Joseph Beuys

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Joseph Beuys.
Beuys Filtz TV von Lothar Wolleh.

Joseph Beuys, nado o 12 de maio de 1921 en Krefeld e falecido o 23 de xaneiro de 1986 en Düsseldorf, foi un artista alemán que traballou con varios medios e técnicas como escultura, performance, happening, fluxus vídeo e instalación. É considerado un dos artistas alemáns máis influentes da segunda metade do século XX.

Vida e obra[editar | editar a fonte]

Aínda que se dubidou a miúdo da súa veracidade, Beuys afirmaba que combatera como piloto na Segunda Guerra Mundial, que se estrelara en Crimea, que estivera a piques de morrer conxelado, e que uns nativos o rescataran e enzoufándoo con graxa e envolvéndoo en feltro para evitar a súa morte. En calquera caso, ambos elementos aparecerán constantemente na súa obra.

Traballou de profesor universitario ata que foi expulsado anos despois. A obra que realizou no seu tempo de profesor, afecta na relación da pedagoxía co estudo da arte, xa que Beuys cambiou totalmente o enfoque de ensino que se tiña até o momento.

De 1946 a 1951 estudou na Escola de Belas Artes de Düsseldorf, onde máis tarde foi profesor de escultura.

En 1962 comezou as súas actividades co movemento neodadá Fluxus e Happening. O seu maior logro foi a socialización que conseguiu facer da arte, achegándoo a todos os tipos de publico.

As súas accións non tiñan tanto que ver cos espaventos neodadaístas para escandalizar ó burgués, senón que tiñan un significado máis profundo. En Como explicar os cadros a unha lebre morta 1965 púxose mel e pan de ouro na cabeza e faláballe sobre a súa obra a unha lebre morta que tiña entre os seus brazos. Nesta obra vincula factores espaciais e escultóricos, lingüísticos e sonoros á figura do artista, á súa xestualidade corporal, á súa conciencia de comunicador que tiña como receptor a un animal.

Beuys asumía o papel de chaman con potestade de curar e salvar a unha sociedade que el consideraba morta.

En 1974 levou a cabo a acción Gústame América e a América gústolle eu onde Beuys, un coiote e materiais como papel, feltro e palla, constituíron o vehículo da súa creación. Conviviu 3 días co coiote. Apilaba periódicos americanos símbolo do capitalismo norteamericano. Ós poucos o coiote e Beuys vanse afacendo un ó outro e ó final Beuys abraza ó coiote.

Con esta acción formula unha crítica á política estadounidense en relación ós indios, onde el representaría a EE.UU. e o coiote ós indios norteamericanos.

Beuys repite moitos obxectos utilizados noutras obras. Obxectos que difiren dos ready mades duchampianos non pola súa natureza pobre e efémera, senón por ser parte da vida do propio Beuys que os "puxo aí" tras convivir con eles e deixarlles a súa pegada. Moitos teñen relación autobiográfica, como o mel ou a graxa utilizada polos tártaros que lle salvaron durante a Segunda Guerra Mundial.

En Traxe de feltro, de 1970. Beuys simboliza o illamento do home na sociedade do noso tempo, un illamento non necesariamente negativo, xa que en doses prudentes pode ser catalizador de extraordinarias forzas creativas.

En 1979, o Museo Guggenheim de Nova York exhibiu unha gran retrospectiva da súa obra.

Beuys utilizou a arte, unha arte dinámica, fluída e corrosiva até o extremo de converterse nun anti-arte, para educar, curar e redimir ó ser humano e á sociedade espiritualmente enferma e perdida no caos do mundo.

Política[editar | editar a fonte]

Beuys tivo outra cara, máis en relación coa política. Creou en 1967 o Partido Alemán de Estudantes, cuxos obxectivos básicos eran educar a tódalas persoas na madurez intelectual e propiciar o concepto ampliado da arte. As súas proposicións navegaban entre o utópico e o anarquista. En 1971 esta organización transformouse na Organización para a democracia por referendo, para a posibilidade dunha democracia directa, na cal se podería lexislar de abaixo a arriba, impondo a vontade do pobo. Unha nova sociedade do socialismo real, post-capitalista e post-comunista.

Algunhas obras[editar | editar a fonte]

  • Nevada, 1965
  • Como explicar os cadros a unha lebre morta, 1965. Galería Schmela, Düsseldorf.
  • Coiote, 1974. Galería René Block, Nova York.
  • Bomba de mel no lugar de traballo, 1974-1977
  • Mostra a túa ferida, 1976
  • Fin da arte do século XX, 1982. Instalación na Bienal de Venecia 2001
  • 7.000 carballos, 1982. Documenta VII

Bibliografía[editar | editar a fonte]

GUASCH, ANNA MARIA; A arte última do século XX. Do posminimalismo ó multicultural. Alianza editorial. Madrid. 2000.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Joseph Beuys