Vanja Milinković-Savić

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Milinković-Savić
Información persoal
Nome Vanja Milinković-Savić
Nacemento 20 de febreiro de 1997
Lugar de nacemento Ourense
Altura 2,03 m.
Posición Porteiro
Información de club
Club actual Torino
Número 32
Carreira xuvenil
Grazer AK
2006–2014 Vojvodina
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2014–2015 Manchester United 0 (0)
2014–2015 Vojvodina 17 (0)
2016–2017 Lechia Gdańsk 29 (0)
2017– Torino 86 (0)
2018–2019 SPAL 2 (0)
2019 Ascoli 8 (0)
2019–2020 Standard de Liège 0 (0)
Selección nacional
2013–2014 Serbia sub-17 6 (0)
2014–2016 Serbia sub-19 9 (0)
2014–2015 Serbia sub-20 3 (0)
2016–2017 Serbia sub-21 9 (0)
2021– Serbia 18 (0)
Na rede
Instagram: vanja_32 FIFA: 385538 UEFA: 250065792 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.
Club: actualizado a 17 de decembro de 2023.
Selección: actualizado a 17 de decembro de 2023.editar datos en Wikidata ]

Vanja Milinković-Savić (en serbio: Вања Милинковић-Савић), nado en Ourense o 20 de febreiro de 1997, é un futbolista galego-serbio que xoga como porteiro no Torino da Serie A. É internacional coa selección serbia, coa que disputou o Mundial de 2022.

É fillo do exfutbolista Nikola Milinković e irmán do tamén futbolista Sergej Milinković-Savić.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezos[editar | editar a fonte]

Naceu en Ourense o 20 de febreiro de 1997, na época en que seu pai, Nikola Milinković, xogaba como dianteiro no Chaves portugués e vivía ao outro lado da Raia, en Verín.[1] Uns meses despois o pai fichou polo CD Ourense, no que militou ata 1999,[2] polo que Vanja pasou os primeiros dous anos da súa vida en Galicia.[3][1] Súa nai é Milana Savić, antiga xogadora profesional de baloncesto. É ademais o irmán máis novo do centrocampista Sergej Milinković-Savić, nacido en Lleida, e da xogadora de baloncesto Jana Milinković-Savić.[4]

Deu os seus primeiros pasos futbolísticos na canteira do Grazer AK da cidade austríaca de Graz, club no que xogou seu pai entre 2001 e 2004, e no que se iniciou tamén o seu irmán Sergej.[3] Trala retirada de Nikola, a familia regresou a Serbia e Vanja ingresou na canteira do Vojvodina, subindo durante os seguintes anos polas diferentes categorías inferiores do club.

Vojvodina[editar | editar a fonte]

En abril de 2014 asinou o seu primeiro contrato profesional co Vojvodina, cunha duración de tres anos. O mes seguinte, o Manchester United anunciou que o club chegara a un acordo co Vojvodina para o traspaso de Milinković-Savić, pero que quedaría no club serbio unha tempada máis. O acordo pechouse o 5 de agosto de 2014 por unha cifra de 1,75 millóns de euros.[5][6]

Debutou profesionalmente co Vojvodina o 10 de agosto de 2014, nunha vitoria por 3-0 ante o OFK Beograd.[7] Xogou completos os 15 partidos de liga na primeira parte da tempada 2014-15. Despois do parón invernal perdeu o seu posto como primeiro porteiro ante o máis experimentado Srđan Žakula, facendo só dúas aparicións máis na liga.

Lechia Gdańsk[editar | editar a fonte]

Tras non conseguir un permiso de traballo para xogar en Inglaterra, foi liberado polo Manchester United en novembro de 2015 e asinou un contrato de catro anos e medio co Lechia Gdańsk polaco. O contrato iniciouse o 1 de xaneiro de 2016.[8]

Torino[editar | editar a fonte]

O 30 de xaneiro de 2017, o Torino anunciou a súa fichaxe, uníndose ao club en xullo.[9] Disputou os partidos da Copa Italia, mentres que nos de liga o gardameta titular foi Salvatore Sirigu. Estivo a piques de marcar un gol durante o partido de Copa contra o Carpi, no que lanzou unha falta no tempo de desconto que bateu no longueiro.[10] Debutou na Serie A na derradeira xornada contra o Genoa, con vitoria por 1-2, encaixando un gol anotado por Pandev.

No verán de 2018 saíu cedido ao SPAL por unha tempada.[11] No equipo de Ferrara o primeiro porteiro era Alfred Gomis, polo que só xogou dous partidos, nun dos cales foi expulsado ao recibir dous cartóns amarelos con poucos segundos de diferenza.[12]

En xaneiro de 2019 foi cedido ao Ascoli, da Serie B, ata final de tempada, onde disputou oito encontros.[13] Na seguinte tempada saíu de novo cedido, esta vez a Bélxica, ao Standard de Liège, co que non chegou a debutar en liga, pero si na Europa League, disputando tres encontros contra Vitoria de Guimarães, Arsenal e Eintracht Frankfurt.[14]

De regreso en Turín, durante a tempada 2020/21 estivo á sombra de Salvatore Sirigu, pero trala marcha deste ao Genoa, Milinković-Savić fíxose coa titularidade, na que se afianzou durante os seguintes anos por diante dos outros gardametas do equipo, como o capitán da selección albanesa, Etrit Berisha ou o italiano Luca Gemello. Na tempada 2021/22 xogou 27 partidos de liga e un da Copa Italia e no verán o Torino anunciou a renovación do seu contrato até xuño de 2024.[15]

Na campaña 2022/23 foi un dos únicos tres xogadores da Serie A que disputaron completos os 38 partidos de liga, xunto aos tamén gardametas Marco Silvestri (Udinese) e Wladimiro Falcone (Lecce),[16] e foi titular tamén nos catro partidos que xogou o seu equipo na Copa Italia.

Selección serbia[editar | editar a fonte]

Categorías inferiores[editar | editar a fonte]

Milinković-Savić foi seleccionado para representar a Serbia na Eurocopa sub-19 de 2014. Foi suplente de Predrag Rajković, e non chegou a disputar ningún minuto no torneo, no o seu equipo foi eliminado por Portugal na quenda de penaltis das semifinais. Foi de novo suplente de Rajković na Copa do Mundo sub-20 de 2015, onde a selección serbia se proclamou campioa.[17]

Selección absoluta[editar | editar a fonte]

O 11 de novembro de 2021 debutou coa selección serbia absoluta nun partido amigable contra Qatar no Nagyerdei Stadion de Debrecen, en Hungría.[18] Comezou a aparecer máis asiduamente durante os seguintes encontros internacionais e acabou por quitarlle definitivamente a titularidade a Predrag Rajković.

Foi un dos 26 homes escollidos polo seleccionador Dragan Stojković para o Mundail de 2022 en Qatar, no que participou xunto ao seu irmán Sergej. Aínda que representando a Serbia, foi o único futbolista nacido en Galicia en participar en dita edición torneo e no segundo xogador nacido na provincia de Ourense en toda a historia da Copa do Mundo, máis de catro décadas despois de que o tamén gardameta Miguel Ángel acudise con España aos Mundiais de 1978 e 1982.[19]

Defendeu a portería serbia nos tres partidos que a súa selección xogou no Mundial, sendo o elixido por Stojković por diante dos outros dous gardametas do equipo, Rajković e Dmitrović. Serbia quedou eliminada na fase de grupos, ao rematar na última posición cun só punto, despois de perder contra o Brasil e Suíza e de conseguir só un empate ante o Camerún.[20]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Serbia sub-20

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Iglesias, Denís (2 de decembro de 2022). "Milinković-Savić, los hermanos españoles que quieren salvar a Serbia de la eliminación ante Suiza" (en castelán). Consultado o 17 de decembro de 2023. 
  2. "Vanja Milinković-Savić za “Sport”: Da sam ostao napadač danas bih bio u Realu!" (en bosníaco). 1 de xaneiro de 2015. Consultado o 29 de outubro de 2021. 
  3. 3,0 3,1 Silveira, Xane (28 de novembro de 2022). "De Ourense a Qatar pasando por Vojvodina: La historia de Vanja Milinkovic-Savic, el guardián gallego de Serbia en el Mundial" (en castelán). Consultado o 17 de decembro de 2023. 
  4. "Braća Milinković-Savić biseri sa novosadskog asfalta" (en bosníaco). 6 de abril de 2014. Consultado o 29 de outubro de 2021. 
  5. "Zoran Šćepanović: Ponosni smo na našu omladinsku školu" (en serbio). 5 de agosto de 2014. Arquivado dende o orixinal o 08 de outubro de 2016. Consultado o 29 de outubro de 2021. 
  6. "Manchester United finalise deal for Serbian youngster" (en inglés). 5 de agosto de 2014. Consultado o 29 de outubro de 2021. 
  7. "Milinković Savić blista na golu, a Voši od Mančester Junajteda 10.000 evra po meču" (en bosníaco). 13 de agosto de 2014. Consultado o 29 de outubro de 2021. 
  8. "Vanja Milinković-Savić nowym bramkarzem Lechii Gdańsk. Szczegóły:" (en polaco). 26 de novembro de 2015. Consultado o 29 de outubro de 2021. 
  9. "Milinkovic-Savic al Toro" (en italiano). 1 de febreiro de 2017. Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2021. Consultado o 29 de outubro de 2021. 
  10. "Torino's goalkeeper almost breaks crossbar with 30-yard free-kick in Coppa Italia" (en inglés). 30 de novembro de 2017. Consultado o 29 de outubro de 2021. 
  11. "Milinkovic-Savic alla Spal in prestito secco" (en italiano). Consultado o 29 de outubro de 2021. 
  12. "El Roma vuelve a vivir altibajos: el SPAL triunfa en el Olímpico". As (en castelán). 20 de octubre de 2018. Consultado o 29 de outubro de 2021. 
  13. "UFFICIALE: Ascoli, dal Torino arriva Milinkovic-Savic". tuttomercatoweb.com (en italiano). Consultado o 29 de outubro de 2021. 
  14. "UFFICIALE: Torino, Milinkovic-Savic in prestito allo Standard Liegi". tuttomercatoweb.com (en italiano). Consultado o 29 de outubro de 2021. 
  15. "Milinkovic-Savic, contract extension until 2024" (en inglés). 15 de xuño de 2021. Arquivado dende o orixinal o 01 de novembro de 2021. Consultado o 29 de outubro de 2021. 
  16. "Futbolistas con máis minutos na Serie A 2022/23". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 17 de decembro de 2023. 
  17. "FIFA U-20 World Cup Poland 2019". FIFA (en inglés). 20 de xuño de 2015. Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2015. Consultado o 29 de outubro de 2021. 
  18. "Qatar 4-0 Serbia 2021". ceroacero.es (en castelán). Consultado o 17 de decembro de 2023. 
  19. "La estrella de Serbia es catalana; su portero, el único gallego del Mundial" (en castelán). 24 de novembro de 2022. Consultado o 17 de decembro de 2023. 
  20. "Suiza golpea y elimina a Serbia". El País (en castelán). 2 de decembro de 2022. Consultado o 17 de decembro de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]