Alpinche

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monumento na cidade de Ourense en homenaxe a Estanislao Reverter, Antonio Colemán e o Alpinche.

O Alpinche (acrónimo de Alpine e Porsche) é un vehículo deportivo construído polo piloto e mecánico galego Estanislao Reverter no seu taller mecánico de Ourense en 1971, mesturando a carrozaría dun Alpine A110 e o motor dun Porsche 911 R. Gañou varias probas na primeira metade da década de 1970 e converteuse nun dos coches máis célebres da historia do automobilismo galego.[1] Quedou desfeito nun accidente de Beny Fernández no Rally do Sherry de 1975 e foi restaurado case medio século despois, sendo na actualidade un automóbil de exhibición.

Historia[editar | editar a fonte]

Detalle no monumento da cidade de Ourense.

O Alpinche naceu tralo Rally de Ourense de 1970, no que o piloto ourensán José Pavón corría cun Porsche 911 R propiedade de Estanislao Reverter. Cando lideraba a proba, sufriu un accidente no treito da Baixada do Rodicio, quedando o vehículo desfeito.[2] Reverter conseguiu salvar o motor do Porsche, un bóxer de 6 cilindros con 220 CV, e instalouno no compartimento dun Alpine A110. Colocoulle uns deflectores nas aletas das rodas dianteiras para evitar que o morro se erguese e pintouno de cor laranxa cunha banda central azul e branca en referencia á bandeira de Galicia.[2]

Decidiu estrear o novo vehículo no Rally Rías Baixas de 1971 e estivo a piques de non poder facelo debido a un incendio que se orixinou no seu taller de Ourense uns días antes da proba. Con todo, conseguiu apagalo el mesmo e aínda con queimaduras na cara presentouse para disputar o rally. Bautizado co nome de REALPOR (acrónimo de Reverter, Alpine e Porsche), axiña comezou a ser coñecido entre os afeccionados como Alpinche (Alpine+Porsche). Afectado polas queimaduras e con Eloy Rodríguez como copiloto, Reverter conseguiu subir ao podio no debut do Alpinche, na terceira posición, a case un minuto e medio do Porsche 911 S de Eladio Doncel.[3] O Alpinche participou en varias probas máis do Campionato de España dese ano, subindo ao podio no Rally Cidade de Oviedo, no Rally Bosch e no Rally RACE de España, esta última proba puntuable tamén para o Campionato Europeo na que saíron vencedores os franceses Jean-Pierre Nicolas e Jean Todt.

Durante os seguintes anos o Alpinche foi sometido a diferentes modificacións e substituíuselle dúas veces o motor, pasando a montar un motor de 2.4 litros e máis tarde un de 2.7 litros e 280 cabalos de potencia. Ademais, para evitar as roturas dos palieres, instaláronselle pezas de Land Rover.[4]

A primeira vitoria do Alpinche chegou no Critérium Luis de Baviera de Madrid de 1972, conducido por Reverter e copilotado por Francisco González "Facas". A parella chegou á meta por diante do Alpine A110 1600 de Juan Carlos García de la Rasilla e Ignacio Lewin e do Renault R8 de Lucas Sainz e Juan Carlos Oñoro.[5] Tres meses despois conseguiu gañar tamén no Rías Baixas, por diante do SEAT 124 de Salvador Cañellas e do Porsche 911 de Marc Etchebers, antes de lograr unha terceira vitoria na tempada no Rally Cidade de Oviedo.[5] Na tempada 1973 volveu gañar o Rally Rías Baixas e quedou segundo segundo no Rally RACE de España e terceiro no 500 Km Nocturnos de Alacant, nos tres casos pilotado por "Lalao" Reverter e copilotado polo seu sobriño Tucho.[6][7]

Detalle do monumento da cidade de Ourense.

En 1974 Reverter conseguiu un novo podio co Alpinche no Critérium Luis de Baviera e en 1975 gañou o Rally dos Pazos, a proba inaugural da primeira edición do Campionato Galego de Automobilismo.[8] A continuación gañou tamén na Subida a Manzaneda e na Subida a Almofrei.[9][10] Uns días despois da vitoria en Almofrei, o Alpinche conducido por Reverter e José Luis Sala sufriu un accidente no Rally Vasco Navarro, ao voar nun cambio de rasante e caer sobre varios vehículos aparcados. Tralo accidente o morro do vehículo foi reconstruído ao estilo dos Ligier do Campionato mundial de resistencia.[2]

A pesar do seu éxito fóra da súa cidade "natal", o Alpinche non competira nunca no Rally de Ourense, debido a que Estanislao Reverter era tamén o director da carreira. Con todo, en 1975, o coche disputou finalmente a histórica proba ourensá, conducido polo vigués Beny Fernández, e conseguiu a vitoria nun dos treitos, pero tivo que abandonar polas penalizacións recibidas ao cambiar o embrague.[11] Unha semana despois, o mesmo Beny gañou a Subida á Estrada, na que foi a última vitoria na vida do Alpinche.[12] A continuación disputou tamén a Subida a Chantada e a Subida a Vincios.

En setembro de 1975, Beny Fernández saíuse da estrada no primeiro treito do Rally do Sherry, na provincia de Cádiz, e o Alpinche quedou desfeito.[2] Os seus restos permaneceron nunha nave durante as seguintes catro décadas, ata que en 2015 a Fundación Estanislao Reverter iniciou unha campaña co fin de recadar fondos para a súa restauración, completándose esta en 2022.[4][13] Así, o 21 de abril de 2022 presentouse publicamente na Praza Maior de Ourense o automóbil restaurado, que dende entón é exhibido no Museo Estanislao Reverter, así como en diferentes probas automobilísticas de Galicia.[14][13][15]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "O Alpinche "un coche de tendencia é vangarda unha autentica obra de arte"". 30 de decembro de 2023. Consultado o 30 de decembro de 2023. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Historia del Alpinche". estanislaoreverter.com (en castelán). Consultado o 30 de decembro de 2023. 
  3. "Eladio Doncel venció en el IX Rallye de las Rías Bajas". Mundo Deportivo (en castelán). 14 de agosto de 1971. p. 11. Consultado o 30 de decembro de 2023. 
  4. 4,0 4,1 "Dossier de restauración do Alpinche" (PDF). estanislaoreverter.com (en castelán). Consultado o 31 de decembro de 2023. 
  5. 5,0 5,1 "Clasificacións Campionato de España 1972" (PDF). Real Federación Española de Automobilismo (en castelán). Consultado o 31 de decembro de 2023. 
  6. "Clasificacións Campionatos de España 1973" (PDF). Real Federación Española de Automobilismo (en castelán). Consultado o 31 de decembro de 2023. 
  7. "Lalao y Tucho Reverter, vencedores del X Rally Rías Bajas". La Región (en castelán). 13 de agosto de 2022. Consultado o 31 de decembro de 2023. 
  8. "Ganó Reverter". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de febreiro de 1975. p. 37. 
  9. "Reverter confirmó el pronóstico". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de febreiro de 1975. p. 40. 
  10. "Estanislao Reverter, primero en la IV «Subída al Almofrey»". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de abril de 1975. p. 36. 
  11. "Etchebers, vencedor absoluto del Rallye Internacional de Orense". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de xuño de 1975. p. 57. 
  12. Figueiredo Pérez, Javier; Martínez Piñeiro, Jesús. "Historia de la Subida automovilística a A Estrada" (PDF). aestrada.gal (en castelán). Consultado o 31 de decembro de 2023. 
  13. 13,0 13,1 H. Cachalvite, Andrés (21 de abril de 2022). "El Alpinche: Una obra de arte que vuelve a rugir en Ourense". La Región (en castelán). Consultado o 31 de decembro de 2023. 
  14. "O mítico Alpinche de Estanislao Reverter volve funcionar logo de 47 anos, tras unha traballosa restauración". Televisión de Galicia. 22 de abril de 2022. Consultado o 31 de decembro de 2023. 
  15. Portabales, Pablo (29 de setembro de 2023). "El Alpinche, como este coche no hay otro en el mundo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 31 de decembro de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]