Roger Casement

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Roger Casement , coñecido en gaélico como Ruairí Mac Easmainn, nado o 1 de setembro de 1864 en Sandycove, preto da cidade de Dublín, e finado o 3 de agosto de 1916 na cadea londiniense de Pentonville Prison, foi un diplomático irlandés, un valedor dos dereitos humanos dos pobos indíxenas e un independentista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Fillo dun capitán do exército británico, foi educado como protestante. Mentres, a súa nai, que mantiña en segredo a súa fe católica, bautizouno polo rito católico ás agachadas da familia paterna. Após o falecemento dos seus pais, abandonou os estudos e comezou a traballar para diversas navieiras no porto de Liverpool.

África e América[editar | editar a fonte]

O convencemento de que a actividade colonizadora europea levaba o progreso e a civilización aos nativos moveuno a ir traballar á África. Traballou en diversas actividades, até que foi chamado ao servizo consular do Imperio Británico.

O seu coñecemento da realidade africana determinou as autoridades británicas a lle encargar a elaboración dun informe sobre o trato á poboación orixinaria do polo entón chamado Congo Belga. Nese informe documentou polo miúdo numerosas atrocidades cometidas contra da poboación do Congo.

De volta a Europa foi requirido mais unha vez polas autoridades consulares británicas ante as denuncias de crimes contra dos indíxenas nas caucharías da rexión amazónica do Putumayo. Unha das empresas que realizaba a extracción do caucho, a Peruvian Amazon Rubber Company, tiña a súa sede en Londres. O relatorio que elaborou tirou á luz pública o trato abominábel que recibían os traballadores indíxenas, especialmente das distintas etnias dos Huitoto e dos Bora.

Independencia de Irlanda[editar | editar a fonte]

As súas experiencias en África e mais en América, convertérono nun opositor ao colonialismo. Somerxido na dinamización cultural que xerou o chamado Renacemento Gaélico (coa fundación da Liga Gaélica e a revitalización do irlandés como idioma de cultura) Roger comezou a ver a relación entre Irlanda e Inglaterra como parte dunha dinámica colonizado-colonizador. A súa toma de conciencia política virouno nun revolucionario, cun total compromiso coa causa da independencia.

Roger Casement entrou a formar parte da organización armada dos Voluntarios Irlandeses. Os voluntarios, xunto con outras organizacións, comezaron a preparar un alzamento armado contra do dominio británico.

Co inicio da Primeira Guerra Mundial, suxeriu a posibilidade de reclamar o apoio alemán para alcanzar os obxectivos independentistas. Encargóuselle a constitución da chamada Brigada Irlandesa, formada por prisioneiros de guerra irlandeses que, loitando nas filas do Imperio Británico, estaban detidos en campos de Alemaña. Malia vivir preto dun ano en Alemaña tentando de a organizar, apenas conseguiu resultados.

Acordada a data para o alzamento, xunto con dous axudantes regresa a Irlanda nun submarino alemán. A difícil travesía, un desafortunado desembarco na praia de Banna, no condado de Kerry, e os problemas de saúde que viña arrastrando dende a súa estadía na África, facilitaron a súa detención pola exercito británico no forte McKenna.

Logo de ser xulgado por alta traizón foi condenado á morte por aforcamento. Malia as peticións de destacados membros do mundo cultural como Arthur Conan Doyle ou George Bernard Shaw, a condena executouse o día 3 de agosto de 1916.

Tras reiteradas peticións do goberno da República de Irlanda, os seus restos foron repatriados no 1965, sendo soterrado no cemiterio de Glasnevin en Dublín, recibindo un funeral de estado.