Termófilo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os termófilos producen algunhas das brillantes cores da Grand Prismatic Spring, do parque Nacional de Yellowstone, EUA.

Un termófilo é un tipo de organismo extremófilo que vive a temperaturas relativamente altas, entre os 45 e os 122 °C[1][2] (os que viven ás temperaturas máis altas do intervalo son hipertermófilos). Moitos termófilos son arqueas, outros son bacterias, pero o termo aplícase tamén nos outros dominios da vida, polo que se fala de plantas termófilas, animais termófilos, como o anélido Riftia pachyptila das chemineas hidrotermais etc. Crese que as eubacterias termófilas estaban entre as primeiras bacterias que apareceron na Terra.[3]

Os termófilos encóntranse en rexións con calor xeotérmica da Terra, como fontes termais ou chemineas hidrotermais do océano profundo, ou onde hai materia vexetal en descomposición como en turbeiras ou o compost.

A diferenza doutro tipo de bacterias, os termófilos poden sobrevivir a temperaturas altas que matarían ás outras bacterias. Os termófilos están adaptados a esas condicións, xa que teñen membranas resistentes e encimas que poden funcionar sen desnaturalizarse a altas temperaturas. Algúns deses encimas son utilizados en técnicas de bioloxía molecular, como a Taq polimerase da bacteria Thermus aquaticus, que se utiliza na PCR (onde hai que quentar o medio de reacción para que se separen as febras do ADN), e en axentes de lavado.

Desde 1990 celébrase unha conferencia internacional na que se reúnen os investigadores especialistas en termófilos en distintas partes do mundo como Viterbo, Italia; Reykjavik, Islandia; Nova Delhi, India; Bergen, Noruega, ou Big Sky, Montana, EUA.[4]

Clasificación[editar | editar a fonte]

Os termófilos clasifícanse en obrigados e facultativos. Os termófilos obrigados, tamén chamados termófilos extremos, requiren para vivir temperaturas altas, xa que non poden vivir a temperaturas menores. Os facultativos, tamén chamados termófilos moderados, poden vivir a altas temperaturas, pero tamén a temperaturas máis baixas (por debaixo de 50 °C). Os hipertermófilos son termófilos particularmente extremos, que viven por riba dos 60 °C e os seus óptimos están por riba dos 80 °C, e algúns viven a máis de 100 °C. Os termófilos distínguense dos mesófilos, que viven a temperaturas medias, e os psicrófilos, que viven a temperaturas frías.

Colonia de termófilos en Mickey Hot Springs, Oregón, onde a temperatura é de aproximadamente 60 °C.

Moitas das arqueas hipertermófilas necesitan xofre elemental para vivir. Algunhas poden vivir en anaerobiose porque usar o xofre en vez do oxíxeno como aceptor de electróns durante a respiración celular. Outros son litótrofos, xa que oxidan xofre a ácido sulfúrico como fonte de enerxía, polo que isto require que o microorganismo estea adaptado tamén a pHs moi baixos (ácidos), polo que son tamén acidófilos. Estes organismos habitan ambientes quentes ricos en xofre xeralmente asociados a zonas volcánicas, como fontes termais, géyseres, e fumarolas. Nestes lugares, como ocorre no parque de Yellowstone, prodúcese unha zonación dos microorganismos segundo a súa temperatura óptima de crecemento. A miúdo estes microorganismos están coloreados porque teñen pigmentos fotosintéticos.

Os termófilos poden distinguirse dos mesófilos por certas características xenómicas. Por exemplo, o contido GC nas rexións codificantes dalgúns xenes sinatura foron correlacionados positivamente cos rangos de temperatura aos que viven os termófilos e mesófilos independentemente da súa filoxenia, requirimentos de oxíxeno, salinidade, ou condicións do hábitat.[5]

As bacterias do xénero Alicyclobacillus son organismos acidófilos e termófilos, que poden contaminar os zumes de froitas.[6]

Termófilos e mesófilos[editar | editar a fonte]

Os termófilos poden ser diferenciados dos mesófilos polas súas características xenéticas. Por exemplo, o contido GC nas rexións codificantes dalgúns xenes sinatura foron identificados de forma consistente como correlacionados co rango de temperaturas á que están adaptados ao examinar organismos mesófilos e termófilos independentemente da súa filoxenia, requirimento de oxíxeno, salinidade, ou condicións do hábitat.[5]

Algúns organismos termófilos e hipertermófilos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Madigan MT, Martino JM (2006). Brock Biology of Microorganisms (11th ed.). Pearson. p. 136. ISBN 0-13-196893-9. 
  2. Takai T; et al. (2008). "Cell proliferation at 122 °C and isotopically heavy CH4 production by a hyperthermophilic methanogen under high-pressure cultivation" (PDF). PNAS 105 (31): 10949–51. Bibcode:2008PNAS..10510949T. PMC 2490668. PMID 18664583. doi:10.1073/pnas.0712334105. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de decembro de 2017. Consultado o 02 de abril de 2014. 
  3. Horiike T, Miyata D, Hamada K; et al. (January 2009). "Phylogenetic construction of 17 bacterial phyla by new method and carefully selected orthologs". Gene 429 (1–2): 59–64. PMC 2648810. PMID 19000750. doi:10.1016/j.gene.2008.10.006. 
  4. Thermophiles 2011 Arquivado 18 de xuño de 2013 en Wayback Machine. Retrieved 2011-12-09.
  5. 5,0 5,1 Zheng H, Wu H (December 2010). "Gene-centric association analysis for the correlation between the guanine-cytosine content levels and temperature range conditions of prokaryotic species". BMC Bioinformatics 11: S7. PMC 3024870. PMID 21172057. doi:10.1186/1471-2105-11-S11-S7. 
  6. G. L. Pettipher, M. E. Osmundson, J. M. Murphy. Methods for the detection and enumeration of Alicyclobacillus acidoterrestris and investigation of growth and production of taint in fruit juice and fruit juice-containing drinks. Letters in Applied Microbiology. Volume 24, Issue 3, pages 185–189, March 1997.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]