Adrienne Thomas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Adrienne Thomas
Adrienne Thomas 1934.jpg
Adrienne Thomas en 1934
Nacemento24 de xuño de 1897 e 28 de xuño de 1897
 Saint-Avold
Falecemento7 de novembro de 1980
 Viena
NacionalidadeAlemaña
Ocupaciónescritora e autobiógrafa
editar datos en Wikidata ]

Adrienne Thomas (pseudónimo de Hertha Strauch), nada o en Saint-Avold, Lorena (Francia) e falecida o en Viena, foi unha escritora en lingua alemá[1]. Destaca a publicación de Die Katrin wird Soldat en 1930. Na súa honra creouse o premio "Adrienne Thomas".

Biografía[editar | editar a fonte]

Xuventude na Lorena[editar | editar a fonte]

Proveniente da burguesía xudía alemá, rica e culta, Hertha Pauline Strauch[2] nada o 24 de xuño de 1897 en Saint-Avold[3], unha poboación hoxe francesa, situada na zona fronteiriza con Alemaña, e que naquela data formaba parte do territorio alemán. Os seus pais, de orixe berlinesa, tiñan un comercio onde Hertha pasou os seus primeiros anos. En 1904 foi cos seus pais a Metz, onde estes abriron un novo comercio. En 1910 comezou os seus estudos de secundaria no novo instituto feminino Höhere Mädchenschule, de Metz. Grazas ao diario que escribía[4], hoxe coñecemos que consideraba absurdo o comunitarismo da sociedade guillermina, no inicio do século XX, onde a burguesía xudía, malia estar ben integrada, se sentía rexeitada pola aristocracia prusiana.

Primeira Guerra Mundial[editar | editar a fonte]

Hertha pasou unha xuventude despreocupada, facilitada pola solvencia económica dos seus pais, e só desexaba continuar os seus estudos de canto e de teatro en Metz, pero a Primeira Guerra Mundial interrompeu brutalmente os seus proxectos. En agosto de 1914, cando tiña dezaseis anos, movida unicamente pola súa xenerosidade e o amor á patria, Hertha Strauch alistouse como voluntaria na Cruz Vermella, o que lle permitiu observar, na estación de Metz, o ir e vir incesante de trens ateigados de soldados alemáns feridos e de prisioneiros franceses[5]. Fuxindo dos bombardeos franceses, Hertha marchou de Metz en 1916, para se instalar cos seus pais en Berlín.

Período entre guerras[editar | editar a fonte]

O 29 de outubro de 1921, Hertha Strauch casou con Arthur Lesser, un dentista berlinés. Abriuse entón unha época de tranquilidade, que se pechou coa morte do seu marido dez anos despois. Hertha volveu a escribir. Quedara tan fondamente marcada polas experiencias da súa xuventude que as contou en forma de ficción, en 1930, na obra Die Katrin wird Soldat, que se traduciu ao francés dous anos despois co título de Catherine soldat[6]. O libro, escrito cunha grande sensibilidade, contrasta coa visión ríxida dos historiadores nacionalistas da época. A súa publicación en Francia, en 1932, foi prologada por Jean Giraudoux[7]. O éxito da edición fixo que posteriormente se traducise a dezaseis linguas.

Coa chegada dos nazis en 1933, comezaron as persecucións contra os escritores xudeus, marxistas e pacifistas. Os intelectuais xudeus declaráronse axiña "non alemáns" e prohibíronse as súas obras. O 10 de maio de 1933, Die Katrin wird Soldat pasou a figurar na lista negra do partido nacionalsocialista, que contaba con outros vinte e catro autores. Ademais de prohibida, a obra foi incluída en queimas de libros[8]. Die Katrin wird Soldat tense por un dos libros máis inconformistas dos anos trinta.

Alarmada polo antisemitismo do Terceiro Reich, Hertha Strauch emigra a Francia en 1933, e o ano seguinte a Suíza, onde conclúe a súa segunda novela Dreiviertel Neugier. O mesmo ano instálase en Austria, pero o Anschluss de 1938 obrígaa a retomar a súa vida errante por Europa. E en París é arrestada en 1939, xa que a súa cidadanía alemá a facía sospeitosa[9].

Segunda Guerra Mundial[editar | editar a fonte]

Hertha foi internada no campo de Gurs, nos Pireneos[10], en maio de 1940. Esta experiencia dolorosa permitiulle descubrir a solidariedade da cadea, especialmente cos republicanos españois que tamén estaban encarcerados. En decembro do mesmo ano logra fuxir aos Estados Unidos coa axuda do Emergency Rescue Committee. En 1941, Hertha Strauch casa con Julius Deutsch, un socialista austríaco veterano da Guerra Civil Española, fundador da liga de defensa socialdemócrata e líder da sublevación de Viena en 1934. Hertha contará máis tarde, sempre baixo unha forma novelada, unha parte da súa experiencia no exilio, nas súas obras Reisen Sie ab, Mademoiselle! (1944), Une fenêtre sur East River (1945) e Da und Dort (1950).

Despois da guerra[editar | editar a fonte]

A parella volve a Austria en 1947[11]. Hertha tivo entón a oportunidade de volver a estar en Metz e no val de Moselle, o seu "Heimat", que describira cunha morriña tinguida de amargura. Logo de se instalar definitivamente en Austria, continuou escribindo e publicando, ata o seu falecemento nesa cidade, o 7 novembro de 1980, deixando varias obras inacabadas.

Lembranza e legado[editar | editar a fonte]

Saída da pasaxe subterránea "Adrienne Thomas" na estación de Metz

Autora doutras numerosas obras, Hertha Strauch é unha figura importante do humanismo e do pacifismo en Europa, na estela literaria de Romain Rolland ou de Roger Martin du Gard. Malia honrarse a súa memoria en Austria despois da súa morte, Adrienne Thomas sufriu un certo esquecemento en Lorena e en Francia. Para algúns estudosos, ten a imaxe dos franceses revanchistas de 1918, e a poboación francófona se mantén pechada a todo o que poida lembrar a xermanización da Lorena entre 1871 e 1918[12].

Premio "Adrienne Thomas"[editar | editar a fonte]

En febreiro de 2004, a figura de Adrienne Thomas foi finalmente rehabilitada na súa vila natal, grazas á creación dun premio outorgado polo Concello de Saint-Avold a historiadores novos, que se celebra na vila con ocasión das Xornadas Europeas do Patrimonio. Adrienne Thomas é representativa desta xeración de cidadáns fondamente impregnados polas dúas culturas, que caracteriza a Lorena[13].

Tamén a modo de homenaxe, unha das pasaxes subterráneas que atravesan a estación de tren de Metz foi bautizada como "Adrienne Thomas" en 2012[14].

Obras[editar | editar a fonte]

  • Die Katrin wird Soldat. (Berlín, 1930)
  • Dreiviertel Neugier. (Amsterdam, 1934)
  • Katrin! Die Welt brennt! (Amsterdam, 1936)
  • Andrea. Erzählung für Jugendliche. (Basilea, 1937)
  • Viktoria. Erzählung für junge Menschen. (Basilea, 1937)
  • Wettlauf mit dem Traum. (Amsterdam, 1939)
  • Von Johanna zu Jane. (Amsterdam, 1939)
  • Reisen Sie ab, Mademoiselle! (Estocolmo, 1944)
  • Ein Fenster zum East River. (Amsterdam, 1945)
  • Da und dort. (1950)
  • Ein Hund ging verloren. Erzählung für Jugendliche (1953) (despois apareceu baixo o título de Ein Hund zweier Herren (1973).
  • Markusplatz um vier (1955)
  • E numerosos artigos, entrevistas, discursos en coloquios internacionais e publicacións universitarias.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Thomas, Adrienne" no Katalog der Deutschen Nationalbibliothek.
  2. O nome "Elita" substituíuse por "Hertha" no Rexistro Civil (Gandebeuf, 2009, p.97-98)
  3. Jacques Gandebeuf: Adrienne Thomas, le fantôme oublié de la gare de Metz, éd.
  4. O seu diario vaille servir máis tarde para a trama da súa novela Die Katrin wird Soldat.
  5. (en alemán) Horst-Peter Wolff, Biographisches Lexikon zur Pflegegeschichte : who was who in nursing history, Elsevier, Urban & Fischer Verlag, 1997, p.206.
  6. François Roth, Robert Schuman, 1886-1963 : du Lorrain des frontières au père de l'Europe, Fayard, 2008, p.84.
  7. Hai unha vova tradución de 1989, en Éditions Serpenoise, cun limiar de Denis Metzger.
  8. Libros prohibidos e queimados en www.verbrannte-buecher.de
  9. (en alemán) Yun Jung Seo, Frauendarstellungen bei Adrienne Thomas und Lili Körber, Tectum Verlag DE, 2003 (p.54-55).
  10. Jean Michel Palmier: Weimar en exil : le destin de l'émigration intellectuelle allemande antinazie en Europe et aux États-Unis, Volume 2, Payot, 1988 (p.128).
  11. (en inglés) Zlata Fuss Phillips: German children's and youth literature in exile, 1933-1950 : biographies and bibliographies, K.G. Saur, 2001 (p.234).
  12. Mémoires de l'Académie nationale de Metz, éd.
  13. Les "souvenirs" d'Adrienne Thomas, en Les dossiers de la Société d'Histoire du Pays Naborien - 29. Société d'Histoire du Pays Naborien.
  14. Inauguración da nova pasaxe "Adrienne Thomas" na estación de Metz.