Toxina paralizante dos moluscos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A toxina paralizante dos moluscos (tamén chamada polo acrónimo inglés PSP, de Paralytic Sellfish Poisoning, ou, impropiamente, toxina paralítica) é un grupo de biotoxinas mariñas representadas principalmente pola saxitoxina (STX) e os seus derivados, as goniatoxinas ou goniautoxinas (GNTX).

Antecedentes históricos[editar | editar a fonte]

A intoxicación por toxina paralizante dos moluscos foi descrita por vez primeira en 1793 na Columbia Británica, Canadá. A toxina foi identificada e estudiada en 1975. Casos de intoxicación, moitos con resultados mortais, están documentados en diferentes países de Europa, América, África, Asia e Oceanía.

En 1976 producíuse un grave abrocho de intoxicación que afectou a unhas 120 personas en toda Europa, por consumir mexillóns galegos. Outros casos, de menor gravidade, producíronse en 1993 (con presenza simultánea de DSP) e no 2000.

Tipos de toxina e especies responsables[editar | editar a fonte]

Estrutura molecular da saxitoxina.

Coñécense polo de agora 21 variantes destas toxinas. As principais son a saxitoxina (STX) e as goniautoxinas (GNTX) e o resto son isómeros destas dúas con presenza de distintos radicais.

A toxina está producida por diferentes especies de dinoflaxelados dos xéneros Alexandrium (antes Gonyaulax) (A. minutum), Gymnodinium (G. catenatum) e Pyrodinium.

Síntomas da intoxicación[editar | editar a fonte]

As saxitoxinas son neurotoxinas hidrosolubles e termoestables que afectan ó sistema nervioso central, provocando parálise muscular. O mecanismo de actuación consiste no bloqueo dos impulsos nerviosos no punto de contacto entre as neuronas e as fibras musculares.

O período de incubación da intoxicación por toxinas PSP é duns 30 minutos despois da inxestión dos moluscos, ás veces menos. Os cadro clínico comeza con proído ou quemazón nos labios, lingua e cara. Logo aparece un entumecemento muscular que afecta ó pescozo, brazos e pernas, con dificultade nos movementos e afasia (dificultade para falar). A intoxicación pode rematar na morte por parada cardiorespiratoria. Meniños e anciáns son os máis sensibles. En ocasións tamén coexisten síntomas dixestivos, como náusea, vómitos e diarrea.

Análise[editar | editar a fonte]

A normativa vixente (Reglamento CE nº 853/2004 polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal) fixa un límite máximo para a toxina paralizante do molusco de 80 microgramos por 100 gramos de vianda (corpo enteiro do molusco ou calquera parte cosumible por separado).

O método oficial internacionalmente aceptado para a determinación da toxina é o do bioensaio en rato. Están desenvolvéndose outros métodos químicos por cromatografía.

Control[editar | editar a fonte]

A única medida de control contra a intoxicación por biotoxinas é a vixilancia da evolución dos dinoflaxelados na auga de mar e as mostraxes periódicas de moluscos nas distintas zonas de produción. Cando os resultados destes controis indican que os niveis de toxina alcanzan os límites considerados seguros, díctase a prohibición de extracción de moluscos ata que sucesivos controis analíticos demostren o descenso da toxina nos moluscos e garanten a súa aptitude para o consumo.

Estes controis analíticos son realizados, de modo oficial, polas Consellerías de Pesca e Asuntos Marítimos e mais pola de Sanidade. Simultaneamente, os establecementos que comercialicen os moluscos (centros de depuración, cocedoiros ou fábricas de conservas), deben tamén realiza-los seus propios controis dentro dos seus programas de autocontrol (APPCC) como responsables que son da seguridade dos produtos que poñen no mercado.

A distribución da toxina nos moluscos é irregular, con maior concentración nas vísceras (hepatopáncreas) que nos músculos. Así mesmo, tamén se observan diferencias na bioacumulación nas distintas especies de moluscos, sendo maior nos mexillóns que nas ostras.

En xeral, a eliminación da toxina nos moluscos contaminados, unha vez que desaparecen as algas responsables é bastante rápida, pero adoitan quedar niveis residuais de toxina durante meses.

Este proceso natural de detoxificación resulta especialmente lenta en moluscos como a vieira ou o corruco (ou langostillo) (Acanthocardia tuberculatum). Nesta última especie, ausente en Galicia pero que constitúe un recurso abundante e cotizado en Andalucía, o problema era que a redución da toxina chegaba a solaparse con episodios tóxicos posteriores, de modo que a súa extracción estaba prohibida durante longos períodos de tempo. En consecuencia, a Comunidade Europea autorizou en 1996 a España a regula-la extracción deste molusco con cifras de toxina superiores ó límite estandar de 80 microgramos por 100 gramos, pero inferiores a un máximo de 300 microgramos, se previamente á comercialización se sometían a un proceso de lavado previo, evisceración (para eliminal-as vísceras, onde se acumulaba a toxina) e esterilización posterior, proceso sometido a estritos controis oficiais.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Marine biotoxins. 2. Paralytic Shellfish Poisoning (PSP) [1]
  • Calvo, M.: Toxinas de dinoflagelados [2]