Bos gaurus
Bos gaurus | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Touro de Bos gaurus | |||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
Vulnerable[1] | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Bos gaurus Smith, 1827 | |||||||||||||||||||
Distribución actual da especie
|
Bos gaurus, xeralmente chamado gauro, é unha especie de bovino asiático. É o bovino máis grande existente, nativo do sur e sueste asiático. É tamén a especie de maior altura entre os bovinos silvestres.[2] Esta especie está considerada como "vulnerable" na Lista vermella da IUCN desde 1986, xa que o declive da poboación en parte da súa área de distribución é probable que fose de máis do 70% durante as últimas tres xeracións. As tendencias da poboación son estables nas áreas ben protexidas, e está mellorando nunhas poucas zonas que foran anterioremnte descoidadas.[1]
A forma semidomesticada do gauro é o gayal (Bos frontalis) ou mithun, que tamén pode vivir silvestre.[3] As análises filoxenéticas corroboraron que o gayal é taxonomicamente unha especie independente orixinada matriliñalmente do gauro, cebú e vaca.[4][5]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome gauro ou gaur, que xeralmente se lle dá en moitas partes do mundo e que forma tamén parte do seu nome científico, procede do sánscrito गौर gaura, que significa 'branco, amarelado, avermellado'. A palabra sánscrita gaur-mriga significa un tipo de búfalo acuático.[6] A palabra hindi गौर gaur significa 'de pel loira, loiro, branco'.[7]
Tamén se lle chama seladang en Malaisia e ပြောင် (pyoung) en Birmania.[8]
Características
[editar | editar a fonte]O gauro é forte e de corpo masivo cunha alta crista convexa na fronte entre os cornos, que se dobra cara a adiante, orixinando un profundo oco no perfil da parte superior da cabeza. Hai unha crista prominente ao longo das costas que vai desde os ombreiros á metade das costas. Os ombreiros poden estar 12 cm máis altos que os cuartos traseiros. Esta crista está causada pola gran lonxitude da apófise espiñosa das vértebras da parte anterior do tronco en comparación coas do lombo. As orellas son moi grandes; o rabo só chega ao xarrete, e nos touros vellos o pelo faise moi fino nas costas. O macho adulto é de cor castaña escura, aproximándose a negra en individuos moi vellos; porén, a parte superior da cabeza, desde a parte superior dos ollos á caluga, é cincenta ou máis raramente branca sucia; o fociño é de cor clara, e a parte inferior das patas é branca ou torrada. As femias e machos novos son máis claros, e nalgúns casos teñen un ton marrón avermellado, que está máis marcado en grupos que habitan zonas secas e abertas. O pelo é curto, fino e brillante e as pesuñas son estreitas e bicudas.[2]
A lonxitude do animal da cabeza ao rabo é de 250 a 330 cm cunha lonxitude do rabo de 70 a 105 cm e a altura ata os ombreiros é de 165 a 220 cm. O peso medio dos adultos é de 650 a 1 000 kg, con algún macho que excepcionalmente pode chegar aos 1 500 kg.[9] Os machos son 1/4 máis grandes e pesados que as femias.[3] En xeral as medidas tomáronse de gauros controlados da India e da China. O seladang, ou subespecie malaia, pode ser aínda máis grande pero non se publicaron medidas científicas.[10][11]
O gauro non ten unha papada distintiva na zona da gorxa e peito. Ambos os sexos teñen cornos, que crecen cara aos lados da cabeza, curvándose para arriba. Entre os cornos hai unha crista convexa sobre a fronte. Na súa base presenta unha sección transversal elíptica, unha característica que está máis fortemente marcada nos machos que nas femias. Os cornos están claramente aplanados na base e curvados de forma regular en toda a súa lonxitude e dóbranse cara a dentro e lixeiramente cara a atrás nas puntas. A cor dos cornos é de tons verdes claros ou amarelos en gran parte da súa lonxitude, pero as puntas son negras.[2] Os cornos, de mediano tamaño para o habitual nos bóvidos, medran ata medir de 60 a 115 cm.[3]
As femias son considerablemente máis claras que os machos. Os seus cornos son máis delgados e rectos, con máis curvatura cara ao interior, e a crista frontal é escasamente perceptible. Nos animais novos os cornos son lisos e puídos. Nos machos vellos están enrugados e dentados na base.[12]
O gauro é un dos animais terrestres vivos máis grandes. Só os elefantes, rinocerontes, hipopótamos (Hippopotamus amphibius) e as xirafas (Giraffa camelopardalis) son máis grandes. Dúas especies que coexisten de forma natural co gauro son máis pesados: o elefante asiático (Elephas maximus) e o rinoceronte indio (Rhinoceros unicornis).[13][14] Na maioría das medidas estándar o gauro é o maior dos bóvidos vivos. Porén, o máis masivo e de patas máis curtas búfalo de auga salvaxe (Bubalus arnee) é similar en masa corporal media, e xeralmente tamén na masa máxima.[9][15]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]O gauro vivía historicamente en terras continentais da amplas zonas do sur e sueste de Asia, comprendendo Vietnam, Camboxa, Laos, Tailandia, península malaia, Myanmar (antes Birmania), India, Bangladesh, Bután, China e Nepal e tamén había poboacións en Sri Lanka. Hoxe, a área de distribución da especie está seriamente fragmentada e está extinguido rexionalmente en Sri Lanka.[1]
Os gauros están hoxe maiormente confinados en bosques perennes ou semiperennes e bosques caducos húmidos, pero tamén viven en áreas de bosques caducos na periferia da súa area de distribución. O hábitat do gauro está caracterizado por bosques grandes e relativamente non alterados bosques, terreos con outeiros por debaixo dos 1 500 a 1 800 m, con dispoñibilidade de auga, e abundancia de alimentos como herbas, bambú, arbustos e árbores. A súa aparente preferencia por terreos con outeiros pode deberse en parte á rápida conversión que sufriron a maioría das chairas e outras áreas de cotas baixas en campos agrícolas e pastos.[16] Viven desde o nivel do mar ata altitudes de polo menos 2 800 m. As terras baixas parecen ser os seus hábitats óptimos.[17]
En Vietnam, varias áreas na provincia de Đắk Lắk tiñan poboacións de gauros en 1997.[18] Varias mandas deles seguen vivindo no Parque Nacional Cát Tiên e en terreos de empresas forestais estatais adxacentes.[19] O status actual das poboacións de gauro vietnamitas non se coñece ben, mais crese que está en grave declive.[1]
En Camboxa, o gauro declinou considerablemente no período entre o final da década de 1960 e o inicio da de 1990. A poboación máis substancial do país está na Provincia de Mondulkiri, onde sobreviviron uns 1 .000 individuos nunha paisaxe forestal duns 1 5000 km2.[20] Os resultados captados con cámaras trampa en 2009 indicaron unha poboación de gauro relativamene significativa no Bosque protexido de Mondulkiri e no contiguo Santuario de vida salvaxe de Phnom Prich.[21]
En Laos, estimouse que vivían uns 200 individuos en áreas protexidas a metade da década de 1990.[22] Estaban distribuídos descontinuamente en pequenas cantidades. O exceso de caza reducira a poboación, e os sobreviventes aparecían principalmente en sitios remotos. Unhas seis Áreas de Conservación da Biodiversidade Nacionais tiñan máis de 50 individuos. Áreas con poboacións que probablemente sexan importantes nacionalmente son a zona de Nam Theun e a meseta lindante.[23] Posteriores inspeccións levadas a cabo unha década despois usando intensivamente cámaras trampa non rexistraron xa ningún gauro, o que indica un masivo declive da poboación.[1]
Na China, o gauro aparece en poboacións moi fragmentadas en Yunnan e o sueste do Tíbet. Na década de 1980, foran erradicados do condado de Lancang, e os restantes animais estaban divididos en dúas poboacións, concretamente en Xishuangbanna-Simao e Cangyuan. A mediados da década de 1990, unha poboación de 600 a 800 individuos crese que vivía na provincia de Yunnan, a maioría deles na Reserva da natureza nacional de Xishuangbanna.[1]
En Tailandia, o gauro atopábase antes por todo o país, pero só quedaban algo menos de 1 000 individuos na década de 1990. Na zona principalmente semiperenne do Complexo forestal de Dong Phayayen - Khao Yai, rexistrouse unha densidade baixa no cambio de século, estimada en total en só uns 150 individuos.[24]
En Bangladesh, hai algúns gauros na Chittagong Hill Tracts, pincipalmenre no disrito de Banderban. Durante un proxecto recente con cámaras trampa rexistráronse poucos gauros, o que indica que a poboación está fragmentada e probablemente en declive.[25] As tribos locais cazan gauros na reserva forestal de Sangu Matamuhari, aínda que a súa caza está prohibida en Bangladesh.[26]
En Bután, persiste aparentemente en toda a zona sur de ladeiras, notablemente no Parque Nacional Manas, no Santuario de vida salvaxe de Phibsoo e o Santuario de vida salvaxe de Khaling.[17]
No Nepal, a poboación de gauro estimábase entre 250 a 350 individuos a mediados da década de 1990, a maioría deles no Parque Nacional de Chitwan e a Reserva de vida salvaxe Parsa adxacente. Estes dous parques están conectados por unha cadea de outeiros forestados. As poboacións parecen ter unha situación relativamente estable.[1] A poboación de Chitwan incrmentouse de 188 a 368 animais entre os anos 1997 a 2016. O censo feito na Reserva de vida salvaxe de Parsa confirmou a presenza de 112 gauros no mesmo período.[27]
Na India, a poboación estimouse entre 12 000 e 22 000 a mediados da década de 1990. As montañas Ghats occidentais e os outeiros que as rodean polos flancos no sur da India constitúen un dos máis extensos baluartes actuais do gauro, en particular no complexo de espazos protexidos de Wayanad - Nagarhole - Mudumalai - Bandipur.[28] A poboación da India, Bután e Bangladesh estímase que é de 23.000 a 34.000 individuos.[17] Poboacións grandes duns 2 000 individuos viven nos Parques Nacionais de Nagarahole e Bandipur, e outra duns 1 000 individuos no Tadoba Andhari Tiger Project, hai de 500 a 1 000 individuos na Reserva de tigres de Periyar e no Val do Silencio e nos complexos forestais adxacentes, e hai uns 800 individuos no Santuario de vida salvaxe de Bhadra.[1]
Ecoloxía e comportamento
[editar | editar a fonte]Onde os gauros non son molestados, son basicamente diúrnos. Noutras áreas fixéronse en boa medida nocturnos debido a molestias nos bosques causadas polos humanos. Na India central, son máis activos de noite e raramente se ven en campo aberto despois das 8 da mañá. Durante a estación seca, os rabaños congréganse e permanecen en áreas pequenas, dispersándose nos outeiros cando chega o monzón. Aínda que os gauros dependen da auga para beber, parece que non se bañan nin se envorcallan.[3]
En xaneiro e febreiro o gauro vive en pequenos rabaños de 8 a 11 individuos, un dos cales é un touro. Nos meses de abril ou maio, poden unirse máis touros ao rabaño para aparearse, e cada touro pode moverse dun rabaño a outro, apareándose cada un deles con moitas vacas. En maio ou xuño, abandonan o rabaño e poden formar rabaños formados só por touros ou viven sós. Os rabaños vagan en distancias de 2 a 5 km cada día e teñen un territorio non exclusivo e por veces os rabaños poden xuntarse en grupos de 50 ou máis individuos.[29]
Os rabaños de gauro son liderados por unha femia adulta vella, a matriarca. Os machos adultos poden ser solitarios. Durante o momento culminante da estación reprodutora, os machos non ligados a rabaños vagan en busca de femias receptivas. Non se producen grandes loitas entre os machos, xa que o tamaño é o principal factor para determinar a dominancia. Os machos emiten unha chamada de apareamento de tons claros e resoantes que pode chegar a oírse a 1,6 km. O gauro tamén fai un bufido asubiante que serve de chamada de alarma e un urro baixo como o das vacas.[30]
Nalgunhas rexións da India, onde as molestias causadas polos humanos son menores, o gauro é moi tímido e medorento malia o seu enorme tamaño e potencia. Cando está alarmado, métese na selva a sorprendente velocidade. Porén, no sueste de Asia e sur da India, onde están afeitos á presenza humana, os habitantes locais din que o gauro é moi ousado e agresivo. Visita frecuentemente os campos e pasta xunto co gando doméstico, e ás veces mátao en loitas. Os touros de gauro poden cargar sen provocación, especialmente durante o verán, cando a calor intensa e os insectos parasitos fan que estea máis irritable do normal. Para avisar a outros membros do seu rabaño de que se aproxima un perigo, o gauro emite un asubío alto.[12]
Alimentación
[editar | editar a fonte]O gauro salvaxe pasta herba e come follas dunha maior variedade de plantas que ningunha outra especie de ungulado da India, preferindo as porcións superiores da planta, como follas, taliños, sementes e flores de especies herbáceas, incluíndo as follas da árbore Adina cordifolia.[31]
Durante unha inspección no Santuario de Bhagwan Mahaveer e Parque Nacional de Mollem, identificáronse 32 especies de plantas que servían de comida aos gauros. Comen herbas, brotes novos, flores, froitos de Dillenia con gran preferencia polas follas. A comida preferida varía coa estación. En inverno e durante o monzón, aliméntanse preferentemente de herbas frescas e delicadas e especies de plantas herbáceas como as da familia dos legumes, como o trevo Desmodium triflorum, pero tamén comen follas de arbustos como o Strobilanthes callosus, Gardenia latifolia, Grewia abutifolia, Helicteres e Vitex negundo. En verán, tamén se alimentan de codias de teca (Tectona grandis), de froitos de Cassia fistula e da codia e froitos de Anacardium occidentale. O gauro pasa a maior parte do seu tempo diario alimentándose. A máxima actividade de alimenración observouse entre as 6:30 e as 8:30 am e entre as 5:30 e 6:45 pm. Durante as horas máis quentes do día, de 1:30 a 3:30 pm, descansan á sombra de grandes árbores.[32]
Poden quitarlle a codia ás árbores cando hai escaseza dos seus alimentos preferidos, e de minerais e de elementos traza que necesitan para a súa nutrición, ou para manter unha proporción óptima fibra/proteína para unha boa dixestión da comida e mellor asimilación dos nutrientes. Poden pasar a comer outras especies dispoñibles e codia fibrosa de teca en verán a medida que a herba verde e outras fontes herbáceas van secando. A codia de teca ten altas concentracións de calcio (22.400 ppm) e de fósforo (400 ppm), polo que o consumo de codia de teca pode axudar a moitos animais a satisfacer as súas necesidades de minerais e outras. A supervivencia e conservación a longo prazo destes herbívoros depende da dispoñibilidade das súas especies preferidas de plantas para a alimentación. Xa que logo, a protección dos hábitats historicamente preferidos polo gauro é un factor significativo na súa conservación.[32]
Reprodución
[editar | editar a fonte]Os gauros teñen un só tenreiro (raramente dous) despois dun período de xestación duns 275 días, uns nove meses, uns poucos días menos que as vacas domésticas. Os tenreiros son normalmente desleitados en de sete a doce meses. A madurez sexual ocorre ao segundo ou terceiro ano de vida. A reprodución pode ter lugar durante todo o ano, pero é máis frecuente entre decembro e xuño. A duración da vida dun gauro en catividade é de ata 30 anos.[29]
Predadores naturais
[editar | editar a fonte]Debido ao seu formidable tamaño e potencia, o gauro ten poucos predadores naturais á parte dos humanos. Os leopardos e mandas de doles atacan ás veces as tenreiras que non están vixiadas ou animais doentes; porén, só o tigre e o crocodilo mariño poden matar un exemplar plenamente adulto. Porén, o hábitat destes crocodilos e o do gauro apenas se solapan nos tempos recentes debido á diminución da área de distribución de ambas as especies, e un crocodilo necesita chegar a adulto (ter máis de 3,7 m e 300 kg) para poder realizar un ataque con éxito a un touro de gauro con boa saúde.[33][34][35]
Os tigres cazan gauros novos ou febles, pero tamén hai informes de que cazaron machos de gauro en boas condicións e de 1 000 kg de peso.[36][37] Na Reserva de tigres de Bandipur gravouse en outubro de 2013 un vídeo dun tigre matando a unha femia de gauro.[38] Cando teñen que loitar contra un tigre, os gauros adultos adoitan formar un círculo arredor dos individuos novos vulnerables e tenreiros, protexéndoos do gran felino. Como os tigres cazan ao axexo, cando tratan de capturar unha presa tan grande coma un gauro, case sempre abandonan a caza se son detectados e lles fan fronte da maneira descrita.[39] Un rabaño de gauros en Malaisia rodeou unha tenreira matada por un tigre e impediulle a este que se achegase á carcasa.[16] No Parque Nacional de Nagarahole, ao detectar un tigre, un rabaño de gauros camiñou cara a el como unha falanxe ameazante, forzándoo a retirarse e abandonar a caza.
Non obstante, o gauro non é tan agresivo cara aos humanos coma o búfalo acuático salvaxe.[40]
Ameazas
[editar | editar a fonte]En Laos, os gauros están moi ameazados polo furtivismo pola súa demanda no comercio internacional, pero tamén pola caza oportunista, e a caza específica para o consumo doméstico.[23] Na década de 1990, eran especialmente buscados polos furtivos vietnamitas polo seu valor comercial.[22] En Tailandia, os gauros están moi ameazados polos furtivos para o comercio de carne e trofeos de caza.[24]
Conservación
[editar | editar a fonte]Bos gaurus figura na lista do Apéndice I de CITES e está legalmente protexido en todos os estados da súa área de distribución.[1] Aplicouse a crioconservación de recursos xenéticos animais para axudar a reforzar as poboacións de gauro.
Clonación
[editar | editar a fonte]En 2001, naceu o primeiro gauro clonado en Trans Ova Genetics en Sioux Center, Iowa. A tenreira xestouna e pariuna unha nai surrogada, que era unha vaca doméstica (Bos taurus). Aínda que a cría tiña boa saúde ao nacer, morreu ás 48 horas por unha disentería común, o que probablemente non estivo relacionado co proceso de clonación.[41]
Historia taxonómica
[editar | editar a fonte]Na primeira descrición do gauro de 1804 feita por Aylmer Bourke Lambert, este deulle o nome binomial de Bos frontalis a un espécime doméstico probablemente de Chittagong (talvez un gayal). En 1827, Charles Hamilton Smith aplicoulle o nome binomial Bos gaurus á especie silvestre que examinou preto de Mainpat nos Estados Tributarios de Sarguja da India. Autores posteriores subordinaron a especie baixo o xénero Bos ou Bibos.[42]
En 2003, a Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica fixou Bos gaurus como nome específico dispoñible baseado nunha poboación salvaxe, e considerou que o nome desta especie salvaxe é válido tendo en conta que o nome posto con anterioridade estaba baseado nunha forma doméstica. A maioría dos autores adoptaron o nome binomial Bos gaurus para a especie salvaxe como o válido para o taxon.[43]
Tradicionalmente, recoñecéronse tres subespecies de Bos gaurus:
- B. g. gaurus descrito por Smith en 1827 na India central;[42] que vive ata Nepal e Bután;[44]
- B. g. readei descrito por Lydekker en 1903 dos montes boscosos de Birmania superior que vive ata a rexión de Tenasserim;[44]
- B. g. hubbacki descrito por Lydekker en 1907 de Pahang que vive ata a península malaia e probablemente polo norte ata Tenasserim.[44]
Esta clasificación está baseada en gran medida en diferenzas en coloración e tamaño, e xa non se acepta xeneralizadamente.[45]
Ao recoñecérense diferenzas fenotípicas entre os espécimes da India e o sueste de Asia, os nomes trinomiais Bos gaurus gaurus e Bos gaurus laosiensis son aceptados provisionalmente e quedan pendentes de maiores estudos morfométricos e xenéticos.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 "Bos gaurus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2016.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2016.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Lydekker, R. (1888–1890). The new natural history Volume 2. Printed by order of the Trustees of the British Museum (Natural History), London.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Nowak, R. M. (1999). Gaur Pages 1158–1159 in Walker's Mammals of the World. Volume 1. The Johns Hopkins University Press, Baltimore, USA and London, UK.
- ↑ Guolong, M.; Hong, C.; Shiping, L.; Hongyu, C.; Dejun, J.; Rongqing, G.; Chunfang, C.; Yonghong, L. (2007). "Phylogenetic Relationships and Status Quo of Colonies for Gayal Based on Analysis of Cytochrome b Gene Partial Sequences". Journal of Genetics and Genomics 34 (5): 413–419. doi:10.1016/S1673-8527(07)60045-9.
- ↑ Gentry, A.; Clutton-Brock, J.; Groves, C. P. (2004). "The naming of wild animal species and their domestic derivatives" (PDF). Journal of Archaeological Science 31: 645–651. doi:10.1016/j.jas.2003.10.006. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de abril de 2011. Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ Macdonell, A. A. (1929). गौर gaura Arquivado 03 de abril de 2013 en Archive.is. A practical Sanskrit dictionary with transliteration, accentuation, and etymological analysis throughout. Oxford University Press, London.
- ↑ Caturvedi, M. (1970). गौर gaur[Ligazón morta]. A practical Hindi-English dictionary. National Publishing House, Delhi. Page 184.
- ↑ Hubback, T. R. (1937). The Malayan gaur or seladang. Journal of Mammalogy 18 (3): 267–279.
- ↑ 9,0 9,1 Smith, A. T., Xie, Y. (eds.) (2008). A Guide to the Mammals of China. Princeton University Press, Princeton Oxforshire. Page 472.
- ↑ Hubback, T. R. (1937). The Malayan gaur or seladang. Journal of Mammalogy: 267-279.
- ↑ Ogilvie, C. S. (1953). The behaviour of seladang (Bibos gaurus). Oryx 2 (03): 167-169.
- ↑ 12,0 12,1 Sanderson, G. P. (1907). "XVIII, XVIV". Thirteen Years Among the Wild Beasts of India: Their Haunts and Habits from Personal Observation (6th ed.). Edinburgh: John Grant. pp. 243–265.
- ↑ Schaller, G. B., Simon, N. M. (1969). The endangered large mammals of Asia. In: Holloway, C. W. (ed.) IUCN Eleventh Technical Meeting. Papers and Proceedings, 25–28 November 1969, New Delhi, India. Volume II. IUCN Publications new series No. 18, Morges, Switzerland. Pp. 11-23.
- ↑ Hislop, J. A. (1966). Rhinoceros and seladang—Malaya's vanishing species. Oryx 8 (06): 353-359.
- ↑ Owen-Smith, R. N. (1992). Megaherbivores: the influence of very large body size on ecology. Cambridge University Press.
- ↑ 16,0 16,1 Schaller, G. (1967). The Deer and the Tiger: a study of wildlife in India. University of Chicago Press, Chicago
- ↑ 17,0 17,1 17,2 Choudhury, A. (2002). Distribution and conservation of the Gaur Bos gaurus in the Indian Subcontinent. Mammal Review 32: 199–226.
- ↑ Le Xuan Canh, Pham Trong Anh, Duckworth, J. W., Vu Ngoc Thanh, Lic Vuthy (1997). A survey of large mammals in Dak Lak Province, Viet Nam. Unpublished report to IUCN and WWF. Hanoi, Viet Nam.
- ↑ Polet, G..Ling, S. (2004). Protecting mammal diversity: opportunities and constraints for pragmatic conservation management in Cat Tien National Park, Vietnam. Oryx 38 (2): 186
- ↑ Tordoff, A. W., Timmins, R. J., Maxwell, A., Huy Keavuth, Lic Vuthy, Khou Eang Hourt (eds.) (2005). Biological assessment of the Lower Mekong Dry Forests Ecoregion. WWF Greater Mekong Programme. Phnom Penh, Cambodia.
- ↑ Channa, P., Sovanna, P., Gray, T. N. E. (2010). Recent camera trap records of globally threatened species from the Eastern Plains Landscape, Mondulkiri. Cambodian Journal of Natural History 2010 (2): 89–93.
- ↑ 22,0 22,1 Timmins, R. J., Evans, T. D. (1996). Wildlife and Habitat Survey of the Nakai-Nam Theun National Biodiversity Conservation Area, Khammouan and Bolikhamsai Provinces, Lao PDR Arquivado 06 de xullo de 2019 en Wayback Machine.. A report to Centre for Protected Areas and Watershed Management, Department of Forestry, Vientiane, Lao PDR.
- ↑ 23,0 23,1 Duckworth, J. W., Salter, R. E. and Khounboline, K. (compilers) (1999). Wildlife in Lao PDR: 1999 Status Report Arquivado 04 de outubro de 2011 en Wayback Machine.. Vientiane: IUCN – The World Conservation Union / Wildlife Conservation Society / Centre for Protected Areas and Watershed Management.
- ↑ 24,0 24,1 Lynam, A. J., Round, P. and Brockelman, W. Y. (2006). Status of birds and large mammals of the Dong Phayayen-Khao Yai Forest Complex, Thailand Arquivado 27 de xullo de 2011 en Wayback Machine.. Biodiversity Research and Training Program and Wildlife Conservation Society, Bangkok, Thailand.
- ↑ Hance, Jeremy (2016-03-01). "Tiger country? Scientists uncover wild surprises in tribal Bangladesh". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2016-04-11.
- ↑ Chowdhury, M. S. H. (2012). Status and impact of traditional forest fauna harvesting by the Mro tribe in the hill forests of Bangladesh: Policy implications for biodiversity conservation (PDF). London: The Rufford Foundation. pp. 1–15. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de decembro de 2016. Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ The Himalyan Times (2016). Bison population increasing in Chitwan National Park. Published: June 11, 2016 of The Himalyan Times
- ↑ Ranjitsinh, M. K. (1997) Beyond the Tiger: Portraits of Asian Wildlife. Birajbasi Printers, New Delhi, India.
- ↑ 29,0 29,1 Burton, R. (2002). International Wildlife Encyclopedia (3rd ed.). Marshall Cavendish. pp. 936–938. ISBN 978-0-7614-7266-7.
- ↑ Huffman, B. (2004). "Bos frontalis – Gaur". ultimateungulate.com.
- ↑ Shukla, R., Khare, P. K. (1998). Food habits of wild ungulates and their competition with live stock in Pench Wildlife Reserve central India. Journal of the Bombay Natural History Society 95(3): 418–421.
- ↑ 32,0 32,1 Gad, S. D.; Shyama, S. K. (2009). "Studies on the food and feeding habits of Gaur Bos gaurus H. Smith (Mammalia: Artiodactyla: Bovidae) in two protected areas of Goa" (PDF). Journal of Threatened Taxa 1 (2): 128–130. doi:10.11609/jott.o1589.128-30. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ Melletti, M., & Burton, J. (Eds.). (2014). Ecology, Evolution and Behaviour of Wild Cattle: Implications for Conservation. Cambridge University Press.
- ↑ Guggisberg, C. A. W. (1972). Crocodiles. Their Natural History, Folklore and Conservation: David and Charles (Publishers) Limited, Newton Abbot.
- ↑ Penny, Malcolm (1991-01-01). Alligators and Crocodiles. Crescent Books. ISBN 9780517070123.
- ↑ Hunter, L. (2011). Carnivores of the World. Princeton University Press, Princeton. ISBN 978-0-691-15228-8
- ↑ https://www.youtube.com/watch?v=almO2Ypp964
- ↑ Karanth, K. U. (2013). Rare Video Captures Tiger Making Its Kill Arquivado 17 de agosto de 2016 en Wayback Machine.. National Geographic, Cat Watch.
- ↑ Sunquist, M. E., Karanth, K. U., & Sunquist, F. (1999). Ecology, behaviour and resilience of the tiger and its conservation needs. Riding the tiger: tiger conservation in human-dominated landscapes. Cambridge University Press, Cambridge, UK.
- ↑ Perry, R. (1965). The World of the Tiger. p. 260. ASIN: B0007DU2IU.
- ↑ Advanced Cell Technology, Inc. (2001). "Press Release - First cloned endangered animal was born at 7:30 pm on Monday, 8 January 2001". Arquivado dende o orixinal o 31 de maio de 2008. Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ 42,0 42,1 Ellerman, J. R., Morrison-Scott, T. C. S. (1966). Checklist of Palaearctic and Indian mammals 1758 to 1946. Second edition. British Museum of Natural History, London
- ↑ Gentry, A. Clutton-Brock, J., Groves, C. P. (2004). The naming of wild animal species and their domestic derivatives Arquivado 08 de abril de 2011 en Wayback Machine.. Journal of Archaeological Science 31: 645–651
- ↑ 44,0 44,1 44,2 Lydekker, R. (1913). Catalogue of the ungulate mammals in the British Museum (natural history) Volume 1. Printed by order of the Trustees of the British Museum (Natural History), London.
- ↑ Corbet, G. B., Hill, J. E. (1992). The mammals of the Indomalayan Region: a systematic review. Oxford University Press. ISBN 0-19-854693-9
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Bos gaurus |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Bos gaurus |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Anoa
- Banteng
- Búfalo acuático
- Cebú, o tipo de gando común na India: o gauro puido ter contribuído xeneticamente nalgunhas variedades.