Arquivo do Museo Provincial de Lugo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°00′41″N 7°33′32″O / 43.011447222222, -7.5588777777778

O Arquivo do Museo Provincial de Lugo alberga diferentes fondos que ao longo do tempo foron doados ou depositados na institución. Sitúase no propio edificio do Museo, compartindo estancia cunha biblioteca especializada e na actualidade está composto por 27 fondos.[1] Depende directamente da Deputación de Lugo e da Rede Museística Provincial de Lugo.[2]

Arquivo do Museo Provincial de Lugo

Historia[editar | editar a fonte]

Co fin de reunir e protexer os bens do patrimonio cultural lucense, a Deputación de Lugo acorda crear no ano 1932 un Museo Provincial. O 10 de xaneiro de 1934 abríronse ao público as primeiras instalacións de devandito Museo, ocupando a á sur do Pazo de San Marcos, baixo a dirección de Luís López Martí.

Desde a súa posta en funcionamento o Museo tivo un carácter multidisciplinar albergando distintas e variadas coleccións que se agrupan en 3 seccións: Etnografía e Artes Decorativas, Belas Artes e Arqueoloxía e Historia. A Biblioteca e o Arquivo forman parte do Museo desde xaneiro de 1934, pero xa desde a creación da institución en 1932 estanse recibindo fondos arquivísticos. Responden estes ingresos a depósitos ou doazóns, tanto institucionais como privados, e contan cun alto valor para o estudo da historia local e provincial de Lugo. No ano 2015,a través dun programa da propia Rede Museística Provincial, organizouse e púxose a disposición do público grazas ao traballo do arquiveiro Ángel Arcay Barral, quen tamén se encargou da creación do arquivo dixital co software libre ICA-AtoM.[3]

Contexto xeográfico e cultural[editar | editar a fonte]

O arquivo histórico sitúase fisicamente no Museo Provincial de Lugo, un dos catro centros que conforman a Rede Museística Provincial, constituída oficialmente no ano 2006. Esta rede agrupa a catro museos que até o momento dependían da Excma. Deputación Provincial: O Museo Provincial de Lugo, o Museo - Fortaleza de San Paio de Narla, o Museo Provincial do Mar e o Museo Pazo de Tor. A creación da Rede Museística responde á necesidade de mellorar a coordinación dos catro centros e de potenciar o aproveitamento adecuado dos recursos técnicos e humanos do Museo Provincial, permitindo xestionar de forma unitaria o conxunto da Rede para que cada un deles cumpra adecuadamente as súas funcións, presentando ao conxunto da provincia unha ampla e variada oferta cultural. Así, a Rede Museística Provincial, pretende unificar criterios e obxectivos, incentivar a colaboración, optimizar recursos e mellorar a comunicación chegando a todo tipo de usuarios.

Edificio[editar | editar a fonte]

O continuo incremento de fondos museísticos xera un problema de espazo, que obriga a trasladar ao Museo dende o Pazo de San Marcos ao antigo convento de San Francisco. Deste edificio, declarado Tesouro Artístico Nacional en 1931, conserváronse tres dependencias (cociña, claustro e refectorio) que, unidas á creación de amplas salas expositivas, permiten realizar o traslado do Museo Provincial en 1957. Tras deixar sen efecto unha convocatoria de 1949 para a reforma do antigo cenobio, a Corporación Provincial acorda aprobar en 1950 un proxecto presentado polo defunto D. Miguel Durán Loriga, encargándolle a Manuel Gómez Román a tarefa de ultimar devandito proxecto. Gómez Román, aínda sendo enormemente respectuoso co traballo do seu colega, presentará unha reforma radical na concepción das fachadas que será aprobada pola Corporación Provincial en xaneiro de 1951. Ademais dos cambios na organización de salas, dos que o máis significativo foi o realizado entre 1986 e 1991 aproveitando a necesidade de acondicionamento do edificio, dende a súa inauguración até a actualidade o Museo ampliarase até en dúas ocasións, a primeira en 1963 baixo proxecto de Gómez Román e a segunda en 1997, cunha ambiciosa ampliación arquitectónica debida ao considerable aumento de fondos, realizada por Antonio González Trigo. O Arquivo forma parte deste edificio e comparte estancia coa Biblioteca especializada. No ano 2015, paralelo á súa organización, levouse a cabo o seu traslado a un espazo contiguo onde as condicións de conservación eran máis favorables para a documentación.

Fondos documentais[editar | editar a fonte]

Boa parte dos fondos corresponden a doazóns e depósitos realizados ao Museo Provincial. A gran maioría deles son arquivos privados, destacando os familiares e os persoais. Representamos a continuación o Cadro de clasificación presentado polo arquiveiro Ángel Arcay Barral nas Jornadas Arquivando organizadas pola Fundación Sierra-Pambley:

Arquivos de familia Arquivos persoais Arquivos industriais Arquivos militares Coleccións de apeos
1-Casa de Alba 17-José María Coira Sanjurjo Fábrica de Sargadelos 26-Guerra Carlista Apeos do Conde de Altamira
2-Conde de Santiago 18-Vicente Latorre Ventura 27-Guerra da Independencia
3-Familia Pardo Vila 19-Melecio López Castro do Amo
4-Familia Barrio Alvarado 20-Conde Pallares
5-Casa Goián 21-Jesús Noya González
6-Coto de Neira 22-Amando Losada Díaz
7-Casa da Barreira
8-Fortaleza de San Paio de Narla
9-Castelo de Cedofeita
10-Familia Berbetoros
11-Torre Cabarcos
12-Casa Miranda
13-Casa de Outeiro de Saa
14-Casa dá Horta
15-Marquesado de Hombreiro
16-Casa de Castroagude

O Arquivo abre de luns a venres en horario de 09:00 a 14:30. Os seus fondos poden ser consultados a través do arquivo dixital que se atopa aloxado na web da Rede Museística Provincial.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Arcay Barral, Ángel (2015). "Patrimonio & Información: Las experiencias del Archivo del Museo Provincial de Lugo". Actas Jornadas Archivando: 161–175. 
  2. "Rede Museística Provincial de Lugo". Consultado o 16/01/2016. 
  3. Arcay Barral, Ángel (2015). "O uso de Software Libre na Rede Museística Provincial de Lugo: A creación do arquivo dixital do Museo Provincial de Lugo con ICA-AtoM". Labirinto Dixital - Actas do IV Congreso de Software Libre da Institución Galega de Ciencia. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Arcay Barral, Ángel (2015). Información & Patrimonio: as experiencias do Arquivo do Museo Provincial de Lugo. Actas das Xornadas Arquivando. León: Fundación Sierra Pambley
  • Arcay Barral, Ángel. A xénese do Museo Provincial de Lugo: Experiencias a favor da transparencia e o acceso. Actas das I Xornadas Olga Galego de Arquivos. A Coruña: Fundación Olga Galego.
  • Arcay Barral, Ángel (2015). O uso do software libre na Rede Museística Provincial de Lugo: A creación do arquivo dixital do Museo Provincial de Lugo con ICA-AtoM - Actas do IV Congreso de Software Libre. Santiago de Compostela: Instituto Galego de Ciencia.