Arato de Solos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arato de Solos
Nacementoc. 315 a. C.
Lugar de nacementoSolos
Falecementoc. 240 a. C.
Ocupaciónpoeta, astrónomo e escritor
IrmánsAtenodoro de Solos
Coñecido porPhaenomena
Na rede
Bitraga: 2420
editar datos en Wikidata ]

Arato (en grego Ἄρατος), nado en Solos (Cilicia) o -310 e finado o -240, foi un escritor grego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Phaenomena

Compuxo o seu poema máis famoso, Fenómenos (Φαινόμενα), na corte macedónica de Antígono II Gónatas e concluíuno cara ao 275 a.C. Escribiu outros poemas eruditos, algúns de tema médico, hoxe perdidos. Gozou dunha gran reputación entre os alexandrinos primeiro e entre os romanos despois. O mesmo Calímaco celebrouno nun fermoso epigrama, e moitos outros o mencionaron eloxiosamente, como un mestre desa poesía astronómica, estelar nos seus temas e luminosa nos seus versos.

Os Fenómenos son o máis refulxente e sonado produto helenístico da poesía didáctico-astronómica. É dicir, pertence a un xénero de poesía que atopa xa en Hesíodo o seu mestre máis antigo, e que tivo notábeis practicantes no mundo antigo. No ámbito latino cómpre lembrar que as Xeórxicas de Virxilio se encadran nese mesmo carreiro literario. Nalgo máis de mil hexámetros (1154 exactamente), Arato de Solos, poeta docto onde os haxa, descríbenos o alto firmamento e as súas constelacións en versos de resonancias homéricas.

Xa Aristóteles dedica unhas liñas a distinguir a poesía didáctica (de tema médico ou físico) da verdadeira épica, aínda que ambos os xéneros se expresen no mesmo metro, en hexámetros[1].

Como no De rerum natura de Lucrecio, latexa no poema erudito sobre o ceo de Arato unha emoción relixiosa e unha cosmovisión filosófica estoica, mentres que destella nas súas imaxes unha polícroma e refinada mitoloxía. É unha magnífica e pintoresca mostra desa poesía alexandrina recargada de erudición e, doutra banda, sustentada nun sólido saber astronómico, en voga no seu tempo.

É unha poesía cun vocabulario poético arcaizante e homérico, pero, á vez, innovadora dentro desa lingua épica de tan longa tradición, ao introducir expresións moi do seu tempo e a súa visión cósmica.

Suscitou ao longo da historia numerosos comentarios. Ao latín traduciuse en repetidas ocasións e por ilustres autores (Marco Tulio Cicerón, Varrón, Atacino, Ovidio, e Avieno). O seu prestixio perviviu na Alta Idade Media no curiosísimo Aratus Latinus de época merovinxia. Foi un texto moi lido no Renacemento.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1447b, Poética

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Arato/ Gémino (1993). Fenómenos/ Introducción a los fenómenos. Tradución e introdución de Esteban Calderón Dorda. Editorial Gredos. Madrid. ISBN 978-84-249-1612-1. / Gémino (1993).
  • Pereiro Pardo, A. (2000). Estudio léxico de los verbos que expresan el orto de los astros en los Fenómenos, de Arato. Actas do X Congreso Español de Estudos Clásicos (21-25 de setembro de 1999), volume I. Coord. por Emilio Crespo e María José Barrios Castro. Madrid, SEEC. ISBN 84-7882-451-0. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]