Bacilo
O termo bacilo (e o adxectivo bacilar[1]) úsase para describir calquera bacteria con forma alongada de bastonciño ou barra cilíndrica[2]. Os bacilos poden encontrarse en moitos grupos taxonómicos de bacterias. Non son exclusivos da clase Bacilli ou do xénero Bacillus (que tamén se traducirían por "bacilo").
Os bacilos son bacterias que se encontran en diferentes ambientes, teñen distintos metabolismos e hainos Gram positivos e Gram negativos, polo que teñen pouco en común excepto a súa forma similar. Adoitan aparecer sós, pero tamén en parellas (diplobacilos), en cadeas (estreptobacilos) ou grupos formando unha barreira. As bacterias que teñen forma máis ovoidal, intermedia entre o coco e o bacilo, denomínanse cocobacilos.
Algúns bacilos son patóxenos, pero a maioría son inofensivos, como moitos da flora bacteriana intestinal, os Lactobacillus do iogur, rizobios fixadores de nitróxeno, a bacteria atopada nas costas galegas Gallaecimonas, etc. A bacteria máis estudada, E. coli, é un bacilo.
Ademais dos bacilos, outras formas bacterianas importantes son os cocos, vibrións e espirilos.
Índice |
Exemplos[editar]
Ao longo da historia da medicina e da microbioloxía, varias destas bacterias bacilares adquiriron sona polas enfermidades que causaban e déuselle o nome do científico que as descubriu. Por exemplo:
- Bacilo de Aertrycke: Salmonella
- Bacilo de Bang: B. abortus
- Bacilo de Ducrey: H. ducreyi
- Bacilo de Eberth: S. typhi
- Bacilo de Nicolaier: Tétano
- Bacilo de Hansen: M. leprae
- Bacilo de Klebs-Löffler: C. diphtheriae
- Bacilo de Koch: M. tuberculosis
- Bacilo de Morex: Xénero Moraxella
- Bacilo de Yersin: Y. pestis
Notas[editar]
- ↑ Dicionario da Real Academia Galega - bacilar
- ↑ M. T. Madigan, J. M. Martinko, J. Parker. Brock Biología de los Microorganismos. 10ª edición. (2003). Pearson Prentice Hall. Páxina 64. ISBN 84-205-3679-2.