Sultanato do Rum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sultanato do Rum
Anadolu Selçukluları
Türkiye Selçukluları
Rum Selçukluları
السلاجقة الروم
سلجوقیان روم
Sultanato de Iconium - Konya

1077–1307
O Sultanato no 1190, antes da III Cruzada
Capital İznik(Nicea)
Konya(Iconium)
Linguas
Relixión Musulmá - sunnita
(relixión oficial do reino)
Goberno Sultanato
Historia
 • Establecido 1077
 • Disolución 1307

O Sultanato do Rum foi un “reino” turco selxúcida baseado en Anatolia entre os anos 1077 e 1307. A súa primeira capital foi Nicea sendo substituída posteriormente por Iconium. Outras cidades de Anatolia tamén foron sede da corte, e por tanto capitais nalgún período: Cesarea e Sebastia ou Sebastea.

"Rum" (ás veces transcrito coma Rüm ou Rûm) é o nome que lle daban os árabes ao Imperio Romano. Cando os selxúcidas tomaron as terras do interior de Anatolia tras a Batalla de Manzikert chamaron así ao sultanato que fundaron, pois os seus súbditos eran romanos.[1] Entre os historiadores turcos contemporáneos é frecuente encontrar outros nomes para este sultanato: "Sultanato selxúcida de Anatolia " (Anadolu Selçukluları) , "Turquía selxúcida" (Türkiye Selçukluları) ou directamente co nome da capital: Sultanato de Konya (ou Iconium).

O sultanato foi particularmente próspero no final do século XII e os inicios do XIII, ao conquistar aos bizantinos parte da costa mediterránea e do Mar Negro. Os numerosos produtos procedentes da Persia e Asia Central que cruzaban todo o Imperio Selxúcida encontraron nestes portos a súa saída natural cara Europa, establecéndose acordos comercias cós xenoveses. O incremento da riqueza do Sultanato permitiu aos seus gobernantes absorber varios dos outros estados turcos ("Beylik") que se conformaran en Anatolia após de Manzikert: o Danismendida, o Mengücek, o Saltuklu e o dos Ortúkides (Artuquid). Os sultáns do Rum tiveron máis o menos éxito para arrostrar os cruzados, pero en 1243 foron derrotados polos mongois, pasando a converterse nunha provincia máis do seu imperio. A pesar dos esforzos dos seus administradores o sultanato acabará por descomporse na segunda metade do século XIII, desaparecendo finalmente no inicio do XIV.

Historia[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Distribución dos estados e relixións en Europa e Oriente Medio no tempo da I Cruzada (1196-99)

No ano de 1064 chega ao trono do Imperio Selxúcida Alp Arslan, tras derrotar ao xeneral Kutalmish. Despois da derrota deste, os seus fillos foxen aos Montes Tauros na fronteira do Imperio. Alp Arslan mandará diversas expedicións contra eles, resultando que só sobrevive un: Süleyman I bin Kutalmish[2] que reunirá entorno a si mesmo a diversos grupos de turcománs, facéndose cun exército cada vez máis forte. Aproveitando o caos que se vivía no Imperio Bizantino despois da Batalla de Manzikert no 1075 apodérase das cidades bizantinas de Nicea e Nicomedia, e dous anos máis tarde declárase independente do Grande Imperio Selxúcida, establecendo a súa capital en Nicea.

Suleyman foi morto por Tutush I (gobernante selxúcida de Siria) en 1086, en Alepo, e o seu fillo Kilij Arslan I foi tomado coma refén. Tras a morte de Malik Shah (emperador selxúcida) en 1092, Kilij Arslan foi liberado, e retomou o control do sultanato do seu pai. Sería Kilij quen tería que enfrontarse aos primeiros cruzados, que o derrotaron, tendo que retroceder os selxúcidas do Rum cara o interior de Anatolia, movendo a súa capital a Iconium. En 1107, iniciou unha campaña cara o leste, capturando Mosul, pero ese mesmo ano morrería loitando contra o fillo de Malik Shah I: Mehmed I o Grande Selxúcida.

O fillo de Kilij Arslan I, de nome Mesud I, centraría os seus esforzos en Anatolia, de modo que á súa morte o sultanato controlaba practicamente todo o seu interior. Kilij Arslan II, sucedeu a Mesud, e apoderouse de Sivas e Malatya, até entón dos Danismendidas. Tamén se tivo que enfrontar ao reconstituído Imperio Bizantino de Manuel I Comneno, ao que derrotou na Batalla de Miriocéfalo (Myriokephalon) no 1176. Entre os seus maiores reveses militares estaría a perda da capital (Iconium) fronte aos cabaleiros xermánicos da III Cruzada (1190).

Apoxeo[editar | editar a fonte]

Sultanato do Rûm e estados circundantes. Ano 1200.

Após da morte do último Gran Sultán, Tuğrul III, no 1194, os sultáns do Rum quedaron coma os únicos representantes da dinastía selxúcida. Kaykhusraw I tomou novamente a cidade de Iconium aos cruzados en 1205, e baixo o seu mandato e o dos seus dous sucesores, (Kaykaus I e Kayqubad I), o Sultanato viviu o seu apoxeo. O maior logro de Kaykhusraw foi a conquista do porto de Attalia, na costa mediterránea en 1207. Kaykaus tomará Sinope e obligará ao Imperio de Trebizonda a renderlle vasalaxe (1214). Tamén subxugou o reino armenio de Cilicia, pero en 1218 foi derrotado polo sultán aiúbida al-Kamil e perdeu Alepo. Kayqubad adquiriu terrar ao longo da costa mediterránea de Anatolia en varias campañas entre 1221 e 1225, e tamén enviou neste tempo unha expedición a Crimea[3]. Polo leste enfrontouse e derrotou aos Mengücek e Artuqid.

Declive[editar | editar a fonte]

Caravanserai de Sultanhani en Aksaray, do 1229

Kaykhusraw II (1237–1246) comezou o seu reino conquistando a rexión en torno a Diyarbakır, pero en 1239 tivo que afrontar a revolta de Baba Ishak, que durou tres anos. Nese tempo perdeuse Crimea, e o exército enfraqueceu xusto cando se aproximaba o seu maior reto. Os mongois chegan a Armenia no 1242, tomando a cidade de Erzurum( "Karin" ou "Theodosiopole"). Ao ano seguinte o xeneral mongol Baiju derrotará ao sultán na Batalla de Köse Dag, pasando o Rum a ser vasalo do Imperio Mongol. O sultán foxe a Antalya despois da batalla, morrendo aló no ano de 1246.

Á morte de Kaykhusraw II o sultanato divídese entre os seus tres fillos. Dous deles (Kilij Arslan IV e Kayqubad II) ostentarán o poder ao leste do río Kızılırmak, baixo dominio mongol, e a maior (Kaykaus II) ao oeste, mantendo a súa independencia ate outubro de 1256 en que é derrotado por Baiju preto de Aksaray, pasando toda a Anatolia turca ao control mongol. En 1260 Kaykaus II foxe de Konya ("Iconium") a Crimea onde morrerá en 1279. Kilij Arslan IV foi executado en 1265, convertíndose Kaykhusraw III (1265–1284) no señor, nominalmente, de toda Anatolia, pero sendo exercido o poder real polos rexentes do sultán e polos mongois.

O declive do sultanato: dominio mongol e beylik emerxentes. Ano 1300.

O estado selxúcida comezara a súa atomización en pequenos emiratos (beylik) cada vez máis afastados tanto do poder selxúcida como do mongol. En 1277, respondendo a un chamado desde Anatolia, o sultán mameluco Baibars acode en axuda dos turcos e derrota aos mongois, substituíndoos por un breve período, pero vendo que as forzas nativas non colaboraban satisfactoriamente na defensa das súas terras, abandona Anatolia, que volverá ser administrada polo Imperio Mongol.

Ao final do seu reinado, Kaykhusraw III, só ten poder real nos territorios en torno a (Iconium), aínda que moitos beys (incluído o dos otomanos) seguen a recoñecer foralmente a supremacía do sultán de Iconium, quen pola súa parte se chama a si mesmo: Fahreddin, Orgullo do Islam. Kaykhusraw III é executado no 1284, sufrindo a dinastía unha guerra interna ate que en 1303 o fillo de Kaykaus II, Mesud II, se impón coma sultán, gobernando desde Caesarea Mazaca. Catro anos máis tarde Mesud II será asasinado, e ao pouco tempo tamén o seu fillo (Mesud III), e será un parente afastado quen tome o poder temporalmente coma emir de Konya. Pero en 1328 o emirato de Karamanoğlu ("Karamanidas") conquista estas terras.

Arte[editar | editar a fonte]

Kızıl Kule (Torre vermella) construída entre 1221 e 1226 por Kayqubad I en Alanya

No período entre as Cruzadas e a invasión mongol produciuse o período de esplendor das artes no Sultanato.

No aspecto arquitectónico destaca a construción de multitude de caravanserai, unha especie de fondas ou pousadas fortificadas que eran parada obrigada para as caravanas de mercadores) e para os correos. A concentración destas construcións nun espacia e nun tempo tan reducidos constitúe un fito na historia da arquitectura islámica.

O maior dos caravanserai construídos foi o de Sultan Han na rota entre Konya e Aksaray, que data do 1229.

Lista de Sultáns[editar | editar a fonte]

Antes de proceder á enumeración dos gobernantes do sultanato do Rum, da dinastía selxúcida, sinalar que hai diversas formas de reproducir os seus nomes, diferindo a súa escritura nas diversas fontes. Isto non é só debido as diferentes formas en que se transcribe o árabe ao alfabeto latino, senón que tamén se debe á influencia da escritura árabe persa que usaban os sultáns, e tamén ás correspondencias dos nomes con aqueles do turco moderno.

Ademais algúns sultáns mantiveron dous nomes, empregándoos alternativamente (por exemplo Alaeddin Keykubad I construíu dous palacios, que se chamaron palacio de “Kubadabad” e de “Keykubadiye”, e á mesquita que construíu en Konya chamouna de “Alaeddin”). Do mesmo modo algúns nomes de lugares tamén se ven alterados: así a cidade de Alanya cando foi conquistada polos turcos estes chamárona en realidade "Alaiye", substituíndo o nome latino-grego de Coracesium-Korakesion.

Sultán Reinado Comentarios
Kutalmish 1060-1077 Enfrontouse a Alp Arslan polo trono do Grande Imperio Selxúcida.
Süleyman I bin Kutalmish 1077-1086 Fundador do Sultanato selxúcida de Anatolia (Rum) con capital en İznik (Nicea)
Kilij Arslan I 1092-1107 Primeiro sultán en Konya (Iconium)
Melikshah 1107-1116
Mesud I 1116-1156
'Izz al-Din Kilij Arslan II 1156-1192
Giyath al-Din Kaykhusraw I 1192-1196 Primeiro reinado
Rukn al-Din Suleymanshah II 1196-1204
Kilij Arslan III 1204-1205
Giyath al-Din Kaykhusraw I 1205-1211 Segundo reinado
'Izz al-Din Kayka'us I 1211-1220
'Ala al-Din Kayqubad I 1220-1237
Giyath al-Din Kaykhusraw II 1237-1246 Tras a súa morte parte, ate 1260 cando Kilij Arslan IV se convirte no único soberano
'Izz al-Din Kayka'us II 1246-1260
Rukn al-Din Kilij Arslan IV 1248-1265
'Ala al-Din Kayqubad II 1249-1257
Giyath al-Din Kaykhusraw III 1265-1284
Giyath al-Din Masud II 1284-1296 Primeiro reinado
'Ala al-Din Kayqubad III 1298-1302
Giyath al-Din Masud II 1303-1308 Segundo reinado

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alexander Kazhdan, “Rūm” The Oxford Dictionary of Byzantium (Oxford University Press, 1991), vol. 3, p. 1816.
  2. Claude Cahen, Pre-Ottoman Turkey: a general survey of the material and spiritual culture and history c. 1071-1330, trans. J. Jones-Williams (New York: Taplinger, 1968), pp. 73-4.
  3. A.C.S. Peacock, "The Saljūq Campaign against the Crimea and the Expansionist Policy of the Early Reign of 'Alā' al-Dīn Kayqubād" Journal of the Royal Asiatic Society, Vol. 16 (2006), pp. 133-149.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bosworth, Clifford Edmund (2004). The New Islamic Dynasties: a Chronological and Genealogical Manual. Edinburgh University Press. ISBN 0-7486-2137-7.
  • Bektaş, Cengiz (1999). Selcuklu Kervansarayları, Korunmaları Ve Kullanlmaları üzerine bir öneri: A Proposal regarding the Seljuk Caravanserais, Their Protection and Use. ISBN 975-7438-75-8.
  • Yavuz, Ayşıl Tükel. The concepts that shape Anatolian Seljuq caravanserais. ArchNet.

Ligazóns[editar | editar a fonte]