At the Drive-In
| At the Drive-In | |||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||
At The Drive-In é unha banda de post-hardcore formada en El Paso, Texas, e que estivo activa entre os anos 1993 e 2001. Os seus membros foron: Cedric Bixler (voz, percusión e sintetizadores), Omar Rodríguez-López (guitarra e voz) Jim Ward (guitarra, voz, teclados e percusión), Paul Hinojos (baixo) e Tony Hajjar (batería). A comezos do ano 2012 a banda anunciou unha reunión para realizar varios concertos.
No ano 2016 a banda reuniuse por segunda vez, nesta ocasión sen o guitarrista Jim Ward que foi substituído polo membro de Sparta Keeley Davis. O grupo tivo que cancelar parte da súa xira norteamericana despois de que Bixler comezase a ter problemas coa súa voz. O 8 de decembro At the Drive-In publicaría o sinxelo "Governed by Contagions", 16 anos despois de editar o seu último material.
A banda publicou o seu cuarto álbum de estudio, in•ter a•li•a, no ano 2017. En novembro de 2018 At the Drive-In anunciou un hiato indefinido.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Formación
[editar | editar a fonte]At the Drive-In foi fundada na cidade de El Paso, en Texas, no ano 1994 polo guitarrista Jim Ward e o vocalista Cedric Bixler-Zavala.[2] O seu primeiro concerto foi o 14 de outubro dese ano en The Attic, un local de El Paso, e ao día seguinte tocaron nunha feira no instituto Loretto High School. Pouco despois a banda lanzou o seu primeiro rexistro sonoro, o EP Hell Paso, aparecido no mes de novembro de maneira independente, a través do selo Western Breed,[3] e pagado pola propia banda.
Para divulgar o lanzamento, o grupo realizou a súa primeira xira, facendo 3 200 quilómetros polo estado de Texas. Tras un cambio de batería debido á morte de Bernie Rincon,[4] At the Drive-In lanzou o seu segundo EP, ¡Alfaro Vive, Carajo!, en xuño de 1995 e tamén a través de Western Breed. A banda comezou entón outra xira, desta vez cunha furganeta Ford Econoline de 1981 nova, que que durou 42 días durante os cales percorreron máis de 15 000 km polos Estados Unidos.[5]
Nestas xiras At the Drive-In comezou a conseguir un gran número de seguidores no underground tocando sobre todo en sotos e pequenos locais do oeste do país. Un destes concertos que cambiaría a historia da banda foi nun desaparecido bar dos Ánxeles, onde o grupo realizou unha explosiva actuación diante de tan só nove persoas, algunhas das cales eran empregadas do selo Flipside. Estes quedaron tan entusiasmados co espectáculo de At the Drive-In que se ofreceron alí mesmo a editarlles un disco.[5] A banda aceptou a oferta e tras outra xira de 21 días polo suroeste dos Estados Unidos gravaron nos Ánxeles o seu álbum de estrea, Acrobatic Tenement, por 600 dólares.[6][7]
Acrobatic Tenement
[editar | editar a fonte]O 18 de agosto de 1996 lanzaron Acrobatic Tenement, e a banda comezou outra xira polos Estados Unidos ao ano seguinte que durou 100 días (de febreiro a xuño de 1997) e percorreu preto de 40 000 km.[6] Esta xira incluíu concertos con centos doutras bandas como Screw 32, J Church, AFI, Still Life, Mustard Plug, Face to Face e Cosmic Psychos.[6]
A base de fans de At the Drive-In empezou a medrar con cada concerto que daban. Tras esta xira, os membros da banda colleron un mes de vacacións (Jim Ward permaneceu de vacacións ata a gravación de In/Casino/Out) antes de ensaiar para o seu seguinte disco e a súa posterior xira. Tras a gravación de Acrobatic Tenement en xullo de 1996, a formación definitiva de At the Drive-In consolidouse coa incorporación de Tony Hajjar e Paul Hinojos, e con Omar Rodríguez-López pasando do baixo á guitarra. O terceiro EP da banda, titulado El Gran Orgo, publicouse o 18 de setembro de 1997 a través do selo Off Time Records e "amosou un lado máis melódico do grupo, pero a profundidade musical e a emoción sinceira nunca foran tan evidentes".[5] Dous días despois do seu lanzamento, a banda estaba en Boulder, Colorado, actuando con Welt para dar comezo á súa seguinte xira de 35 días e 17 000 km, que tamén incluíu seis datas con Karp e Young Pioneers, e actuacións únicas con Guttermouth, The Criminals, Piss Drunks e The Humpers.[5] A popularidade de At the Drive-In neste momento era innegable, con concertos como cabezas de cartel no Medio Oeste que atraían a entre 100 e 350 seguidores.[5]
O descontento coa súa nova discográfica era tanto que o grupo chegou a facer antipropaganda: “At the Drive-In foi enganado pola OFFTIME Records cando lanzou El Gran Orgo; por favor NON o merque!!!! Cando vostede merca El Gran Orgo non está apoiando a At The Drive-In, vostede apoioa á DESHONESTIDADE”. Ironicamente, a antipropaganda empregada pola banda tivo o efecto inverso: a primeira tirada de “El Gran Ogro” esgotouse en tres días, estendendo a popularidade da banda a un campo maior, que antes consistía só en amigos de clubs do circuíto underground. Neste período, o line-up do grupo non contaba con Jim Ward, que deixara At the Drive-In temporalmente.
Desfeito o tortuoso contrato coa Offtime Records, a banda atopouse sen discográfica para proseguir. Non poderían continuar de maneira independente, como comezaron, xa que os concertos estaban tomando un porte maior ás súas posibilidades. Pero ese período durou pouco: despois dun concerto, representantes da Fearless Records entraron en contacto coa banda, ofrecendo un contrato.
In/Casino/Out
[editar | editar a fonte]En xuño de 1998, o grupo estaba no estudio novamente para preparar o primeiro disco para o seu novo selo. Traballando con Alex Newport (que xa producira aos Melvins, Ikara Colt, Sepultura e System of a Down) e con Jim Ward de volta, At The Drive-In sacou un disco glorioso chamado In/Casino/Out. Gravado case enteriamente en vivo no estudio (foron feitos só uns poucos overdubs de voz e guitarra), este segundo LP foi lanzado en agosto de 1998. In/Casino/Out fixo a At The Drive-In definitivamente unha das bandas máis importantes dun período que podemos identificar como unha especie de post-grunge, a pesar de que, nitidamente, a banda non tivese aínda na época o recoñecemento que merecía (hoxe en día, o culto a At The Drive-In é cada vez maior).
Despois do lanzamento, a banda entrou en xira, participando en actuacións ao lado de bandas como Murder City Devils, Fugazi, Good Riddance, The Promise Ring, Sonic Youth, Get Up Kids, Sunny Day Real Estate, Archers of Loaf e Jimmy Eat World, parando en decembro para un rápido descanso e algunhas sesións de estudio. Xa en 1999, en marzo, a banda volta á estrada, facendo algúns concertos nos Estados Unidos antes de partir cara a súa primeira visita a Europa. No medio do ano, o grupo decide xuntar algunhas cancións aínda non editadas oficialmente e lanzalas nun EP. "Vaya" saíu en xullo de 1999 pola Fearless, soando como unha pequena continuación de "In/Casino/Out". Despois diso, a banda embarcouse nunha nova xira para a divulgación do seu novo EP, facendo concertos polos Estados Unidos e dúas noites no Canadá.
Nas presentacións desta xira, era evidente o crecente entusiasmo do público con At the Drive-In. Ese período marcou tamén a sinatura da banda coa recentemente fundada DEN Records, cuxos propietarios eran Gary Gersh e John Silva. Esa actitude levou a algúns fans a dar as costas á banda, como se se tivese se vendido a unha discográfica maior. Pero a propia banda nunca amosou ter ningunha pretensión de ser un expoñente ou representante do underground, ignorando a posibilidade de existir só no mercado independente.
Relationship of Command
[editar | editar a fonte]Despois dalgúns concertos máis a finais de 1999 ao lado de Rage Against the Machine, en xaneiro do 2000 At the Drive-In entrou no estudio para gravar o seu novo disco ao lado de Ross Robinson (famoso polo seu traballo con Korn, Sepultura e Slipknot), que a banda coñecera na súa última viaxe por Nova York. Foron sete semanas de gravacións no estudio Indigo Ranch, en Malibu, ata que o material foi entregado a Andy Wallace para facer a mestura. Relationship of Command foi finalmente lanzado en setembro.
Ademais de xirar por Europa, Asia e os Estados Unidos tras o lanzamento de Relationship of Command, At The Drive-In actuou en varios programas de televisión. A súa primeira actuación na televisión nacional foi en Farmclub, un desaparecido programa que e emitía pola noita en USA Network. Tras esa actuación apareceron en Later with Jools Holland, Late Night with Conan O'Brien e Late Show with David Letterman. Ademais, o seu éxito menor na radio "One Armed Scissor" apareceu na MTV e axudou a aumentar a popularidade da banda.
Mellor producido e distribuído, este disco transformou definitivamente a At The Drive-In nunha banda grande, pero ao contrario do que todo indicaba, o fin do conxunto estaba próximo. Despois dun período sen actividades en 2001 (descontando un novo sinxelo para Relationship of Command e un proxecto paralelo de Cedric e Omar), o grupo oficializou a separación, seguida case inmediatamente pola formación de dúas novas bandas: Cedric e Omar crearon The Mars Volta, mentres que Jim, Tony e Paul formaron Sparta.
O fin non fixo que a banda perdese popularidade, todo o contrario: At the Drive-In goza hoxe de gran prestixio e a súa música honesta e extrema serve de influencia para moitas bandas actuais.
Primeira reunión
[editar | editar a fonte]Durante unha entrevista con Drowned in Sound en xuño de 2009, Bixler-Zavala afirmou que estivera falando cos antigos membros da banda e suxeriu que poderían regresar despois de que resolvesen os seus negocios. Cedric engadiu: "Non me importaría. Podería suceder, só temos que resolver moitas cousas persoais. Xa tratamos moito diso e pedín perdón por moitas cousas que dixen e a forma na que rematou... veremos que ocorre".[8]
O 9 de xaneiro do ano 2012 a banda anunciou que se reuniría a súa formación orixinal para realizar unha serie de concertos[9][10].O grupo realizou o seu primeiro concerto dende 2001 o día 9 de abril no Red 7 de Austin, Texas, como parte dunha xira de catro datas nese estado con Zechs Marquise como preparación antes das súas actuacións no Coachella Valley Music and Arts Festival os días 15 e 22 de abril.[11] Ese mesmo ano At the Drive-in tamén actuou noutros festivais como Lollapalooza, Splendour in the Grass, Fuji Rock e Reading and Leeds Festival.
A banda tamén adquiriu os dereitos de Fearless Records para reeditar a meirande parte do seu catálogo (tres álbums e o EP Vaya) e lanzou o seu propio selo discográfico, Twenty-first Chapter, para encargarse das reedicións. O nome do selo é unha referencia ao capítulo omitido da versión estadounidense do libro de Anthony Burgess A Clockwork Orange.[12]
Aínda que os concertos de reunión recibiron críticas na súa maioría positivas, Rodríguez-López foi criticado por seguidores e observadores pola súa evidente falta de entusiasmo mentres tocaba no escenario; inicialmente isto foi atribuído á recente morte da súa nai, pero Rodríguez-López afirmou máis tarde que tampouco se sentía conectado coa música de At the Drive-in.[13]
Rodríguez-López tamén descartou a posibilidade de que a banda gravase material novo,[14] aínda que reverteu esta postura á luz da postarior reunión da banda en 2016.
Tras a disolución de The Mars Volta en 2013, Bixler-Zavala e Rodríguez-López deixaron todo contacto entre si. Bixler-Zavala responsabilizou a Rodríguez-López da ruptura en Twitter; con todo, declarou que aínda estaba feliz coa reunión de At the Drive-In: "E para que conste, aínda estou namorado de ATDI. A proba estaba na MIÑA actuación. Nunca subiría ao escenario se o meu corazón estivese noutro lugar". Posteriormente, os dous centraron os seus esforzos nos seus respectivos proxectos, Zavalaz e Bosnian Rainbows, e mantivéronse sen falar ata principios de 2014, cando finalmente resolveron os seus problemas. Porén, un intento inicial de reiniciar At the Drive-In non deu resultado, polo que Bixler-Zavala e Rodríguez-López pasaron a formar Antemasque, saíndo de xira e gravando durante os dous anos seguintes.
Segunda reunión e in•ter a•li•a
[editar | editar a fonte]En outubro de 2015 At the Drive-In acordou facer outra reunión,[15] e programouse unha aparición no festival Rock On The Range no mes de maio seguinte. En xaneiro de 2016, seguida dun vídeo de 15 segundos con música aparentemente nova, a banda detallou os plans para unha xira mundial e un novo álbum a finais de ano. Despois dos ensaios iniciais, Jim Ward foi retirado da banda reunida,[16] e foi substituído polo seu antigo compañeiro en Sparta Keeley Davis.
Botando a vista atrás á marcha de Ward, en 2017 Bixler-Zavala afirmou que Ward non estaba preparado para un novo álbum e unha xira: "A súa cabeza non estaba alí. A súa cabeza non era de fiar. Pola forma en que Omar e eu explotamos [con Mars Volta], entendíno perfectamente. Sabes, ou o deixas ir e segues adiante, ou o tren segue sen ti. Temos que honrar o que está a suceder agora, que é a idade e as ganas de facelo. Quéroo. É un fermoso ser humano. Un fermoso artista. Só desexo que lembre que é un guitarrista incrible. Non sei se o fai".[17]
A banda cancelou parte da súa xira norteamericana despois de que Bixler-Zavala comezase a ter problemas coa súa voz.[18] O 8 de decembro At the Drive-In lanzou a súa primeira canción nova en 16 anos, "Governed by Contagions", publicada a través de Rise Records. Un novo álbum, in•ter a•li•a, foi lanzado o 5 de maio de 2017, precedido por outro sinxelo, "Incurably Innocent".[19] O EP Diamanté foi lanzado o 24 de novembro como parte do Record Store Day como unha edición limitada en vinilo de 4 000 copias.[20][21] En agosto de 2017 a banda reunida actuou no Rock en Seine en París, Francia,[22] e en maio de 2018 a banda foi cabeza de cartel no Neon Desert Music Festival.[23]
Hiato e e futuro incerto
[editar | editar a fonte]Durante un concerto o 17 de novembro de 2018 no Circo Voador, no Brasil, Bixler‑Zavala anunciou ao público que o concerto da noite seguinte sería o último durante un tempo indeterminado. Esa mesma noite, Bixler‑Zavala publicou en Twitter: “Quizais para algúns de vós isto sexa un sinal de debilidade, pero tiña que dar un enorme agradecemento á miña familia de ATDI. Este foi o noso penúltimo concerto. Mañá é o último. Non sei cando volveremos tocar. Grazas, Río. Como podo durmir agora?”. Ao día seguinte, o 18 de novembro de 2018, a banda deu o seu último concerto no Bar Opinião en Porto Alegre, Brasil. O 19 de novembro de 2018, a banda publicou un comunicado no seu Instagram oficial anunciando un hiato.[24][25][26][27]
En 2025, en resposta a un fan en Instagram, Bixler‑Zavala afirmou que estaría en contra de tocar de novo con At The Drive‑In, dicindo que o capítulo da banda estaba “selado permanentemente para sempre” e que o grupo “tocara o seu último concerto no Brasil”.[28][29]
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums
[editar | editar a fonte]| Álbum | Ano | Selo |
|---|---|---|
| Acrobatic Tenement | 1996 | Flipside |
| In/Casino/Out | 1998 | Fearless |
| Relationship of Command | 2000 | Grand Royal |
| in•ter a•li•a | 2017 | Rise Records |
EPs
[editar | editar a fonte]| Álbum | Ano | Selo |
|---|---|---|
| Hell Paso | 1994 | Western Breed |
| Alfaro Vive, Carajo! | 1995 | Western Breed/Headquarter/Restart |
| El Gran Orgo | 1997 | Offtime |
| Vaya | 1999 | Fearless |
Sinxelos
[editar | editar a fonte]- "Rolodex Propaganda" - 2000
- "One Armed Scissor" - 2000
- "Invalid Litter Dept." - 2001
Recompilatorios
[editar | editar a fonte]- This Station Is Non-Operational - 2005 (Fearless)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Amanda Hatfield. "At The Drive In played their last show before "taking a break" (videos, setlist)". BrooklynVegan (en inglés). Consultado o 2021-11-10.
- ↑ "At the Drive-In". Genius (en inglés). Consultado o 2023-10-24.
- ↑ "At The Drive-In - Hell Paso" (en castelán). 1995. Consultado o 2023-10-24.
- ↑ "Interview: Wonky Talk With Cedric Bixler-Zavala By Mikey More Or Less". The Cosmic Clash (en inglés). 2012-08-28. Consultado o 2023-12-10.
- 1 2 3 4 5 "///at.the.drive-in///". web.archive.org. 2009-11-29. Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2009. Consultado o 2023-12-10.
- 1 2 3 "At the Drive-In Biography". web.archive.org. 2017-04-12. Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2017. Consultado o 2023-12-10.
- ↑ "Album Review: At the Drive-In - Acrobatic Tenement". DrownedInSound (en inglés). 1997-02-02. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 2026-04-25.
- ↑ June 8th, Frederick Blood-Royale; 2009. "Artist 'n' Artist: Frederick Blood-Royale meets The Mars Volta". DrownedInSound (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2012. Consultado o 2019-05-09.
- ↑ Alternative Press - At The Drive-In to reunite
- ↑ "Confirmación dos concertos na páxina de Omar Rodriguez-Lopez". Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2012. Consultado o 09 de xaneiro de 2012.
- ↑ Swiatecki, Chad (2012-04-10). "At the Drive-In Play First Show in 11 Years". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2022-07-04.
- ↑ Jackson, Nate (11 de abril de 2012). "Cutting-Room Floor At the Drive-In Interview Outtakes: "We Found Love Together, We Lost Love Together"". LA Weekly
- ↑ Niesel, Jeff. "Omar and the Howlers". Cleveland Scene (en inglés). Consultado o 2024-10-06.
- ↑ Goodwyn, Tom (2012-02-22). "Omar Rodriguez–Lopez: 'There will be no new At The Drive-In album'". NME (en inglés). Consultado o 2024-10-06.
- ↑ Pareles, Jon (2017-05-03). "At the Drive In Rekindles Its Manic Inferno". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2026-03-07.
- ↑ "Ep. 36: Jim Ward of Sparta Discusses his Departure from At the Drive In". 2022-04-30. Consultado o 2026-03-07.
- ↑ "At the Drive-In's Frontman Opens Up About His Former Mentor, U.S. Senate Candidate Beto O'Rourke". Dallas Observer (en inglés). 2017-06-04. Consultado o 2026-03-07.
- ↑ Iasimone, Ashley (2016-06-18). "At the Drive-In Cancels Tour Dates Due to Singer’s Vocal Cord Concern". Billboard (en inglés). Consultado o 2026-03-07.
- ↑ Britton, Luke Morgan (2017-02-22). "At The Drive In announce first album in 17 years and share song - read exclusive interview". NME (en inglés). Consultado o 2026-03-07.
- ↑ Bakare, Lanre (2017-11-09). "'It was cool to be misogynist': At the Drive-In on fights, drugs and the dark days of nu-metal". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2026-03-07.
- ↑ "the Diamanté EP. 3 new tracks available 11•24 exclusively at Indy Record Stores for Black Friday". Twitter. Consultado o 2026-03-07.
- ↑ "Paris music festivals: 2017 guide". Timeout. Consultado o 7 de marzo de 2026.
- ↑ Gonzalez, Maria Cortes. "At the Drive-In's Cedric Bixler-Zavala reflects on Neon Desert, band reunion, fatherhood". El Paso Times (en inglés). Consultado o 2026-03-07.
- ↑ Hatfield, Amanda. "At The Drive In played their last show before "taking a break" (videos, setlist)". BrooklynVegan (en inglés). Consultado o 2026-03-26.
- ↑ Hatfield, Amanda. "At The Drive In's next show is their last, Cedric Bixler-Zavala says". BrooklynVegan (en inglés). Consultado o 2026-03-26.
- ↑ "At The Drive In (@atthedrivein) on Instagram". ghostarchive.org. Consultado o 2026-03-26.
- ↑ "Cedric Bixler-Zavala Says At The Drive In Don't Know When They'll Play Live Again". Theprp.com (en inglés). 2018-11-18. Consultado o 2026-03-26.
- ↑ "Instagram". www.instagram.com. Consultado o 2026-03-26.
- ↑ "Reddit - The heart of the internet". www.reddit.com. Consultado o 2026-03-26.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial da banda
- Páxina sobre o rock dos 90 (en portugués)