A irmandade da uva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A irmandade da uva
Título orixinal The Brotherhood of the Grape
Autor/a John Fante
Cuberta Xosé Manuel Buxán Bran
Orixe Estados Unidos
Lingua inglés
Xénero(s) Novela, Realismo sucio
Editorial Flag of the United Kingdom.svg HarperCollins
Galicia Editorial Hugin e Munin
Data de pub. Flag of the United Kingdom.svg 1977
Galicia 2013
Formato Tapa branda con lapelas. 20 x 13,5 cm
Páxinas 232
ISBN Flag of the United Kingdom.svg 0-87685-726-8
Galicia 978-84-91211-4-2
Tradución Adrián Estévez

A irmandade da uva é unha novela en lingua inglesa escrita polo italo-americano John Fante, publicada por vez primeira en 1977 co título orixinal The Brotherhood of the Grape. Foi traducida ao galego por Adrián Estévez, e publicada por Hugin e Munin en 2013.

Trama[editar | editar a fonte]

Henry Molise, alter ego do autor, recibe unha chamada do seu irmán, dicíndolle que súa nai quere divorciarse do seu pai, Nick. Henry desprázase á casa familiar, e ao chegar alí atópase coa rutina de sempre: o pai cos seus amigos bébedo de viño e xogando ao póker, a nai desculpándoo, e os dous irmáns preocupados polos seus propios asuntos.

A nai e o pai convénceno para ir co vello Nick, albanel xa xubilado, a facer unha pequena construción de pedra. Aínda que nun principio é remiso, rematan traballando xuntos, bébedos desde o primeiro día.

Ao rematar, logo dunha semana, a construción resulta torta e fráxil, ao contrario que as anteriores obras de Nick. Esa mesma noite a choiva tira abaixo as pedras. Nick volve embebedarse, e dálle un ataque de diabetes. É ingresado, e no hospital di que vai deixar de beber, pero ao pouco escapa do hospital para ir ter a última esmorga cos seus amigos. Finalmente morre, e a familia xúntase de novo tralo velorio. Remata así «la storia di quattro italiani vecchi e ubriaconi» (a historia de catro italianos vellos e borrachos).

Narración[editar | editar a fonte]

A obra está narrada en primeira persoa. Ten unha narración lineal durante un mes, desde que recibe a chamada até o funeral, pero con numerosas analepses á infancia e mocidade do escritor, falando da súa relación co pai cando era novo, e da súa marcha de casa cara á costa do estado de California na procura de traballo.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

Amais da edición en galego, a novela traduciuse a diversos idiomas, como o castelán (Hermanos de vino, por Mireia Bofill en 1977; La hermandad de la uva, por Antonio Prometeo-Moya en 2004), francés (Les Compagnons de La grappe, por Brice Matthieussent en 1988), italiano (La confraternita del Chianti, por Francesco Durante en 1990; La confraternita dell'uva en 2004), alemán (Unter Brüdern, por Michael Kirchert en 1990), polonés (Bractwo winnego grona, por Magdalena Koziej en 2007), portugués (A confraria do vinho, por Luís Ruivo en 2007; A irmandade da uva, por Roberto Muggiati en 2013) ou o serbio (Bratstvo loze, en 2012) [1].

A novela foi adaptada a guión cinematográfico por Robert Towne. A película ía ser dirixida por Francis Ford Coppola, mais o proxecto non prosperou. Curtis Hanson tamén preparou unha adaptación, con Burt Lancaster como protagonista, que tampouco saíu adiante[2].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Edicións de A irmandade da uva (en inglés)
  2. "Unproduced and unfinished films: an ongoing film comment project", artigo en Film Comment (consultado o 18 de novembro de 2012) (en inglés).