Alemáns do Báltico
Alemáns do Báltico | |
---|---|
Poboación | |
Poboación total: ~ 5 100 | |
Rexións principais: | |
Estonia | 2 570 |
Letonia | 2 554 |
Aspectos culturais | |
Lingua | Baixo alemán, alto alemán |
Relixión | Luteranismo (a maioría) e catolicismo[1][2] |
Grupos relacionados | Pobos xermánicos |
Os alemáns do Báltico (en alemán: Deutsch-Balten ou Baltendeutsche) eran alemáns étnicos que habitaron na costa oriental do mar Báltico, en territorios que hoxe conforman os países de Estonia e Letonia.
Ao longo dos seus 700 anos de historia, as familias dos alemáns do Báltico tiñan, obviamente, raíces étnicas alemás, pero tamén casaron con estonianos, livonios e letóns, así como con outros pobos do norte ou do centro de Europa, como daneses, suecos, irlandeses, ingleses, escoceses, polacos, húngaros e neerlandeses. Nos casos nos que se producían matrimonios mixtos, os membros dos demais grupos étnicos asimilaban con frecuencia á cultura alemá, adoptando a lingua, os costumes e os nomes de familia alemáns. Daquela eran considerados alemáns, o que levou á etnoxénese dos alemáns bálticos.[3]
Os alemáns bálticos formaron a elite comercial, política e cultural desta rexión durante varios séculos, e incluso varios deles desempeñaron altos cargos na vida militar e civil do Imperio ruso, especialmente en San Petersburgo.
Desde o seu reasentamento forzado en 1939, os alemáns bálticos diminuíron notabelmente como un grupo étnico determinado xeograficamente.[4]
Asentamento, desenvolvemento e apoxeo
[editar | editar a fonte]Nos séculos XII e XIII, xusto antes das cruzadas bálticas, comezaron a chegar daneses aos territorios bálticos, seguidos case exclusivamente por alemáns católicos, tanto colonos (véxase Ostsiedlung) como cruzados.[5] Despois das cruzadas bálticas na rexión de Livonia e, tras a vitoria final dos cruzados sobre os pobos bálticos, non só empezou un programa acelerado de cristianización para os pobos nativos, senón que, ademais, os cruzados alemáns e os colonos xermanos que lles seguiran tomaron rapidamente o control de todas as administracións da rexión.
Este dominio dos colonos alemáns estendeduse ás áreas política, económica (Riga e Tallin foron integradas na Liga Hanseática), educativa (como a Universidade de Tartu) e cultural de todas estas rexións durante máis de 700 anos,[6] Até 1918, a pesar de ter sido os alemáns étnicos un grupo minoritario que alcanzaba só o 10 % da poboación total da rexión báltica a finais da Idade Media.
A maioría dos núcleos urbanos foron colonizados por comerciantes alemáns, pero os cruzados alemáns e os seus descendentes pronto adquiriron grandes leiras rurais, constituíndo un verdadeiro sistema feudal análogo ao do resto de Europa, onde a aristocracia terratenente de orixe alemá dominaba a vida política e económica, mentres que os nativos de orixe estonia e letoa mantíñanse como servos, comerciantes ou pequenos artesáns nas zonas urbanas.
Nas áreas rurais, a abafadora maioría dos estonios e letóns vivían como campesiños subordinados á aristocracia alemá, aínda que existían terratenentes nativos de menor riqueza. Exemplos desta situación de predominio alemán son o castelo dos cruzados de Kokenhusen en Livonia e o Schloss Doblen (ruinoso no século XIX, cando se construíu unha nova "Casa de campo", a Vila Todleben) e a mansión de Postenden, ambos os dous en Curlandia. Co declive do latín tras a Reforma protestante de inicios do século XVI, o alemán rapidamente pasou a ser a lingua oficial de todos os documentos oficiais, o comercio e os asuntos de goberno nos territorios estonios e letóns durante centos de anos, até 1919.
A pesar de estar politicamente subordinados ao Imperio sueco desde 1530 até 1710, e a os tsares do Imperio ruso desde 1711 até 1917, ambos os gobernos sucesivos garantiron aos alemáns do Báltico os privilexios de clase e os dereitos especiais de administración cando incorporaron as provincias bálticas aos seus respectivos imperios. Incluso durante os anos da Rusia tsarista, os alemáns bálticos de orixe aristocrática destacaron como militares, mariños e funcionarios da administración pública ao servizo do réxime imperial, asimilándose á alta burocracia gobernativa mediante títulos nobiliarios rusos mentres conservaban, porén, a súa identidade cultural.
Os estonios e letóns do Báltico, que sempre constituíron a maioría da poboación, tiñan dereitos e privilexios restrinxidos e residían especialmente nas zonas rurais como servos, comerciantes ou como servintes en fogares urbanos, mentres que a minoría alemá residía principalmente nas cidades. Como exemplo pódese citar que na cidade letoa de Riga, o 46,7 % da súa poboación en 1867 eran alemáns étnicos.[7] A existencia dunha gran masa de estonios e letóns no campo, subordinada a unha aristocracia alemá instalada nas cidades, estaba en consoancia co réxime social do Imperio ruso, e durou até ben entrado o Século XIX, cando a abolición da servidume en Rusia trouxo máis dereitos e liberdades políticas a estonios e letóns, co consiguiente rexurdimiento do seu nacionalismo.
A fin da servidume en 1863 causou unha migración de letóns e estonios aos centros urbanos, logrando en pouco tempo maior poder económico e influencia social suficiente para desafiar a primacía da aristocracia alemá, que mantiña un predominio social desproporcionado co seu número de membros.
A poboación alemá do Báltico nunca superou máis do 10 % da poboación total:[8]
En 1881, calcúlase que vivían aproximadamente 46 700 alemáns étnicos en toda a provincia rusa de Estonia (Gobernorato de Estonia), só o 5,3 % da poboación.[9]
E o censo oficial do Imperio ruso de 1897 determinou que vivían 120 191 alemáns étnicos en Letonia (Gobernoratos de Livonia e Curlandia), formando o 6,2 % da poboación.[10]
A autonomía cultural dos alemáns étnicos foi cuestionada e reducida a partir de 1881 pola política de rusificación impulsada polo tsar Alexandre III, pola cal se impuxo a educación exclusiva en ruso para todos os niveis e o emprego obrigatorio de dito idioma en toda a administración e a burocracia do Imperio, sen importar cal fora a lingua nativa da poboación administrada. Certamente os estonios e os letóns víronse prexudicados culturalmente con ditas políticas, pero os alemáns bálticos recibíronas con maior rexeitamento, pois até ese ano (1881) gozaban dun réxime que lles permitía usar o idioma alemán como idioma oficial de facto das provincias bálticas.
Pese a isto, a rusificación oficial non prexudicou o poder e a influencia que exercían os alemáns do Báltico na política e a economía do Imperio ruso, nin o seu dominio social en Estonia e Letonia.
De todos modos, o estalido da primeira guerra mundial en 1914 causou novos problemas aos alemáns de Rusia en xeral, ao seren sospeitosos de deslealdade ou pouco patriotismo para enfrontarse ao Imperio alemán; porén, a gran maioría dos alemáns Bálticos, amparados na súa posición social, evitaron persecucións activas do réxime tsarista.
A influencia social e económica dos alemáns bálticos chegou ao seu fin coa desaparición do Imperio ruso (debido á revolución rusa de 1917), e a independencia de Estonia e Letonia en 1918 e 1919, respectivamente, cuxos gobernos republicanos eliminaron todo trato preferencial cara á minoría étnica alemá, ademais de abolir os privilexios da aristocracia e repartir as leiras dos terratenentes alemáns fuxidos entre pequenos propietarios letóns ou estonios.
Despois de 1920, a maioría dos alemáns do Báltico víronse obrigados a emigrar cara a Alemaña, aínda que lles resultaba practicamente un país case tan estraño a eles como calquera outro, excepto polo idioma que falaban, mentres que outros decidiron quedar como cidadáns comúns nos novos países independentes acabados de formar.
Nas novas repúblicas de Estonia e Letonia, os alemáns étnicos puideron reconstruír a súa vida cultural con relativa facilidade, pero o seu número total se reducira moito desde o censo de 1897: antes da segunda guerra mundial os alemáns de Estonia sumaban apenas o 1,6 % da poboación, mentres que en Letonia constituían só o 3,3 %. Así mesmo, o seu poder e influencia política en ambos os países case desaparecera ao ser substituídos por novas elites nativas.
Emigración e desaparición
[editar | editar a fonte]Tras o golpe de Estado de 1934 en Letonia e a posterior política de letonización seguida polo réxime do presidente Kārlis Ulmanis, a influencia política e económica dos alemáns étnicos letóns extinguise por completo, dando forza á opción de emigrar a Alemaña. A historia e presenza dos alemáns no Báltico chegou a un final abrupto a finais de 1939, tras a sinatura do Pacto Ribbentrop-Molotov e a posterior transferencia de poboación nazi-soviética.
O Terceiro Reich ofreceu aos alemáns do Báltico residentes en Estonia, Letonia e Lituania unha repatriación masiva para colonizar con eles as áreas que Alemaña conquistara coa invasión do oeste de Polonia, nas rexións de Białystok e Suwałki (rebautizadas colectivamente como Reichsgau de Wartheland, ou Wartheland, polos nazis).
Despois de que a URSS invadira os países bálticos en xuño de 1940, os alemáns aínda residentes alí aceleraron a súa emigración cara a Alemaña cando se lles ofreceu de novo esta posibilidade en xaneiro de 1941, aproveitando os acordos de transferencia de poboación entre Alemaña e a URSS, segundo os cales as autoridades soviéticas permitirían libremente que os civís alemáns emigrasen (opción prohibida a estonios, letóns e lituanos). Porén, desta vez os alemáns do Báltico foron recibidos con sospeitas polo réxime nazi tras ter rexeditado a primeira oferta de emigración proposta por Hitler en novembro de 1939.
Cando Alemaña lanzou a Operación Barbarossa contra a URSS en xuño de 1941, os alemáns aínda residentes en Estonia e Letonia, agora baixo control soviético, foron arrestados e deportados maioritariamente a Siberia como "estranxeiros inimigos", e correron a mesma sorte que os demais alemáns de Rusia. Moitos dos alemáns do Báltico "repatriados" polos nazis desde fins de 1939 a inicios de 1941 foron repentinamente enviados de volta aos territorios bálticos a inicios de 1942, como parte do proxecto dirixido polo Terceiro Reich para a colonización por alemáns das zonas ocupadas da Unión Soviética. Esta "repoboación" non durou moit debido á ofensivas do Exército Vermello e, a mediados de 1944, os alemáns Bálticos retornados ao Leste polos nazis deberon ser evacuados caoticamente cara ao Oeste para dirixirse definitivamente a Alemaña, abandonando para sempre o seu lugar de orixe.
A reanexión soviética dos países bálticos tras a segunda guerra mundial determinou que as autoridades da URSS eliminaran calquera rastro cultural e humano da antiga presenza alemá en Estonia e Letonia: os bens dos alemáns Bálticos foron confiscados polo Estado soviético, monumentos construídos por alemáns foron destruídos deliberadamente polas autoridades soviéticas ou permitiuse intencionadamente a súa deterioración. Incluso placas e inscricións en idioma alemán foron tamén suprimidas de sitios públicos, os libros e textos impresos en alemán foron así mesmo destruídos masivamente, e igualmente prohibiuse o uso da lengua alemá. Os textos académicos e documentos públicos foron purgados pola censura soviética para suprimir mencións da influencia dos alemáns do Báltico na historia e a cultura de Estonia e Letonia.
Gran parte dos descendentes actuais dos alemáns do Báltico asentáronse maiormente na Alemaña Occidental tras a segunda guerra mundial, aínda que outros emigraron novamente; no día de hoxe estes descendentes pódense encontrar en diversos lugares do mundo, e os maiores grupos están en Alemaña e o Canadá. Así mesmo, moitos alemáns do Báltico emigraron a América do Sur, onde se estableceron principalmente na Arxentina e o Brasil.
Legado
[editar | editar a fonte]Non foi até 1991, co independencia dos Estados bálticos, cando os gobernos destes recoñeceron oficialmente a presenza humana e cultural dos alemánes étnicos nos seus países, así como a súa influencia histórica. Simultaneamente, as asociacións de alemáns do Báltico e os seus descendentes renunciaban formalmente a toda reclamación contra os novos Estados polos bens perdidos durante o dominio da URSS; desde entón logrouse a restauración de edificios e monumentos dos alemáns bálticos en Estonia, Letonia e Lituania.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Segundo Gerhard Reichling, dos 250 000 alemáns deportados dos estados bálticos na fuga e expulsión dos alemáns, 239 000 eran protestantes e 8 000 católicos
- ↑ Gerhard Reichling (1995): Die deutschen Vertriebenen in Zahlen, part 1. Bonn: Kulturstiftung der deutschen Vertriebenen. ISNB 978-3-8855-7046-2, p. 8.
- ↑ "Deutschbalten, im 19.Jh. entstandene Bez. fÜr die dt. Bewohner der Ostseeprovinzen des Russ. Reiches, der spÄteren Staaten Estland und Lettland" Arquivado 12 de outubro de 2016 en Wayback Machine.. Web.archive.org.
- ↑ Miljan, Toivo (2004): Historical Dictionary of Estonia. Lanham-Seabrook, Maryland: Scarecrow Press. ISBN 978-0-8108-4904-4, p. 121.
- ↑ Christiansen, Eric (1980): The Northern Crusades: The Baltic and the Catholic Frontier 1100–1525. Minneapolis: University of Minnesota Press. ISBN 978-0-8166-0994-9.
- ↑ "Deutschbalten, im 19.Jh. entstandene Bez. fÜr die dt. Bewohner der Ostseeprovinzen des Russ. Reiches, der spÄteren Staaten Estland und Lettland" Arquivado 12 de outubro de 2016 en Wayback Machine.. Web.archive.org. Arquivado do orixinal o 12 de outubro de 2016. Consultado o 24 de outubrol de 1022.
- ↑ "National History Museum of Latvia". Lnvm.lv. Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ "Baltic states | History, Map, People, Independence, & Facts". Encyclopedia Britannica:
- ↑ Baltic Germans in Estonia, Estonian Institute einst.ee.
- ↑ "Latvia - Population". countrystudies.us.