Altea
Altea | |||
---|---|---|---|
Localización | |||
País | España | ||
Comunidade autónoma | País Valenciano | ||
Provincia | Alacant | ||
Comarca | Marina Baixa | ||
Xeografía | |||
Altitude | 86 msnm | ||
Superficie | 327,07 km² | ||
Demografía | |||
Poboación | 22.648 hab. (2008) | ||
Densidade | 657,8 hab./km² | ||
Xentilicio | Alteán/na | ||
Outros datos | |||
Código postal | 03590 | ||
Alcalde | Andrés Ripoll Llorens (PSPV) | ||
www.altea.es |
Altea é unha poboación e un concello valenciano da comarca da Marina Baixa, na costa da provincia de Alacant. O municipio tiña 22.648 habitantes en 2007, sobre unha área superficial de 34,40 km².
Límites[editar | editar a fonte]
O concello de Altea linda cos de L'Alfàs del Pi, La Nucia e Callosa d'en Sarrià (na Marina Baixa) e con Calp, Benissa e Xaló (na Marina Alta).
Historia[editar | editar a fonte]
As primeiras noticias de poboamento na zona veñen dadas polos depósitos arqueolóxicos da cultura ibera e dos romanos que se acharon no termo, así como dos restos dun acueduto romano denominado “Els Arcs” (Os Arcos). Durante a época musulmá a poboación medrou nos arredores do Río de Algar (ou da Salut), nos que se formaron as "alcarías" (casais) de Albalat, Beniasquer e Benimussa, citados no Llibre del Repartiment (Libro do Repartimento); politicamente pertenceu á taifa de Dénia, conquistada polo rei Xaime I de Aragón en 1244. Repoboada con cristiáns cataláns, obtivo carta de poboación en 1279 consonte ao foral de Valencia.
A torre de Bellaguarda, non lonxe do río, protexía no século XV un poboado (identificado coa actual Altea la Vella), asentado ao pé da serra de Bèrnia. Cara a metade do século aparece o "locum et castrum" de Altea sobre o poder xurisdicional da baronía de Calp, Teulada e Benissa, cando o titular, Francesc de Palafox, desexou reedificalo e fortalecelo. Así nas Cortes valencianas de 1604 dise que o señor da baronía "ha fet una vila nomenada Altea, cercant-la ... en la qual està comprès lo castell nomenat de Altea, olim de Bellaguarda" (fixo unha vila nomeda Altea, cercándoa, na cal está comprendido o castelo dito de Altea ou de Bellaguarda). No 1617, Jaume de Palafox outorga escritura de nova poboación, pola que cede os dereitos da propiedade útil en enfiteuse a 48 familias. É a nova e actual vila de Altea, cun "asiento en la pendiente de un montecillo, a modo de una piña". En 1705 a baía de Altea acolle a escuadra angloneerlandesa, e o reitor Martí Morales e máis o vigairo Jaume Ripoll, xunto coa veciñanza, apoian o desembarco de Basset e doutros seguidores do arquiduque Carlos. Altea facilitou así a toma de Dénia e de Valencia. O século XVIII marca a auxe agrícola, pesqueira, comercial e demográfica, acabando a centuria con 5.000 habitantes. En dito século, polo menos trescentos alteáns servían na mariña real. Durante o XIX a vida oficial e comercial trasladouse para o núcleo urbano próximo do mar, que se consolidou no século XX.
Demografía e economía[editar | editar a fonte]
A poboación, 22.648 habitantes en 2007, está repartida entre os 3 núcleos que hai no seu termo, de 34,4 km²: Altea, Altea la Vella e L’Olla. A agricultura, cítricos e nespereiras e a pesca de arrastre constituíron a base da súa economía, pero desde os anos da década de 1950, o turismo impulsou o crecemento, e converteuse no factor económico máis importante.
Xeografía[editar | editar a fonte]
Altea está asentada nunha baía, que cerran a Punta de Albir e o Morro Toix, protexida pola serra de Bèrnia. Ofrece un casco antigo aínda abondo conservado que foi refuxio de artistas e intelectuais. A costa posúe praias de grava e cantís de grande encanto paisaxístico. O río do Algar atravesa e rega o municipio; a Serra Gelada co faro de Altea; a cima de Bèrnia (1.121 m); os illotes de Pila e da Olla; as praias da Olla; Cap Negret, coa Cova del Frare, o Portet e a Cala del Soio; as calas da Roda e a de Cap Blanc. A 3 km sitúase Altea la Vella.
Edificios de interese[editar | editar a fonte]
A poboación estivo amurallada e posúe un castelo, mais o crecemento urbanístico non deixou case restos visíbeis. O mesmo sucedeu en Altea la Vella, que tiña un pequeno castelo, coñecido como o Castellet do que non fica nada.
O patrimonio artístico presenta:
- Igrexa da Mare de Déu del Consol (Nosa Señota da Consolación), con cúpula de cerámica azul e branca, que orixina unha das postais máis coñecidas da Marina.
- Torre de Bellaguarda, torre vixía construída no século XVI, hoxe rehabilitada.
- Torre Galera, outra torre vixía, de planta circular, actualmente reformada e de propiedade particular.
- Mosteiro da Olla.
- San Francisco.
- Santa Ana, en Altea la Vella.
- Museo Kritikian de Ciencias Naturais.
- Museo Ramón Navarro.
- Museo Rocafort (Museo do automóbil)
- Pazo das Artes de Altea - Museo étnico da música
- Campus de Belas Artes da Universidade Miguel Hernández.
Gastronomía[editar | editar a fonte]
A gastronomía de Altea baséase no arroz, presentado a banda, en caldeiro, ao forno, con fabas e polbo (amb fesols i polp), empedrado. Como cabe a unha vila mariñeira e mediterránea, o marisco e o peixe, preséntanse en fritido ou grellado ou na especialidade da zona, "el cruet".
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Altea ![]() |
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Altea, praias e turismo en Altea-Alacant
- Páxina web do Concello de AlteaArquivado 24 de outubro de 2020 en Wayback Machine.