Pável Florensky

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pável Florenski.

Pável Florensky, nado o 9 de xaneiro de 1882 en Ievlai (Acerbaixán) e fusilado nalgún lugar preto de Leningrado o 8 de decembro de 1937, foi un investigador, científico, matemático e teólogo ruso.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Descendente por liña materna dunha familia xeorxiana e armenia, foi o primoxénito de seis irmáns. Estudou na facultade de Matemáticas na Universidade de Moscova, realizou varias viaxes a oriente e leu avidamente a León Tolstoi, que lle deixou unha fonda pegada espiritual.

Creou a aritmetoloxía como teoría das funcións descontinuas. Estudou filosofía antiga, teoloxía e lingua hebrea. Fundou unha sociedade matemática e unha fraternidade cristiá de loita revolucionaria, polo que foi arrestado. En 1906 pronunciou un sermón contra a condena de morte o que lle valeu o encarceramento.

Casou con Ana Mijailovna Giacintova en 1910 e, no ano seguinte, foi ordenado sacerdote da Igrexa Ortodoxa. Tivo catro fillos

Especialista tamén en arte, frecuentou o círculo simbolista de Moscova, interveu en debates sobre a vangarda e foi docente da escola estatal de arte e técnica de Moscova. Combinaba matemáticas, física, psicoloxía e estética. Escribiu Análise da espacialidade e do tempo nas obras de arte figurativas. Afondou na teoría da icona con argumentos baseados na xeometría, na óptica fisiolóxica e na historia da arte.

Tras a revolución soviética, traballou no laboratorio de investigación da Administración Central para a Electrificación de Rusia. A partir de 1921, ensinou teoría do espazo na arte nos laboratorios superiores de arte e técnica. Foi tamén membro do Consello superior de economía nacional. Entre 1925 e 1931 viaxou ao Cáucaso para desenvolver investigacións en mineraloxía.

En 1928, foi arrestado por perigosidade social, sendo condenado a tres anos de prisión que quedou reducida a tres meses pola intercesión da ex-muller de Maxim Gorki. Exiliado a Novgorod continuou coa súa obra científica desenvolvendo o concepto de pneumatosfera. En 1930, o réxime comunista volveu a confiarlle importantes cargos técnicos, pero a súa indumentaria de pope ortodoxo en ambientes intelectuais e científicos cada vez era menos tolerada.

En 1933, foi condenado a dez anos de reclusión nun campo de concentración nas illas Slovqui por axitación contra o sistema soviético e a publicación de materiais contrarios ao sistema soviético, por un estudo sobre a teoría da relatividade de Albert Einstein onde deixou translucir as súas ideas relixiosas. Declarado inimigo do pobo, foi confinado en un gulag e, soportando intermitentemente castigos de illamento, continuou coas súas investigacións, concretamente sobre os xeos perpetuos, líquidos anticonxelantes e a extracción de iodo. As cartas que escribiu á súa familia son testemuño de enteireza, entrega e preocupación pola educación dos seus fillos. No verán de 1937 prohibíuselle manter correspondencia coa súa muller. A partir de entón non se teñen noticias da súa supervivencia.

Por un documento da KGB, sóubose en 1990 que foi fusilado o 8 de decembro de 1937. Non se sabe o destino do seu cadáver.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Na estrutura matemática do Universo pódese experimentar a Deus como fonte da Beleza, do sentido e do fundamento da Existencia. Ese mundo é un semi ser que flúe sempre, sempre en devir e vibrante: e, máis aló, o oído sensible percibe outra Realidade.

A Verdade amósase ao home mediante un acto de graza. A Verdade mesma revélase como Comuñón de Persoas viventes, como amor gratuíto que transforma ao home a través da Escritura e o Culto comunicando o que denominou "o Sol de Emaus", que deifica ao home. Dende unha perspectiva antropolóxica o culto está na raíz de toda cultura.

Unha persoa deificada é a proba empírica da imaxe e semellanza divina que atesoura todo ser humano. A impresión de beleza e integridade dunha persoa humilde habitada pola energeia do Espírito transparenta a impresión de realidade da natureza humana sanada e restaurada pola acción de Deus.

Para unha moral social os homes son semellantes entre si, para un crente en Xesús de Nazaret son consubstanciais. O cristiá ortodoxo non está afastado de ningún ser humano nin no espazo nin no tempo, leva en si toda a humanidade.

Obras[editar | editar a fonte]

  • A Columna e o Fundamento da Verdade
  • As Fontes Humanas do Idealismo
  • A Sal da Terra
  • A perspectiva invertida