Alemáns do Báltico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alemáns do Báltico
Poboación
Poboación total:
~ 5 100
Rexións principais:
Estonia Estonia2 570
 Letonia2 554
Aspectos culturais
LinguaBaixo alemán, alto alemán
RelixiónLuteranismo (a maioría) e catolicismo[1][2]
Grupos
relacionados
Pobos xermánicos

Os alemáns do Báltico (en alemán: Deutsch-Balten ou Baltendeutsche) eran alemáns étnicos que habitaron na costa oriental do mar Báltico, en territorios que hoxe conforman os países de Estonia e Letonia.

Ao longo dos seus 700 anos de historia, as familias dos alemáns do Báltico tiñan, obviamente, raíces étnicas alemás, pero tamén casaron con estonianos, livonios e letóns, así como con outros pobos do norte ou do centro de Europa, como daneses, suecos, irlandeses, ingleses, escoceses, polacos, húngaros e neerlandeses. Nos casos nos que se producían matrimonios mixtos, os membros dos demais grupos étnicos asimilaban con frecuencia á cultura alemá, adoptando a lingua, os costumes e os nomes de familia alemáns. Daquela eran considerados alemáns, o que levou á etnoxénese dos alemáns bálticos.[3]

Os alemáns bálticos formaron a elite comercial, política e cultural desta rexión durante varios séculos, e incluso varios deles desempeñaron altos cargos na vida militar e civil do Imperio ruso, especialmente en San Petersburgo.

Desde o seu reasentamento forzado en 1939, os alemáns bálticos diminuíron notabelmente como un grupo étnico determinado xeograficamente.[4]

Asentamento, desenvolvemento e apoxeo[editar | editar a fonte]

Bandeira dos alemáns do Báltico, hoxe cores da cidade de Riga
Vista de Riga, nun gravado alemán do S. XVI
Universidade de Tartu, de fala alemá, en 1860
Pontus Brevern-de la Gardie e a súa familia en 1860

Nos séculos XII e XIII, xusto antes das cruzadas bálticas, comezaron a chegar daneses aos territorios bálticos, seguidos case exclusivamente por alemáns católicos, tanto colonos (véxase Ostsiedlung) como cruzados.[5] Despois das cruzadas bálticas na rexión de Livonia e, tras a vitoria final dos cruzados sobre os pobos bálticos, non só empezou un programa acelerado de cristianización para os pobos nativos, senón que, ademais, os cruzados alemáns e os colonos xermanos que lles seguiran tomaron rapidamente o control de todas as administracións da rexión.

Este dominio dos colonos alemáns estendeduse ás áreas política, económica (Riga e Tallin foron integradas na Liga Hanseática), educativa (como a Universidade de Tartu) e cultural de todas estas rexións durante máis de 700 anos,[6] Até 1918, a pesar de ter sido os alemáns étnicos un grupo minoritario que alcanzaba só o 10 % da poboación total da rexión báltica a finais da Idade Media.

A maioría dos núcleos urbanos foron colonizados por comerciantes alemáns, pero os cruzados alemáns e os seus descendentes pronto adquiriron grandes leiras rurais, constituíndo un verdadeiro sistema feudal análogo ao do resto de Europa, onde a aristocracia terratenente de orixe alemá dominaba a vida política e económica, mentres que os nativos de orixe estonia e letoa mantíñanse como servos, comerciantes ou pequenos artesáns nas zonas urbanas.

Nas áreas rurais, a abafadora maioría dos estonios e letóns vivían como campesiños subordinados á aristocracia alemá, aínda que existían terratenentes nativos de menor riqueza. Exemplos desta situación de predominio alemán son o castelo dos cruzados de Kokenhusen en Livonia e o Schloss Doblen (ruinoso no século XIX, cando se construíu unha nova "Casa de campo", a Vila Todleben) e a mansión de Postenden, ambos os dous en Curlandia. Co declive do latín tras a Reforma protestante de inicios do século XVI, o alemán rapidamente pasou a ser a lingua oficial de todos os documentos oficiais, o comercio e os asuntos de goberno nos territorios estonios e letóns durante centos de anos, até 1919.

A pesar de estar politicamente subordinados ao Imperio sueco desde 1530 até 1710, e a os tsares do Imperio ruso desde 1711 até 1917, ambos os gobernos sucesivos garantiron aos alemáns do Báltico os privilexios de clase e os dereitos especiais de administración cando incorporaron as provincias bálticas aos seus respectivos imperios. Incluso durante os anos da Rusia tsarista, os alemáns bálticos de orixe aristocrática destacaron como militares, mariños e funcionarios da administración pública ao servizo do réxime imperial, asimilándose á alta burocracia gobernativa mediante títulos nobiliarios rusos mentres conservaban, porén, a súa identidade cultural.

Os estonios e letóns do Báltico, que sempre constituíron a maioría da poboación, tiñan dereitos e privilexios restrinxidos e residían especialmente nas zonas rurais como servos, comerciantes ou como servintes en fogares urbanos, mentres que a minoría alemá residía principalmente nas cidades. Como exemplo pódese citar que na cidade letoa de Riga, o 46,7 % da súa poboación en 1867 eran alemáns étnicos.[7] A existencia dunha gran masa de estonios e letóns no campo, subordinada a unha aristocracia alemá instalada nas cidades, estaba en consoancia co réxime social do Imperio ruso, e durou até ben entrado o Século XIX, cando a abolición da servidume en Rusia trouxo máis dereitos e liberdades políticas a estonios e letóns, co consiguiente rexurdimiento do seu nacionalismo.

Gobernoratos de Estonia, Livonia e Curlandia, en 1835

A fin da servidume en 1863 causou unha migración de letóns e estonios aos centros urbanos, logrando en pouco tempo maior poder económico e influencia social suficiente para desafiar a primacía da aristocracia alemá, que mantiña un predominio social desproporcionado co seu número de membros.

A poboación alemá do Báltico nunca superou máis do 10 % da poboación total:[8]

En 1881, calcúlase que vivían aproximadamente 46 700 alemáns étnicos en toda a provincia rusa de Estonia (Gobernorato de Estonia), só o 5,3 % da poboación.[9]

E o censo oficial do Imperio ruso de 1897 determinou que vivían 120 191 alemáns étnicos en Letonia (Gobernoratos de Livonia e Curlandia), formando o 6,2 % da poboación.[10]

A autonomía cultural dos alemáns étnicos foi cuestionada e reducida a partir de 1881 pola política de rusificación impulsada polo tsar Alexandre III, pola cal se impuxo a educación exclusiva en ruso para todos os niveis e o emprego obrigatorio de dito idioma en toda a administración e a burocracia do Imperio, sen importar cal fora a lingua nativa da poboación administrada. Certamente os estonios e os letóns víronse prexudicados culturalmente con ditas políticas, pero os alemáns bálticos recibíronas con maior rexeitamento, pois até ese ano (1881) gozaban dun réxime que lles permitía usar o idioma alemán como idioma oficial de facto das provincias bálticas.

Pese a isto, a rusificación oficial non prexudicou o poder e a influencia que exercían os alemáns do Báltico na política e a economía do Imperio ruso, nin o seu dominio social en Estonia e Letonia.

De todos modos, o estalido da primeira guerra mundial en 1914 causou novos problemas aos alemáns de Rusia en xeral, ao seren sospeitosos de deslealdade ou pouco patriotismo para enfrontarse ao Imperio alemán; porén, a gran maioría dos alemáns Bálticos, amparados na súa posición social, evitaron persecucións activas do réxime tsarista.

A influencia social e económica dos alemáns bálticos chegou ao seu fin coa desaparición do Imperio ruso (debido á revolución rusa de 1917), e a independencia de Estonia e Letonia en 1918 e 1919, respectivamente, cuxos gobernos republicanos eliminaron todo trato preferencial cara á minoría étnica alemá, ademais de abolir os privilexios da aristocracia e repartir as leiras dos terratenentes alemáns fuxidos entre pequenos propietarios letóns ou estonios.

Despois de 1920, a maioría dos alemáns do Báltico víronse obrigados a emigrar cara a Alemaña, aínda que lles resultaba practicamente un país case tan estraño a eles como calquera outro, excepto polo idioma que falaban, mentres que outros decidiron quedar como cidadáns comúns nos novos países independentes acabados de formar.

Nas novas repúblicas de Estonia e Letonia, os alemáns étnicos puideron reconstruír a súa vida cultural con relativa facilidade, pero o seu número total se reducira moito desde o censo de 1897: antes da segunda guerra mundial os alemáns de Estonia sumaban apenas o 1,6 % da poboación, mentres que en Letonia constituían só o 3,3 %. Así mesmo, o seu poder e influencia política en ambos os países case desaparecera ao ser substituídos por novas elites nativas.

Emigración e desaparición[editar | editar a fonte]

Territorios de Polonia ocupados polo Terceiro Reich. Liñas de partición despois do 6-22-1941. En laranxa escuro, o Wartheland

Tras o golpe de Estado de 1934 en Letonia e a posterior política de letonización seguida polo réxime do presidente Kārlis Ulmanis, a influencia política e económica dos alemáns étnicos letóns extinguise por completo, dando forza á opción de emigrar a Alemaña. A historia e presenza dos alemáns no Báltico chegou a un final abrupto a finais de 1939, tras a sinatura do Pacto Ribbentrop-Molotov e a posterior transferencia de poboación nazi-soviética.

O Terceiro Reich ofreceu aos alemáns do Báltico residentes en Estonia, Letonia e Lituania unha repatriación masiva para colonizar con eles as áreas que Alemaña conquistara coa invasión do oeste de Polonia, nas rexións de Białystok e Suwałki (rebautizadas colectivamente como Reichsgau de Wartheland, ou Wartheland, polos nazis).

Despois de que a URSS invadira os países bálticos en xuño de 1940, os alemáns aínda residentes alí aceleraron a súa emigración cara a Alemaña cando se lles ofreceu de novo esta posibilidade en xaneiro de 1941, aproveitando os acordos de transferencia de poboación entre Alemaña e a URSS, segundo os cales as autoridades soviéticas permitirían libremente que os civís alemáns emigrasen (opción prohibida a estonios, letóns e lituanos). Porén, desta vez os alemáns do Báltico foron recibidos con sospeitas polo réxime nazi tras ter rexeditado a primeira oferta de emigración proposta por Hitler en novembro de 1939.

Baltenlager, campo para alemáns bálticos refuxiados baixo protección nazi en Poznan, 1940

Cando Alemaña lanzou a Operación Barbarossa contra a URSS en xuño de 1941, os alemáns aínda residentes en Estonia e Letonia, agora baixo control soviético, foron arrestados e deportados maioritariamente a Siberia como "estranxeiros inimigos", e correron a mesma sorte que os demais alemáns de Rusia. Moitos dos alemáns do Báltico "repatriados" polos nazis desde fins de 1939 a inicios de 1941 foron repentinamente enviados de volta aos territorios bálticos a inicios de 1942, como parte do proxecto dirixido polo Terceiro Reich para a colonización por alemáns das zonas ocupadas da Unión Soviética. Esta "repoboación" non durou moit debido á ofensivas do Exército Vermello e, a mediados de 1944, os alemáns Bálticos retornados ao Leste polos nazis deberon ser evacuados caoticamente cara ao Oeste para dirixirse definitivamente a Alemaña, abandonando para sempre o seu lugar de orixe.

A reanexión soviética dos países bálticos tras a segunda guerra mundial determinou que as autoridades da URSS eliminaran calquera rastro cultural e humano da antiga presenza alemá en Estonia e Letonia: os bens dos alemáns Bálticos foron confiscados polo Estado soviético, monumentos construídos por alemáns foron destruídos deliberadamente polas autoridades soviéticas ou permitiuse intencionadamente a súa deterioración. Incluso placas e inscricións en idioma alemán foron tamén suprimidas de sitios públicos, os libros e textos impresos en alemán foron así mesmo destruídos masivamente, e igualmente prohibiuse o uso da lengua alemá. Os textos académicos e documentos públicos foron purgados pola censura soviética para suprimir mencións da influencia dos alemáns do Báltico na historia e a cultura de Estonia e Letonia.

Gran parte dos descendentes actuais dos alemáns do Báltico asentáronse maiormente na Alemaña Occidental tras a segunda guerra mundial, aínda que outros emigraron novamente; no día de hoxe estes descendentes pódense encontrar en diversos lugares do mundo, e os maiores grupos están en Alemaña e o Canadá. Así mesmo, moitos alemáns do Báltico emigraron a América do Sur, onde se estableceron principalmente na Arxentina e o Brasil.

Legado[editar | editar a fonte]

Non foi até 1991, co independencia dos Estados bálticos, cando os gobernos destes recoñeceron oficialmente a presenza humana e cultural dos alemánes étnicos nos seus países, así como a súa influencia histórica. Simultaneamente, as asociacións de alemáns do Báltico e os seus descendentes renunciaban formalmente a toda reclamación contra os novos Estados polos bens perdidos durante o dominio da URSS; desde entón logrouse a restauración de edificios e monumentos dos alemáns bálticos en Estonia, Letonia e Lituania.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Segundo Gerhard Reichling, dos 250 000 alemáns deportados dos estados bálticos na fuga e expulsión dos alemáns, 239 000 eran protestantes e 8 000 católicos
  2. Gerhard Reichling (1995): Die deutschen Vertriebenen in Zahlen, part 1. Bonn: Kulturstiftung der deutschen Vertriebenen. ISNB 978-3-8855-7046-2, p. 8.
  3. "Deutschbalten, im 19.Jh. entstandene Bez. fÜr die dt. Bewohner der Ostseeprovinzen des Russ. Reiches, der spÄteren Staaten Estland und Lettland" Arquivado 12 de outubro de 2016 en Wayback Machine.. Web.archive.org.
  4. Miljan, Toivo (2004): Historical Dictionary of Estonia. Lanham-Seabrook, Maryland: Scarecrow Press. ISBN 978-0-8108-4904-4, p. 121.
  5. Christiansen, Eric (1980): The Northern Crusades: The Baltic and the Catholic Frontier 1100–1525. Minneapolis: University of Minnesota Press. ISBN 978-0-8166-0994-9.
  6. "Deutschbalten, im 19.Jh. entstandene Bez. fÜr die dt. Bewohner der Ostseeprovinzen des Russ. Reiches, der spÄteren Staaten Estland und Lettland" Arquivado 12 de outubro de 2016 en Wayback Machine.. Web.archive.org. Arquivado do orixinal o 12 de outubro de 2016. Consultado o 24 de outubrol de 1022.
  7. "National History Museum of Latvia". Lnvm.lv. Consultado o 23 de febreiro de 2022.
  8. "Baltic states | History, Map, People, Independence, & Facts". Encyclopedia Britannica:
  9. Baltic Germans in Estonia, Estonian Institute einst.ee.
  10. "Latvia - Population". countrystudies.us.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]