Ra vermella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ra vermella
(Rana temporaria)
Rana temporaria
Rana temporaria
Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Amphibia
Orde: Anura
Familia: Ranidae
Xénero: Rana
Especie: R. temporaria
Nome binomial
Rana temporaria
Linnaeus, 1758
Subspecies
  • R. t. temporaria
  • R. t. honnorati
  • R. t. parvipalmata

A ra vermella ou ra do monte, Rana temporaria, é unha especie de anfibio anuro da familia dos ránidos (Ranidae).

É común en Europa e o noroeste de Asia. Vive en lugares húmidos e pasa gran parte da súa vida adulta na terra, volvendo á auga só para agocharse cando a atacan e para reproducirse.

As ras vermellas reprodúcense en primavera. Os machos chaman ás femias cun particular croar, parecido a un gruñido e tras o apareamento as femias poñen grupos flotantes de milleiros de ovos.

Características[editar | editar a fonte]

É a máis típica das ras pardas, aínda que a morfoloxía das poboacións galegas pode afastarse bastante da do resto das poboacións ibéricas e euoroasiáticas da especie. É máis grande, grosa e robusta que a Rana iberica, aínda que nas bisbarras galegas de baixa altituide pode ser relativamente pequena.[1]

Os machos miden entre os 33 e os 55 mm de lonxitude de cabeza e tronco, e pesan entre os 4 e os 17 g. Cómpre destacar que os exemplares adultos de 33 mm e 4 g, achados en poboacións que viven na provincia da Coruña, son os máis pequenos coñecidos para esta especie. As femias son maiores, de 45 a 65 mm de lonxitude e de 6 a 30 g de peso (nas montañas orientais de Lugo e Ourense algúns individuos alcanzan os 90 mm).[2]

A cor dorsal é, en xeral, máis clara e menos variábel que na ra patilonga, predomninando as tonalidades amareladas, alaranxadas, avermelladas, ocráceas ou pardas. Os machos poden ser agrisados (até nun 30 % dos casos nalgumnhas poboacións). Xeralmente teñen algunhas manchas escuras sobre o dorso, e un barrado ou punteado nas extremidades.[3]

Poden mimetizarse, aclarándose ou escurecéndose para pasaren inadvertidas. E non é descoñecida a aparición de inusuais coloracións, tanto negras como vermellas, e volverse azuis na épooca de apareamento. Así mesmo, coñécense individuos albinos, coa pel amarela e os ollos vermellos.[4]

En Galicia[editar | editar a fonte]

Distribución da ra vermella.

Ben espallada polo centro e o norte das provincias da Coruña e Lugo, onde se pode encontrar nun amplo rango de altitudes, chagando até o nivel do mar; máis ao sur queda restrinxida ás serras, por riba dos 400-500 m de altitude en Pontevedra, acadando os 1 700 m nos Ancares e no Courel e os 1 900 m en Pena Trevinca, Ourense (nos Pireneos sobrepasa os 2 500 m).

As poboacións galegas pertencen á subespecie Rana temporaria parvipalmata Seoane, 1855, de tamaño pequeno ou moi pequeno en relación coa subespecie tipo R. t. temporaria, cor frecuentemente avermellada con manchas negras pouco abundantes e o palmado interdixital moi reducido (de onde vbén o nome da subespecie). No noso país, as poboacións das serras acadan un tamaño moito maior que as das terras baixas; as do leste de Lugo (Ancares) son moi semellantes na súa morfoloxía ás ras vermellas doutras zonas de cordilleira Cantábrica, polo que quizais poderían pertencer á subespecie típica, R. t. temporaria Linnaeus, 1758.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Galán, P. e G. Fernández (1993): Anfibios e réptiles de Galicia. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-772-6, p. 211.
  2. Galán e Fernández, Op. cit., p. 212.
  3. Galán e Fernández, Op. cit., p. 212.
  4. Sterry, Paul (1997): Complete British Wildlife Photoguide. London: Harper Collins. ISBN 0 583 33638 8.
  5. Galán e Fernández, Op. cit., p. 213.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Ra vermella
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Ra vermella

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Andrada, Javier (1980): Guía de campo de los anfibios y reptiles de la península Ibérica. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-0589-2.
  • Arnold. E. N. e J. A. Burton (1878): Guía de campo de los reptiles y anfibios de España y Europa. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-0488-8.
  • Galán Regalado, Pedro e Gustavo Fernández Arias (1993): Anfibios e réptiles de Galicia. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-772-6.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]