1933 Was a Bad Year

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

1933 Was a Bad Year
Autor/aJohn Fante
OrixeEstados Unidos
Linguainglés
Xénero(s)Novela, Realismo sucio
EditorialBlack Sparrow Press
Data de pub.1985
Seguido porA irmandade da uva

1933 Was a Bad Year é unha novela do italo-americano John Fante, publicada de forma póstuma en 1985. Está protagonizada por Dominic Molise, alter ego do autor.

Trama[editar | editar a fonte]

A obra está ambientada no inverno de 1933, durante a Gran Depresión. Dominic Molise é un mozo de 17 anos que vive en Ruper (trasunto literario de Boulder, Colorado). Vive nunha situación de pobreza, fillo dun albanel, e está a piques de rematar o instituto.

Quere converterse en xogador profesional de béisbol, pois lanzador zurdo, e confía cegamente no seu brazo esquerdo. Soña con ir até California para que o fiche algún equipo grande, pois durante o inverno os campos de xogo están nevados e non pode xogar. Mais o seu pai quere que traballe con el como albanel, para levar cartos a casa.

Intenta convencer ao seu mellor amigo, Kenny Parrish para iren os dous a California. Entrementres, decláralle o seu amor á irmá deste, Dorothy, estudante de psicoloxía. Para conseguir cartos para o autobús pensa en empeñar unha formigoneira do seu pai. A súa avoa descóbreo e critícao, mais segue adiante, pero ao pasar por diante da tumba do seu avó no camposanto, decide dar media volta. Dille ao seu pai que tiña a idea de lle mercar outra máquina, mais este descobre o seu fillo que falsificara a cédula de propiedade.

Logo de lle dar un golpe no nariz, o pai séntese mal, e tras falaren tranquilamente, o pai dille que ha conseguir cartos para que vaia a California. Dálle 25 dólares, a metade do que precisa, e pensa en lle pedir a outra metade ao seu amigo, mais o pai deste dille que non vai permitir que Kenny marche. De regreso a casa descobre que o pai vendera a formigoneira para conseguir os cartos. Sorprendido, Dominic decide recomprala e quedar un ano máis en Ruper.

Estilo[editar | editar a fonte]

A obra está narrada en primeira persoa. A trama desenvólvese en marzo de 1933 (Franklin D. Roosevelt xa substituíra a Herbert Clark Hoover na presidencia dos Estados Unidos de América) e dura arredor dunha semana. Hai dúas analepses: a nai explícalle como casou co pai, e o propio Dominic conta cando coñeceu a Dorothy.

A acción desenvólvese en varios espazos da vila, entre eles o propio fogar familiar. Hai referencias espaciais a Torricella Peligna, a vila natal do pai de Fante nos Abruzos, que a avoa bota en falta.

Como noutras novelas de John Fante, entre os temas tratados están o catolicismo (nun principio a novela ía chamarse The left-handed Virgin, "a Virxe zurda")[1] e a familia. O personaxe de Molise aparece tamén na novela A irmandade da uva. Se ben nas novelas que teñen por protagonista a Arturo Bandini a figura do pai é máis querida, nas que protagoniza Molise hai maior desapego paterno. Nesta ocasión aparece desenvolvido o papel da avoa paterna, que odia o estilo de vida estadounidense. O béisbol, que tamén aparece na novela Wait until Spring, Bandini, ten grande importancia, e aparecen nomeados equipos e xogadores da época, como Joe DiMaggio. Pola contra, en 1933 Was a Bad Year aparece pouco tratada a literatura; só Dorothy está interesada, especialmente en James Joyce.

Edicións e adaptacións[editar | editar a fonte]

Fante escribiu o libro entre finais da década de 1950 e comezos da de 1960, mais deixou o libro sen rematar. A súa viúva, Joyce, mandoulle o manuscrito a John Martin, quen o publicou en 1985 na súa editorial Black Sparrow Press.

A obra foi traducida ao italiano por Alessandra Osti como Un anno terribile (1996) e ao castelán por Antonio-Prometeo Moya como Un año pésimo (2005).

En xaneiro de 2001 estreouse en Denver a obra de teatro 1933, dirixida por Randal Myler e Brockman Seawell.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Margaretto, E. (2014): John Fante, vidas y obra. Como un soneto sin estrambote. Editorial Alrevés. P. 292. ISBN 9788415900559