Li Po

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Nomes
Chinés: 李白
Pinyin: Lǐ Bó ou Lǐ Bái
Wade-Giles: Li Po ou Li Pai
Zi: Tàibái (太白)
Tamén coñecido como: Poeta Immortal
(Shīxiān, 詩仙)
Li Bai recitando un poema por Liang Kai (século XIII)

Li Po ou Li Bai (chinés: 李白, pinyin: Lǐ Bái, Wade-Giles: Li Pai) (701-762) foi un poeta chinés considerado o mellor poeta romántico da dinastía Tang. O carácter 白, pronunciado bái en mandarín moderno, pronunciábase antigamente , motivo polo cal o seu nome transcribíase antigamente como Li Po, representación segundo o sistema Wade-Giles desta pronunciación obsoleta.

Renomeado como o poeta inmortal, está considerado un dos máis respectados poetas da historia da literatura chinesa. Aproximadamente mil poemas seus permanecen na actualidade. O mundo occidental introduciu os traballos de Li Bai a través de moi liberais traducións de versións en xaponés dos seus poemas, realizadas por Ezra Pound. Li Bai é máis coñecido pola súa imaxinación extravagante e imaxes taoístas vertidas na su poesía, e tamén polo seu grande amor á bebida. Igual que Du Fu, Li Bai pasou grande parte da súa vida viaxando, mais no seu caso isto foi grazas á súa riqueza. Dise que se afogou no río Yangzi, caendo da súa lancha ao intentar abrazar a lúa estando baixo os efectos do alcol.

Biografía[editar | editar a fonte]

Li Bai foi o fillo dun mercador rico. O seu lugar de nacemento é incerto, pero un candidato é Suiye en Asia Central (nas proximidades do actual Tokmak en Kirguizistán). Cando tiña só cinco anos de idade a súa familia mudouse a Jiangyou, cerca da moderna Chengdu na provincia de Sichuan. Foi influenciado polo pensamento confuciano e taoísta, pero finalmente a súa herdanza familiar non lle permitiu grandes oportunidades dentro da aristocrática dinastía Tang. A pesar de que desexaba converterse en oficial, non se presentou ao exame de servizo civil chinés. En cambio, á idade de 25 anos, dedicouse a viaxar pola China, desenvolvendo unha personalidade salvaxe e libre, moi diferente das ideas prevalecentes dun cabaleiro confuciano correcto. Esta imaxe fascinou tanto aos aristrócratas como á xente común e Li Bai foi finalmente presentado ao emperador Xuan Zong en 742.

Outorgóuselle un cargo na Academia Hanlin, a cal servía para prover unha fonte de experticia intelectual para o emperador. Li Bai permaneceu durante menos de dous anos como un poeta ao servizo do emperador, mais foi finalmente despedido por unha indiscreción descoñecida. Consecuentemente vagou pola China o resto da vida. Coñeceu a Du Fu no outono de 744 e volveuno a encontrar o ano seguinte. Estas foron as únicas ocasións en que se encontraron, pero a súa amizade permaneceu sendo particularmente importante para Du Fu (unha ducia dos poemas de Du Fu tratan de Li Bai, comparados con só un de Li Bai a Du Fu). No momento da rebelión de An Lushan involucrouse nunha revolta subsidiaria en contra do emperador, mais aínda nons se sabe o grao no cal foi unha acción voluntaria. O fracaso da rebelión resultou no seu segundo exilio a Yelang. Foi absolto antes de que a súa viaxe de exilio terminara.

Li Bai morreu en Dangtu, actual Anhui. Algúns eruditos cren que a súa morte foi o resultado de envenenamento por mercurio tras un longo historial de consumo de elixires taoístas para a lonxevidade, en cambio outros cren que morreu por envenenamento con alcol.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Li Po Modificar a ligazón no Wikidata
Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de: Li Po

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]