Os Diplomáticos de Monte-Alto
| Os Diplomáticos de Monte-Alto | |
|---|---|
| {{{imaxe}}} {{{lenda}}} |
|
| Información | |
| Orixe | A Coruña, Galicia |
| Período | 1990–2005, 2010 |
| Xénero(s) | Rock mestizo |
| Selo(s) discográfico(s) | DRO Fonomusic BOA |
| Membros | Xurxo Souto Rómulo Sanjurjo Guni Berto Moram Toni Simões Mangüi Martín Marcos Viascón Xavier Alonso Lola de Ribeira Manolo Maseda |
| Antigos membros | |
| Web oficial | |
Os Diplomáticos de Monte-Alto foi un grupo de música rock formado no barrio de Monte-Alto (A Coruña, Galiza) e encadrado como un dos máximos representantes do movemento bravú. Tiñan un son propio e único marcado polo uso do acordeón como instrumento principal, ademais de influencias ska, punk e folk. Cantaban en galego.
Índice |
[editar] Membros
[editar] Formación orixinal
- Xurxo Souto: voz (1990–2001)
- Rómulo Sanjurjo: acordeón (1990–2005)
- Juan Varela Guni: guitarra (1990–2005)
- Toni Simões: baixo (1990, 2001–2005)
- Berto Moram: batería (1990)
- Mangüi Martín: baixo (1990–2001)
- Marcos Viascón: batería (1990–1996)
[editar] Membros posteriores
- Xavier Alonso: batería (1996–2005)
- Lola de Ribeira: percusións, voz (1999–2005)
- Manolo Maseda: voz, acordeón (2001–2005)
[editar] Historia
[editar] Inicios
En 1989, Rómulo Sanjurjo e Xurxo Souto, ata entón compoñentes do grupo folk Belida, foron chamados para compoñer unha sintonía para a radionovela Os frigoristas, emitida por Radio Galega. Xuntáronse co guitarrista Juan Varela "Guni", o baixista Afonso Moram e o batería Berto Moram, gravando unha maqueta de tres cancións baixo o nome de Rómulo Permui e os Diplomáticos de Monte-Alto. A gravación incluía a sintonía seleccionada para a novela, unha arriscada versión do tema popular "Non chas quero".
Durante o ano seguinte a banda consolida a súa primeira formación estable, con Souto, Sanjurjo, Guni, Berto Moram e o baixista Toni Simões. O 1 de xuño realizan o seu primeiro concerto no Porriño. Desde ese momento son chamados a colaborar en varios programas da TVG e gravan unha segunda maqueta con tres cancións. Moram e Simões abandonan o grupo, sendo substituídos por Mangüi Martín ao baixo e Marcos Viascón á batería.
[editar] Primeiros discos
En 1991 o grupo grava o seu primeiro LP, Arroutada Pangalaica, editado polo selo DRO e producido pola Fundación Resentidos (fundada por Antón Reixa, Alberto Torrado e Xavier Devesa). Neste disco Os Diplomáticos xa mostran un característico son de rock alegre, con ritmo arroutado e constante presenza do acordeón. Comezan a xira Cajo na gripe, cajo na tos, dando máis de 40 concertos por España e Portugal. Inmediatamente despois de rematala, xa en 1992 o grupo inicia unha nova minixira, 14 pezas bravas, cun repertorio totalmente novo. Nos concertos da mesma, solicitábase aos seguidores que aportasen letras para o novo traballo discográfico da banda.
O segundo álbum do grupo, Parrús, ve a luz en 1993, a través do selo Fonomusic e baixo a produción de José Puga. Este disco presenta un son notablemente máis agresivo có predecesor, sendo o álbum do grupo con matices máis duros. Tralo seu lanzamento, iniciase a xira Kontra o mundo, que se prolonga ata o seguinte ano. Nese 1994 Os Diplomáticos levan a cabo diversos proxectos: gravan o documental musical Fillos de pita (dirixido por Fran Pego) e encárganse da produción executiva do recompilatorio Unión Bravú, que serve de soporte ao coñecido como movemento bravú. Ademais, gravan dous temas para o primeiro disco da serie A Cantar con Xabarín do Xabarín Club.
[editar] Consolidación
En 1995, é de novo Fonomusic quen publica o terceiro disco dos Diplomáticos, ¡Avante toda!, producido por Kaki Arkarazo e considerado por moitos seguidores como o mellor disco da banda. Nel móstrase un son máis lixeiro co do anterior álbum. O grupo realiza unha xira co mesmo título, con especial éxito no País Vasco. En medio da xira, xa en 1996 o batería Marcos Viascón deixa o seu posto, sendo substituído por Xavier Alonso. Durante eses anos Os Diplomáticos comezan unha relación persoal e profesional co músico Manu Chao, que dá pé a proxectos como Los Tres de Monforte (Chao, Sanjurjo e Josito Pereiro).
En 1997 o grupo realiza unha nova xira, Fumareu, consistente en concertos acústicos en pequenos recintos. Esta remata coa edición do libro Fumareu, escrito por Xurxo Souto e que inclue o CD Fumareu-Sesión de cámara, publicado por Xerais. Neste ano, a banda colabora de novo en diversos proxectos culturais, destacando a revista Bravú, o festival A feira das mentiras (en Santiago de Compostela) e o recompilatorio pola oficialidade da lingua asturiana, L'asturianu muévese.
Durante 1998 Os Diplomáticos céntranse na preparación do seu próximo disco. Tamén realizan a gravación O pregón de Monte-Alto, editada xunto ao libro Toxos e flores do escritor, grande amigo e colaborador do grupo Manuel Rivas.
En 1999 aparece o cuarto disco de estudio, Capetón, nesta ocasión producido polos membros do grupo Rómulo e Guni. Este disco toma por tema central a vida e as historias do mar ("Capetón" é o nome que os mariñeiros galegos daban a Cidade do Cabo, Cape Town), o que supón un xiro radical con respecto ás letras humorísticas, irónicas ou surrealistas que caracterizaban ao grupo. O cambio de orientación tamén é considerable no musical: as cancións festivas e alegres deixan paso a pezas de maior seriedade e madurez. Destacan a utilización puntual de instrumentos como a gaita e o violín e a colaboración de varios músicos e amigos da banda. Á publicación do disco síguelle unha intensiva xira co mesmo título. Durante o ano, incorpórase ao grupo a percusionista e vocalista Lola de Ribeira.
[editar] Separación
En 2000 varios membros do grupo inician proxectos paralelos. É o caso de Transportes Hernández y Sanjurjo (con Rómulo Sanjurjo e Julián Hernández de Siniestro Total) e Terra Terremota, formado por Xurxo e Guni.
En 2001 prodúcese un feito determinante para o futuro do grupo, coa retirada do mesmo do seu cantante e líder Xurxo Souto. Xunto a el vaise o baixista Mangüi Martín. Os Diplomáticos seguen adiante coas incorporacións de Manolo Maseda como vocalista e Toni Simões, quen xa estivera nos inicios en 1990, como baixista.
Durante o seguinte ano prepárase e grávase o disco Kömunikandø, que publica o selo BOA a principios de 2003. Nel, por primeira vez aparecen co nome acortado a Os Diplomáticos. Este disco ten moi pouco que ver con toda a traxectoria anterior do grupo, sendo moi notoria a baixa de Xurxo Souto como cantante e sobre todo como principal compositor das cancións. En Kömunikandø, estas toman novos ritmos (algúns deles de influencia tropical), o acordeón perde algo de protagonismo en favor dunha sección de vento metal, e a temática de boa parte das letras é por primeira vez de crítica social directa.
En 2005, o grupo anuncia mediante un comunicado de prensa a súa decisión de acabar coa súa traxectoria. Para despedirse, realizan unha última minixira durante o verán, cun último concerto no barrio de Monte Alto que os viu formarse.
[editar] Actualidade
En 2007 editouse 120 capadores, un disco-tributo con versións de vinte e unha bandas e con catro temas inéditos dos Diplomáticos. No 2010, coincidindo co 20 aniversario da formación da banda, deron concertos en Allariz e na Coruña coa formación orixinal, xunto con O Jarbanzo Negro.
[editar] Discografía
[editar] Álbums de estudo
| * | Arroutada Pangalaica | (1991) |
| * | Parrús | (1992) |
| * | ¡Avante toda! | (1995) |
| * | Capetón | (1999) |
| * | Kömunikandø | (2003) |
[editar] EP's
Fumareu - Sesión de Cámara (Edicións Xerais de Galicia, 1997)
- Marola-Berbés
- Antuerpe
- Mozambrú. De Galicia a Mozambique
- Fumareu
- Kazikes
[editar] Participacións en recompilatorios
- Gaitas, flautas y otras hierbas (Dro, 1992)
- A Cantar con Xabarín (Boa, 1994) (tema "Fura futbolín")
- Unión Bravú (Edicións do Cumio, 1994) (tema "Platinos")
- Puro Skanol 3 (editado só nos EEUU, 1995)
- ¿Dónde estábas tú? Rock galego (Dro, 1996)
- L'asturianu muévese (L'Aguañaz, 1997) (tema: "Gaiteru")
- Radical mestizo, vol. 1 (Fonomusic, 1999)
- Radical mestizo, vol. 2 (Fonomusic, 2000)
- 10 años de independencia (L'Aguañaz, 2003) (tema: "Gaiteru")