Toxina diarreica dos moluscos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A toxina diarreica dos moluscos (tamén coñecida polo acrónimo inglés DSP, de inglés Diarrhoeic Shellfish Poisoning ou noutras fontes Diarrhetic Shellfish Poisoning), ou enterotoxina é unha familia de biotoxinas representadas polo ácido ocadaico, as dinofisistoxinas, as pectenotoxinas e as xesotoxinas. A presenza destas toxinas nos moluscos bivalvos pode producir unha intoxicación alimentaria nos consumidores.

Son toxinas producidas por distintas especies de dinoflaxelados dos xéneros Prorocentrum e Dinophysis (fundamentalmente, D. acuminata).

Das tres biotoxinas que poden detectarse nas augas galegas (ASP, DSP e PSP), a DSP é a máis común, tanto no que respecta á extensión xeográfica como á súa presenza ó longo do ano, afectando sobre todo ó mexillón e á ostra pero tamén a outras especies de moluscos.

Antecedentes históricos[editar | editar a fonte]

Os primeiros abrochos de intoxicación con síntomas diarreicos tras consumo de moluscos estudiáronse nos Países Baixos, nos anos 1960, sen descubrirse a etioloxía. A toxina, a súa orixe e a relación entre as mareas vermellas e a intoxicación por consumo de moluscos fou descuberta en Xapón en 1978.

En España cómpre destaca-lo abrocho masivo o 21 de agosto de 1981, que afectou a máis de 5.000 persoas en 24 provincias, por consumo de mexillón procedente da ría de Arousa contaminado por DSP. A alerta alimentaria provocada por esta intoxicación incrementouse pola casualidade de que en maio do mesmo ano comezaran a aparece-los primeiros casos da intoxicación por aceite de colza desnaturalizado e nesa mesma data o número de persoas mortas por esta causa era de 138. A noticia, da que copiamos a continuación a entradiña, aínda non recoñece a orixe real do abrocho e atribúeo a unha contaminación microbiolóxica, que non se descartou ata días despois:

"La intoxicación masiva por mejillones, provocada por su mala depuración"
La deficiente depuración de dos partidas de mejillones procedentes de la localidad pontevedresa de El Grove ha provocado una intoxicación masiva en al menos venticuatro provincias españolas, que afecta a case 5.000 personas. El cuadro clínico de la intoxicación no es grave, a pesar de presentarse con mareos, diarreas y vómitos. El secretario de Estado para el Consumo, Enrique Martínez Genique, en declaraciones a EL PAIS, declinó cualquier responsabilidad de la Administración central, y la hizo recaer en la Junta de Galicia, a la que fueron transferidas, en su día, las competencias en esta materia.
(El País, 22 de setembro de 1981)

Actualmente admítese a súa distribución practicamente mundial, con casos descritos en toda Europa, Sudáfrica, Nor e Sudamérica, Xapón e Australia.

Tipos de toxina e especies responsables[editar | editar a fonte]

Entre as toxinas responsables de cadros gastrointestinais por consumo de moluscos témo-las seguintes:

  • O ácido ocadaico (OA) e os seus derivados (dinofisistoxinas, DTX), producido por dinoflagelados do xénero Dinophysis (D. acuminata, D. fortii, D. norvegica, D. acuta). En Xapón, a alga responsable é outro dinoflaxelado: Prorocentrum lima.
  • As pectenotoxinas (PTX), producidas polo dinoflaxelado Dinophysis fortii.
  • A xesotoxinas (YTX), producidas por dinoflaxelados como Protocertium reticulatum. Non causan diarrea e non se puideron reproducir efectos diarreicos nos animais de experimentación.
  • Os azaspirácidos (AZP), producidos por Protoperidium crassipes. Estas toxinas foron descritas como causantes de cadros diarreicos en Francia e Países Baixos en 1995, por consumo de moluscos procedentes de Irlanda. Ó afectar tamén a outros órganos, como o sistema inmunitario, non parece coherente a súa inclusión entre as toxinas diarreicas.

Síntomas da intoxicación[editar | editar a fonte]

As toxinas diarreicas dos moluscos son sustancias lipofílicas, é dicir, tenden a acumularse nos órganos máis ricos en graxa, como o hepatopáncreas. Provoca un cadro patolóxico caracterizado por síntomas de molestias gastrointestinais, especialmente vómitos e diarreas, así como náuseas, dores abdominales e calafríos.

O período de incubación oscila entre os trinta minutos desde a inxestión dos moluscos a unhas tres horas (sempre menos de 12 horas). O proceso non adoita revestir gravidade e remite ó cabo de tres ou catro días, sen necesidade de máis tratamento có sintomático.

O ácido ocadaico foi descuberto inicialmente nunha esponxa, Halichondria okadai, á que debe o seu nome. Actúa como inhibidor das proteín-fosfatasas. As dinofisistoxinas teñen unha estrutura molecular parecida e unha acción biolóxica moi semellante.

Tamén se lle recoñece un claro efecto como promotor tumoral, pero sen afectar a un órgano diana específico.

Análise[editar | editar a fonte]

O método oficial para a súa determinación é o bioensaio en rato, desenvolvido por Yasumoto en 1978. Tamén se pode determinar por procedementos químicos, como a cromatografía líquida de alta eficacia (CLAE) pero este método, aínda sendo máis sensible non está oficialmente recoñecido.

O método de bioensaio en rato consiste en inxectar intraperitonealmente un filtrado obtido do molusco a tres ratos, e considérase positivo cando produce a morte de dous dos ratos inxectados, antes das 12 horas.

A normativa vixente (Reglamento CE nº 853/2004 polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal) fixa un límite máximo para o ácido ocadaico, as dinofisistoxinas e as pectenotoxinas de 16 microgramos de equivalente do ácido ocadaico por 100 gramos de vianda (corpo enteiro do molusco ou calquera parte consumible por separado). No caso das xesotoxinas, o límite máximo está establecido en 1 microgramo por gramo de vianda.

Control[editar | editar a fonte]

A única medida de control contra a intoxicación por biotoxinas é a vixilancia da evolución dos dinoflaxelados na auga de mar e as mostraxes periódicas de moluscos nas distintas zonas de produción. Cando os resultados destes controis indican que os niveis de toxina alcanzan os límites considerados seguros, díctase a prohibición de extracción de moluscos ata que sucesivos controis analíticos demostren o descenso da toxina nos moluscos e garanten a súa aptitude para o consumo.

Estes controis analíticos son realizados, de modo oficial, polas Consellerías de Pesca e Asuntos Marítimos e mais pola de Sanidade. Simultaneamente, os establecementos que comercialicen os moluscos (centros de depuración, cocedoiros ou fábricas de conservas), deben tamén realiza-los seus propios controis dentro dos seus programas de autocontrol (APPCC) como responsables que son da seguridade dos produtos que poñen no mercado.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

  • Biotoxinas
  • ASP (Amnesic Sellfish Poisoning, toxina amnésica dos moluscos)
  • PSP (Paralytic Sellfish Poisoning, toxina paralizante dos moluscos)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]