Portal:Tanzania/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Tanzania, oficialmente República Unida de Tanzania (en suahili: Jamhuri ya Muungano wa Tanzania), é un país da África oriental, dentro da rexión dos Grandes Lagos Africanos. Limita ao norte con Uganda e Kenya, ao leste polo océano Índico, ao sur por Mozambique, por Malaui e por Zambia e ao oeste por Burundi, por Ruanda e pola República Democrática do Congo, fronteira exclusivamente lacustre, a través do Lago Tanganica. O país inclúe tamén o arquipélago de Zanzíbar, no Índico. O Kilimanjaro, a montaña máis alta de África, está situada no nordeste de Tanzania. Segundo as Organización das Nacións Unidas, Tanzania ten unha poboación de 63,59 millóns, polo que é o país máis poboado situado totalmente ao sur do ecuador.

O país está dividido en 30 rexións administrativas: cinco na área semi-autónoma do arquipélago de Zanzíbar e 25 no continente, na antiga Tanganica. O xefe do estado é o Presidente Jakaya Mrisho Kikwete, elixido en 2005. Dende 1996, a capital oficial de Tanzania e Dodoma, onde está localizada a Asemblea Nacional e as oficinas do goberno. Entre a súa independencia e 1996, a principal cidade costeira, Dar es Salaam, serviu como capital política. Segue a ser a principal cidade comercial do país e numerosas institucións do goberno seguen localizadas alí. É tamén o porto máis importante do país.

Tanganica e Zanzíbar fusionáronse o 26 de abril de 1964 para formar a República Unida de Tanganica e Zanzíbar. O 29 de outubro dese mesmo ano, o país foi renomeado como República Unida de Tanzania ('Tan' provén de Tanganica e 'Zan' de Zanzíbar). É, canda Kenya e Uganda, un dos tres países da África oriental ex británica. Agás os masai do norte do país, que son nilocamitas, o resto da poboación está formada por unhas 140 tribos bantú, sendo as máis importantes as de sukuma, nyamwezi, gogo e chagga no norte, e makonde e hehe no sur. O suahili e o inglés son as dúas linguas oficiais.