Maksym Koval
Maksym Koval | |||
---|---|---|---|
Koval co Dynamo Kyiv en 2010 | |||
Información persoal | |||
Nome | Maksym Anatoliyovych Koval | ||
Nacemento | 9 de decembro de 1992 (31 anos) | ||
Lugar de nacemento | Zaporizhzhia | ||
Altura | 1,90 m. | ||
Posición | Gardameta | ||
Información de club | |||
Club actual | Sheriff Tiraspol | ||
Número | 35 | ||
Carreira xuvenil | |||
2004–2008 | Metalurh Zaporizhya | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2008–2010 | Metalurh Zaporizhzhia | 22 | (0) |
2010–2019 | Dynamo de Kíiv | 74 | (0) |
2014–2015 | → Hoverla Uzhhorod (cedido) | 21 | (0) |
2015–2016 | → Odense Boldklub (cedido) | 10 | (0) |
2018 | → Deportivo da Coruña (cedido) | 2 | (0) |
2018–2019 | → Al Fateh (cedido) | 29 | (0) |
2019–2022 | Al Fateh | 75 | (0) |
2022– | Sheriff Tiraspol | 13 | (0) |
Selección nacional | |||
2008–2009 | Ucraína sub-17 | 8 | (0) |
2009 | Ucraína sub-18 | 1 | (0) |
2010–2011 | Ucraína sub-19 | 6 | (0) |
2010 | Ucraína sub-20 | 1 | (0) |
2010–2012 | Ucraína sub-21 | 11 | (0) |
2012– | Ucraína | 2 | (0) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. Club: actualizado a 14 de xullo de 2021 Selección: actualizado a 10 de novembro de 2017[ editar datos en Wikidata ] | |||
Maksym Anatoliyovych Koval (en ucraíno: Максим Анатолійович Ковальnado), nado en Zaporizhzhia o 9 de decembro de 1992, é un futbolista ucraíno. Xoga de gardameta e o seu equipo actual é o Sheriff Tiraspol de Transnistria.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Comezou a xogar ao fútbol na canteira do Metalurh Zaporizhzhia da súa Zaporizhzhia natal, debutando co primeiro equipo o 1 de novembro de 2009, con só 16 anos, nun partido da Premier Liha fronte ao Zakarpatia Uzhhorod, aproveitando as baixas do resto de gardametas do equipo.[1] A súa boa actuación no encontro, que acabou en vitoria por 3-0, permitiu que seguise como titular durante as seguintes xornadas. No seu terceiro partido conseguiu manter a portería a cero diante do Dynamo de Kíiv, deténdolle un penalti a Artem Milevskyi no minuto 94.[2] Defendeu a portería do Metalurh durante todos os restantes encontros da tempada, encaixando 23 goles en 19 xornadas.
O seu rendemento e precocidade chamaron a atención do Dynamo, que o contratou a comezos da tempada 2010/11. Debutou co club nun encontro da previa da Liga de Campións contra o Ajax, aproveitando a lesión de Oleksandr Shovkovskyi, e a súa impresionante actuación afianzouno na titularidade para os seguintes partidos. Con todo, trala recuperación de Shovkovskyi, Koval regresou ao banco de suplentes. Pechou a campaña cun total de 18 partidos.
Disputou 80 partidos durante os seguintes tres anos, antes de saír cedido ao Hoverla Uzhhorod na tempada 2014/15 e ao Odense Boldklub dinamarqués na seguinte. A continuación regresou ao Dynamo, onde tivo que competir polo posto de titular con outros gardametas como Artur Rudko e Denys Boyko.
O 22 de xaneiro de 2018 volveu saír cedido, desta vez ao Deportivo da Coruña da Primeira División de España, co que asinou ata o remate da tempada 2017/18, con obriga de compra en caso de permanencia.[3] O club galego estaba a ter problemas para encontrar un xogador de garantías para a portería, pola que xa pasaran ata catro gardametas durante a tempada: Rubén Martínez, Tytoń, Pantilimon e Francis.[3]
Na xornada 27, co Deportivo afundido na zona de descenso, o adestrador Clarence Seedorf decidiu darlle a oportunidade a Koval ante o Eibar en Riazor. Con todo, só durou 39 minutos sobre o terreo de xogo, ata que foi expulsado logo dunha dura entrada sobre Joan Jordán.[4][5] Xogou só outro partido co Deportivo, na derradeira xornada de liga fronte ao Valencia, co equipo xa descendido, e tampouco chegou a acabar o encontro, sendo substituído no minuto 83 por Tytoń.[6]
Na tempada 2018/19 foi cedido ao Al Fateh. No club saudita encontrou a estabilidade deportiva que non tiña nas últimos tempadas, disputando 29 encontros da liga saudita e un da Copa do Rei. Ao remate da cesión, o Al Fateh fixo efectiva a súa opción de compra do xogador, ao que asinou polos seguintes tres anos.[7]
En agosto de 2022 fichou polo Sheriff Tiraspol de Transnistria,[8] co que gañou tanto a Superliga de Moldavia como a Copa de Moldavia durante a súa primeira tempada.
Selección ucraína[editar | editar a fonte]
Despois de ser internacional nas categorías inferiores, o 1 de xuño de 2012 debutou coa selección ucraína absoluta nun amigable ante Austria no Tivoli-Neu Stadion de Innsbruck.[9] Foi convocado por Oleg Blokhin para a Eurocopa de 2012, aínda que quedou no banco nos tres partidos do seu equipo, sendo o gardameta titular Andriy Pyatov. Xogou o seu segundo e último partido coa selección cinco anos despois do primeiro, o 10 de novembro de 2017, fronte a Eslovaquia.[10]
Palmarés[editar | editar a fonte]
- Dynamo de Kíiv
- Copa de Ucraína (1): 2013/14.
- Sheriff Tiraspol
- Superliga de Moldavia (1): 2022/23.
- Copa de Moldavia (1): 2022/23.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "Metalurh Zaporizhzhia 3-0 Zakarpatia Uzhhorod". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 20 de decembro de 2023.
- ↑ "Metalurh Zaporizhzhia 0-0 Dynamo de Kíiv". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 20 de decembro de 2023.
- ↑ 3,0 3,1 Torrente, Pepe (22 de xaneiro de 2018). ""Cuando me llegó la oferta del Dépor no lo pensé mucho"". Marca (en castelán). Consultado o 20 de decembro de 2023.
- ↑ Yordi, Juan (3 de marzo de 2018). "Desastroso debut de Koval: regaló un gol y fue expulsado en 38 minutos". Marca (en castelán). Consultado o 20 de decembro de 2023.
- ↑ Pereira, Eder (12 de setembro de 2023). "De Lucas Pérez a Maksim Koval". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 20 de decembro de 2023.
- ↑ "Un (pequeño) premio para Tyton" (en castelán). 20 de maio de 2018. Consultado o 20 de decembro de 2023.
- ↑ "Официально. Максим Коваль — больше не игрок киевского «Динамо»" (en ucraíno). 1 de xullo de 2019. Consultado o 20 de decembro de 2023.
- ↑ "Добро пожаловать, Максим Коваль" (en ruso). 13 de agosto de 2022. Consultado o 20 de decembro de 2023.
- ↑ "Austria 3-2 Ucraína". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 21 de decembro de 2023.
- ↑ "Ucraína 2-1 Eslovaquia". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 21 de decembro de 2023.