentais doces, incluíndo pozas temporais e lagos salgados.[7] A maioría dos branquiópodos comen detritos flotantes ou plancto, que capturan usando as sedas dos seus apéndices.[6]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Nos tratamentos taxonómicos iniciais, os membros actuais dos Branchiopoda situábanse todos nun só xénero, Monoculus. O taxon Branchiopoda foi creado por Pierre André Latreille en 1817, inicialmente coa categoría taxonómica de orde.[8]

Anostraca[editar | editar a fonte]

Artemia salina (Anostraca: Artemiidae)

Os Anostraca miden xeralmente de 6 a 25 mm de longo (excepcionalmente ata 170 mm.[9] A maioría das especies teñen 20 segmentos corporais, que levan 11 pares de filopodos con forma de folla (patas nadadoras), e o corpo carece de cacho.[10] Viven en pozas temporais ou vernais e lagos hipersalinos de todo o mundo, incluíndo pozas que se forman nos desertos, en lagos de montaña cubertos de xeo e na Antártida. Nadan "cabeza abaixo" e aliméntanse por filtración de partículas orgánicas da auga ou raspando algas pegadas a superficies.[9] Son un importante alimento para moitas aves e peixes, e son cultivados e colleitados para usalos como comida para peixes.[11] Hai 300 especies distribuídas en 8 familias.[12] Un exemplo son as artemias.

Lipostraca[editar | editar a fonte]

Os Lipostraca conteñen unha soa especie, Lepidocaris rhyniensis, fósil,[13] que é o animal máis abundante nos depósitos de chert de Rhynie, Escocia.[14] Lembran os modernos Anostraca, cos cales están probablemente moi relacionados, aínda que as súas relacións con outras ordes non están claras.[15] O corpo ten unha lonxitude de 3 mm, con 23 segmentos corporais e 19 pares de apéndices, pero sen cacho.[16] Os fósiles aparecen principalmente entre carófitas, probablemente no que eran pozas temporais alcalinas.[17]

Notostraca[editar | editar a fonte]

A orde Notostraca comprende a única familia dos Triopsidae.[18] Os dous xéneros da familia, Triops e Lepidurus, están considerados fósiles viventes, e non cambiaron significativamente desde o Triásico.[12] Teñen un cacho plano e ancho, que oculta a cabeza e leva un par de ollos compostos.[9] O abdome é longo, parece estar segmentado e leva numerosos pares de patas aplanadas.[9] O telson está flanqueado por un par de ramas (rami) caudais delgadas e longas.[6] A plasticidade fenotípica dentro do taxon fai que sexa difícil a identificación a nivel de especie, e ademais presenta variacións no modo de reprodución.[12] Os notostráceos son os branquiópodos de maior tamaño e son omnívoros que viven no fondo de pozas temporais e lagos pouco fondos.[9]

Laevicaudata, Spinicaudata e Cyclestherida[editar | editar a fonte]

Os que antes se chamaban concostráceos (que despois foron divididos en tres grupos) son animais bivalvos que levan vivindo na Terra polo menos desde o Devoniano. Crese hoxe que os tres grupos non forman un clado. Teñen de 10 a 32 segmentos no tronco, que diminúen en tamaño da parte frontal á posterior, e cada un leva un par de patas, que tamén levan branquias. Un músculo forte pode pechar as dúas metades en que se divide a súa cuncha.

Cladocera[editar | editar a fonte]

Daphnia pulex (Cladocera: Daphniidae)

Os Cladocera son unha orde de pequenos crustáceos normalmente chamados pulgas de auga. Recoñecéronse polo momento unhas 620 especies, e hai moitas máis aínda non descritas.[19] Viven en todos os hábitats acuáticos continentais, pero son raros nos océanos.[9] A maioría miden de 0,2 a 6,0 mm de longo, cunha cabeza dobrada cara a atrás, e un cacho que cobre os seus abdome e tórax aparentemente insegmentados.[20] Teñen un só ollo composto en posición media.[9] A maioría das especies presentan partenoxénese ciclica, na que a reprodución asexual é ocasionalmente suplementada pola reprodución sexual, que produce ovos de resistencia que permiten que a especie sobreviva a duras condición e se disperse a hábitats distantes.[21]

Evolución[editar | editar a fonte]

O rexistro fósil dos branquiópodos remóntase polo menos ao Cámbrico superior e posiblemente máis atrás. O grupo crese que é monofilético, e os Anostraca son o primeiro grupo que se ramificou.[22] Crese que o grupo evolucionou no mar, pero foi forzado a vivir en pozas temporais e lagos hipersalinos pola evolución dos peixes óseos.[9] Aínda que eran previamente considerados un grupo irmán do resto dos crustáceos, agora acéptase xeralizadamente que os crustáceos forman un grupo parafilético, e que os Branchiopoda son irmáns dun clado que comprende os Xenocarida (Remipedia e Cephalocarida) e Hexapoda (insectos e os seus parentes).[23][24] Actualmente clasifícanse nos seguintes grupos:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Branchiopoda no WoRMS
  2. branquiópodos no dicionaro da RAG.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cladóceros. Ver exemplo.
  4. Georges Cuvier (trans. William Benjamin Carpenter) (1851). "Crustacean Entomostraca (Müller)". The animal kingdom: arranged after its organization, forming a natural history of animals, and an introduction to comparative anatomy. W. S. Orr and co. pp. 434–448. 
  5. Webster's New World College Dictionary. Cleveland, Ohio: Wiley Publishing. 2010. Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2016. Consultado o 26 de marzo de 2017. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Libbie Hyman (1961). "Subclass 1. Branchiopoda". The Invertebrata (4th ed.). Cambridge University Press. pp. 368–375. 
  7. Sol Felty Light (1970). "Phylum Arthropoda". Intertidal invertebrates of the central California coast. University of California Press. pp. 112–210. ISBN 978-0-520-00750-5. 
  8. Pierre André Latreille (1831). Georges Cuvier, ed. The Crustacea, Arachnides and Insecta. The animal kingdom arranged in conformity with its organization 3. Henry M'Murtrie (trans.). G. & C. & H. Carvill. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 Denton Belk (2007). "Branchiopoda". En Sol Felty Light; James T. Carlton. The Light and Smith Manual: Intertidal Invertebrates from Central California to Oregon (4th ed.). University of California Press. pp. 414–417. ISBN 978-0-520-23939-5. 
  10. D. R. Khanna (2004). "Segmentation in arthropods". Biology of Arthropoda. Discovery Publishing House. pp. 316–394. ISBN 978-81-7141-897-8. 
  11. J. M. Melack (2009). "Saline and soda lakes". En Sven Erik Jørgensen. Ecosystem Ecology. Academic Press. pp. 380–384. ISBN 978-0-444-53466-8. 
  12. 12,0 12,1 12,2 Luc Brendonck, D. Christopher Rogers, Jorgen Olesen, Stephen Weeks & Walter R. Hoch (2008). Estelle V. Balian; Christian Lévêque; Hendrik Segers; Koen Martens, eds. "Freshwater Animal Diversity Assessment: Global diversity of large branchiopods (Crustacea: Branchiopoda) in freshwater". Hydrobiologia. Developments in Hydrobiology 198 595 (1): 167–176. ISBN 978-1-4020-8258-0. doi:10.1007/s10750-007-9119-9. 
  13. Paul Selden & John R. Nudds (2004). "The Rhynie Chert". Evolution of Fossil Ecosystems (2nd ed.). Manson Publishing. pp. 47–58. ISBN 978-1-84076-041-5. 
  14. "Introduction to Branchiopoda". University of California, Berkeley. Consultado o 5 de agosto de 2011. 
  15. Frederick R. Schram & Stefan Koenemann (2001). "Developmental genetics and arthropod evolution: part I, on legs". Evolution & Development 3 (5): 343–354. PMID 11710766. doi:10.1046/j.1525-142X.2001.01038.x. 
  16. D. J. Scourfield (1926). "On a new type of crustacean from the old Red Sandstone (Rhynie chert Bed, Aberdeenshire) – Lepidocaris rhyniensis, gen. et sp. nov.". Philosophical Transactions of the Royal Society B: Biological Sciences 214: 153–187. JSTOR 92140. doi:10.1098/rstb.1926.0005. 
  17. "Lepidocaris". The Rhynie Chert Crustaceans. University of Aberdeen. Consultado o 5 de agosto de 2011. 
  18. J. K. Lowry (2 de outubro de 1999). "Notostraca (Branchiopoda)". Crustacea, the Higher Taxa: Description, Identification, and Information Retrieval. Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2011. Consultado o 7 de febreiro de 2011. 
  19. L. Forró, N. M. Korovchinsky, A. A. Kotov & A. Petrusek (2008). Estelle V. Balian; Christian Lévêque; Hendrik Segers; Koen Martens, eds. "Freshwater Animal Diversity Assessment: Global diversity of cladocerans (Cladocera; Crustacea) in freshwater" (PDF). Hydrobiologia. Developments in Hydrobiology 198 595 (1): 177–184. ISBN 978-1-4020-8259-7. doi:10.1007/s10750-007-9013-5.  doi 10.1007/978-1-4020-8259-7_19
  20. Douglas Grant Smith & Kirstern Work (2001). "Cladoceran Branchiopoda (water fleas)". En Douglas Grant Smith. Pennak's Freshwater Invertebrates of the United States: Porifera to Crustacea (4th ed.). John Wiley and Sons. pp. 453 488. ISBN 978-0-471-35837-4. 
  21. Ellen Decaestecker, Luc De Meester & Joachim Mergaey (2009). "Cyclical parthenogeness in Daphnia: sexual versus asexual reproduction". En Isa Schön; Koen Martens; Peter van Dijk. Lost Sex: The Evolutionary Biology of Parthenogenesis. Springer. pp. 295–316. ISBN 978-90-481-2769-6. doi:10.1007/978-90-481-2770-2_15. 
  22. Joel W. Martin & George E. Davis (2001). An Updated Classification of the Recent Crustacea (PDF). Natural History Museum of Los Angeles County. pp. 1–132. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de maio de 2013. Consultado o 26 de febreiro de 2017. 
  23. David R. Andrew (2011). "A new view of insectecrustacean relationships II. Inferences from expressed sequence tags and comparisons with neural cladistics". Arthropod Structure & Development 40: 289–302. doi:10.1016/j.asd.2011.02.001. 
  24. Bjoern M. von Reumont; Ronald A. Jenner; Matthew A. Wills; Emiliano Dell'Ampio; Günther Pass; Ingo Ebersberger; Benjamin Meyer; Stefan Koenemann; Thomas M. Iliffe; Alexandros Stamatakis; Oliver Niehuis; Karen Meusemann; Bernhard Misof (2012). "Pancrustacean phylogeny in the light of new phylogenomic data: support for Remipedia as the possible sister group of Hexapoda" (PDF proofs). Molecular Biology and Evolution 29 (3): 1031–1045. PMID 22049065. doi:10.1093/molbev/msr270.