Dreams from Bunker Hill

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Dreams fron Bunker Hill
Autor/aJohn Fante
OrixeEstados Unidos
Linguainglés
Xénero(s)Novela, Realismo sucio
EditorialHarperCollins
Data de pub.1982
Precedido porAsk the Dust
editar datos en Wikidata ]

Dreams from Bunker Hill ("Soños de Bunker Hill") é unha novela en lingua inglesa escrita polo italo-americano John Fante e publicada en 1982. É o cuarto volume da tetraloxía con Arturo Bandini como protagonista. Foi ditada por Fante cando estaba ao bordo da morte á súa esposa, Joyce Smart.

Trama[editar | editar a fonte]

Arturo Bandini chega a Los Angeles co desexo de ser un escritor famoso. Vive nunha pensión en Bunker Hill e traballa de camareiro por un soldo miserable, pero ten moita ilusión nos seus relatos. Logo de que lle publiquen un conto nunha revista, un axente literario contrátao para revisar os manuscritos que lle mandan. Dálle unha novela dunha rapaza rica e fermosa, e a pesar de que o texto e malo, Arturo intenta seducila, pero fracasa.

Nesa época Arturo marcha da pensión, por problemas con Helen, a dona da mesma, coa que comezara a manter unha relación. Abandona a revisión de textos, e consegue traballo nunha produtora cinematográfica de Hollywood. Ten un bo salario, pero non lle encargan traballo ningún, máis que ler e mirar películas. Comeza a preparar a adaptación da novela The "Genius", de Theodore Dreiser. Logo de rifar co seu xefe, déitase coa súa secretaria. O xefe descóbreos fodendo no despacho, e tras despedilo dille que ela é a súa muller.

Durante ese tempo marcha vivir con outro guionista a unha casa xunto á praia. Este preséntalle ao seu axente literario, que lle consegue un novo traballo xunto a unha guionista de sona. Ante a incapacidade de traballar de forma conxunta, pois ela pasa o tempo a falar da xente famosa que coñece, Arturo dille que el primeiro fará unha versión dun guión, para que ela o revise despois. Está moi contento co resultado do que escribe, pero ela muda o guión por completo, o que provoca o enfado do escritor, que decide non participar no proxecto. No medio dunha xolda enfádase co compañeiro de piso e múdase a unha casa nun barrio mariñeiro.

Alí ten como veciño ao Duque de Sardeña, un home tamén italiano que fai loita libre. O duque encárgalle que escriba poemas para a súa moza. Nunha ocasión acompáñao a un combate, e ve que o público se pon na súa contra. Un día, chega a moza do Duque para visitalo. Arturo axeónllase ante ela e improvisa uns poemas, e ela marcha na procura do loitador, pensando que o escritor se quería propasar con ela.

Arturo intenta volver á pensión, pero Helen non quere velo. Múdase ao centro da cidade, nun cuarto barato. Logo dunha mala borracheira é internado no hospital, e ao ver que Helen non quere saber nada del, marcha á súa vila natal, en Colorado. Alí é ben recibido pola súa nai e os seus irmáns e irmá menores, se ben o pai segue desencantado coa traxectoria vital do seu fillo. Está contento, recuperando vellas lecturas, pero nunha festa con xente coñecida da infancia e mocidade comeza a botar por fóra e presumir de coñecer a moita xente famosa, e inicia unha pelexa. Ferido no orgullo, regresa de novo a California.

Tras saber que Helen morreu dunha apoplexía, regresa ao cuarto que alugara no centro. Alí reencóntrase coa súa máquina de escribir, rematando o libro cun final aberto.

Narración[editar | editar a fonte]

A obra está narrada en primeira persoa. Está ambientada nos Ánxeles nas décadas de 1930 e 1940.